menú
xesus couceiro blog

Xesús Couceiro, unha vida entre libros

23/04/2018
Blog R

Ai, o día do libro! Morte de Cervantes, de Shakespeare, día de San Xurxo… pero a nós isto quédanos un chisco lonxe non si? Pensando en Galicia, que iconas temos arredor deste grande invento ademais de grandes autores e grandes editoriais…? Libreiros que fixeron historia!

Entón acendéusenos unha luceciña, e pensamos en Xesús Couceiro, o dono da famosa libraría da praza de Cervantes, en Santiago de Compostela. Seguro que ten milleiros de anaquiños de historia do libro galego que contarnos, dixemos. Fomos na súa procura e así foi. Se non nos cres le a continuación, le…

 

-En que ano comezaches nisto do libro, Xesús?

A primeira librería abrina en marzo de 1969 en Santiago de Compostela.

-Por aquel entón como eran as cousas para os libreiros?

Solo che vou a dicir que en Santiago había 12 anos que non se abría unha librería. Había as tres ou catro de sempre. E aos cinco anos de eu abrir, había máis de 15 librarías novas en Santiago!

Podemos dicir que foi un boom a partir da lei de Villar Palasido no ano 1971. Daquela, cando un rapaz comezaba a escola, o prezo do ano completo eran 90 pesetas e contaba con tres libros: un de lingua, un de ciencias e outro de matemáticas. No 71, co cambio de lei, pasaron a máis de 800 pesetas o mesmo curso!

Supoño que aí foi cando a libraría comezou a recibir máis cartos e de aí que houbese tantas en moi pouco tempo.

“Cando abrín en Santiago había tres ou catro librarías clásicas, e en poco tempo houbo máis de 20”

-Os clientes pedían máis libros de ocio, como novelas?

Non había moitos lectores non… iso aumentou tamén a partir dos anos 70. Había unha ilusión de apertura política, ía haber un cambio, entón iso foi creando máis entusiasmo na sociedade.

Ademais, daquela, incluso había moitos libros prohibidos! Que os había que conseguir de “estraperlo” (ri). Eran cousas moi raras!

-En que época percibes a apertura definitiva?

Entre o 70 e o 75 comezou a haber máis clientes e máis ilusión polo libro. Ti pensa que se en Santiago había tres ou catro librerías clásicas, e en pouco tempo houbo máis de 20 librarías en Santiago, é que algo pasou.

-Que diferenzas atopas coa libraría hoxe e a dos anos 70?

Daquela, fundamentalmente, a libraría estaba dedicada a libro escolar. Xa no 75, os libros que máis se solicitaban eran os políticos, sobre todo se estaban prohibidos. Agora eu creo que se vende de todo.

Daquela, en realidade, que se publicaban, 30 ou 40 libros ao ano? Pasouse diso a, por exemplo, 1.500 ou 2.000 que se publican agora.

-Hai quen di que o libro electrónico vai a desterrar ao papel, ti que opinas disto?

Eu opinei dende o comezo que o libro electrónico ía ter a súa clientela. Empezou con moita forza, pero o certo é que actualmente xa baixou bastante do que chegou a ser.

Ten a súa clientela porque é práctico para quen viaxa moito, por exemplo. Pero o pracer de ler está no papel, non está no libro electrónico.

-Entón, damos por feito que ti prefires un libro en papel…

Os lectores prefiren todos en papel… os lectores de verdade! (ri)

“O pracer de ler está no papel, non está no libro electrónico”

Tes unha editorial que se dedica a reeditar libros sen dereitos de autor, cóntanos un chisco sobre isto.

Si, O Cerne. Esa é unha das editoriais, despois de Galaxia e Xerais, máis antigas de Galicia.

Eu tiña bastante comunicación co seu dono que, por circunstancias, dixo que non lle interesaba moito continuar. Total, que nós mercamos unha parte e estivo parada uns anos. Despois fixémonos coa totalidade das accións e, en lugar de ser unha editorial normal, o único que facemos son facsímiles de libros que non teñen xa dereitos de autor.

É a única que hai en Galicia, e é un mundo bastante atractivo.

-Como dades con estes libros?

A nós non nos é moi difícil porque, como na libraría temos unha sección de libro antigo, practicamente coñecemos a totalidade deles. Cando atopamos algún que nos ten atractivo especial, editámolo.

-Ademais de todo isto, es un dos socios fundadores da editorial Laiovento. A filosofía tras dela é moi peculiar, non si?

A filosofía de Laiovento vén porque, nun momento determinado, pensouse que era conveniente abrir unha nova posibilidade para aqueles escritores que non querían escribir na ortografía oficial. Chamámoslle os reintegracionistas. Entón perdíanse moitos orixinais importantes, porque non había editor que os quixera editar.

Entón, Laiovento, unha das principais cousas que fixo foi unha declaración de principios onde só se renunciaría a un exemplar que non reunira as condicións de calidade. Pero nunca por ningunha outra cousa: nin por política, nin por ortografía, nin nada! E esa é a liña que seguiu ata agora.

-Hai algunha outra faceta de Xesús que non coñezamos?

Nesa época de cambio político da que falamos, eu fun o primeiro presidente da Agrupación de Libreiros de Santiago. Despois fun o primeiro presidente da Federación de Libreiros de Galicia. Esta federacións defendían os dereitos do gremio, pero non se dedicaba só a iso.

A Federación de Libreiros de Galicia, no ano 79, fixo a exposición do libro galego máis importante realizada en Galicia en todos os tempos. Foi no Museo do Pobo Galego e editouse un catálogo, porque trataba de expoñer todo o libro que fora publicado en Galicia.

“Fun o primeiro presidente da Federación de Libreiros de Santiago, despois de Galicia e cheguei a ser presidente da Confederación de Libreiros de España”

-Como chegas a ser presidente destas federacións?

Fora presidente da Agrupación de Santiago. Daquela había bastantes problemas no gremio, entón, entre eu e algún máis, intentamos que a asociación fose a nivel de Galicia. Conseguimos que se organizase unha agrupación na Coruña, outra en Ourense, outra en Pontevedra, outra en Lugo, outra en Ferrol… De aí naceu a Federación de Libreiros de Galicia, que era a que coordinaba as sete agrupacións.

Estamos falando do 76 ou 77. Cando rematou o Sindicato Vertical, a Federación de Libreiros de Galicia tiña unha organización bastante boa e foi a primeira que se presentou en Madrid. Era a máis importante daqueles tempos. Cheguei a ser vicepresidente da Confederación de Libreiros de España e incluso, durante un ano, presidente dos libreiros de España!

-É unha traxectoria moi importante, Xesús! Non coñeciamos nós esta faceta…

Bueno… importante… dedicáballe máis tempo á asociación que á librería! (ri) Pero iso doume a oportunidade de coñecer moitas cousas do mundo do libro que non tería coñecido. A Confederación de Libreiros de España tiña acceso aos Ministerios de Cultura, Educación… cheguei a ser recibido por Adolfo Suárez na Moncloa!

-Cóntanos como foi iso!

Tiven unha impresión bastante favorable del. O que pasa é que xa era ao final, cando a UCD estaba un pouco en caída libre e non chegou a realizarse o que nós lle pediamos. Pero quedoume a impresión de que xa non era por culpa del… que era polos outros ministros.

-Estas reivindicacións cambiaron hoxe?

As cousas cambiaron. Pero para a librería non foron a mellor porque todas as cousas que foron sucedendo eran máis ben favorables aos editores.

“Todas as melloras que foron sucedendo no sector son máis ben favorables aos editores”

-Ves mellora no horizonte?

A situación vai mellorar dende que os libreiros teñan una coordinación, poidan presentar as súas reivindicacións e que lles fagan caso. Naquel momento vin que se conseguiu bastante, pero, a partir de aí, os distintos gobernos relaciónanse máis cos editores que cos libreiros, e velan sempre polos intereses dos editores.

-Ti que traballas con libros todos os días, cal é a edición mellor feita que gardas no recordo?

O Cerne levou o premio ao exemplar mellor editado do ano (rebusca entre os libros)… do ano 80! Era de Fermín Bouza Brey, Obra literaria completa.

-Ademais de libreiro e editor, es lector afeccionado?

Home! Un libreiro ten a obriga de ser lector!

-Cal é o teu libro preferido?

O meu libro preferido é Sempre en Galiza, de Castelao. Porque fundamentalmente o que defende é o cariño a Galicia, ás súas xentes, a defensa dos seus intereses…

-Crees que os nenos de hoxe len abondo?

Pois mira, probablemente a sección que mellor está a funcionar na libraría actualmente é a sección infantil.

-Se puideses ser unha personaxe durante todo o Día do Libro, quen serías?

Rosalía de Castro! Pola mesma razón que comentaba co de Sempre en Galiza. Rosalía de Castro en toda as súas obras parece que leva a Galicia dentro, é unha defensa do que é a terra esta.

 

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novidades e a información dos teus servizos R
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

0 comentarios

R Cable y Telecomunicaciones Galicia, S.A.U. é o responsable do tratamento dos datos persoais que nos facilites e trataraos para a xestión da túa solicitude de facer comentarios neste blog en base a unha relación contractual. Non cederemos os teus datos persoais a ningún terceiro, salvo que exista unha obriga legal. E só os compartiremos cos nosos provedores que deban ter acceso para prestarnos un servizo. Tes, entre outros, dereito a acceder, rectificar e suprimir os teus datos, como se explica na información adicional da política de privacidade da nosa web.
Ao facer clic no botón publicar comentario declaras coñecer e entender a política de privacidade da Sociedade.