
Ana Conde, a xornalista que apostou polo galego co Teovivo
Xa fai catro anos que un xornal chamado Teovivo saía ás rúas do concello de Teo. Tratábase dun periódico mensual que contaba as grandes historias que acontecen en Teo. E cal foi a sorpresa cando se decataron de que este curioso xornal estaba escrito en galego!
Ana Conde sempre tivo claro que o xornal en papel aínda tiña moito que proporcionar ao mundo, e xa nin te imaxinas ao xornalismo sobre Galicia, en galego. Ela é o exemplo perfecto de como contribuír a que a nosa lingua siga viva porque en realidade está na man de todos e cada un de nós.
-De onde vén esta idea dun xornal en papel nunha época na que o dixital semella ser o camiño a seguir?
A idea vén de vello, xa da miña época universitaria, cando o dixital aínda estaba aterrando. Con todo, o Teovivo naceu en 2014, xa en plena crise da prensa escrita, froito do convencemento de que, se algún xornalismo en papel ten futuro, ese é o de proximidade. Iso non quita que teñamos presenza nas redes sociais, con dous perfís (Facebook e Instagram) que nos dan grandes alegrías.
-E aínda por riba, en galego. Non che dicían que estabas un pouco tola?
Non, pero é o que dis ti, a moitos xa lles parecía un suicidio o de montar un xornal en papel, para canto máis ao ver que estaba escrito en galego, o comentario era en plan… “por riba!” (risas).
“Neste país o fracaso está demonizado, e moita xente non se atreve a facer realidade unha idea por medo a que non funcione.”
-Que lle comentarías agora ás persoas que pensaban que era tan arriscado apostar por un medio en galego e en papel nestes tempos?
Que ás veces neste mundo hai que ir a contracorrente e loitar polo que un cre. No meu caso, aspiraba a poñer de moda en Teo un xornal deses que seica xa non se levaban, e no seu día pensei: Aínda no peor dos casos, de non saír airosa da aventura, só o feito de saber que no futuro non mirarei atrás e me arrepentirei de non telo intentado, fai que xa pague a pena. Neste país o fracaso está demonizado, e moita xente non se atreve a facer realidade unha idea por medo a que non funcione. E iso é unha mágoa.
-Por que en galego?
Pois porque non tería sentido facelo en castelán, nin mo planteei, de feito. Nun concello como Teo, no que a inmensa maioría dos veciños falamos galego, que sentido tería traducir á xente logo no periódico? Ademais, eu xa levaba anos traballando nun xornal en galego e creo que desde os medios de comunicación podemos facer moito pola nosa lingua, dándolle prestixio ao usala a diario para informar. Porque se falamos no noso idioma, por que non o imos a utilizar tamén con total naturalidade á hora de escribir ou ler?
“Se falamos no noso idioma, por que non o imos a utilizar tamén con naturalidade á hora de escribir ou ler?”
-Teo é un concello moi grande e con bastante poboación no rural. Moita dela nunca lera en galego. Supoño que ao principio lles custaría. Pero que tal agora?
Claro, de feito xa foi o primeiro que me recriminou un avó nada máis nacer o Teovivo: “Como podes facernos isto aos vellos? Nós non sabemos ler en galego!”. Por sorte, pouco tempo despois díxome: “Tiñas razón, érache cuestión de práctica. Pero xa estás facendo dous ao mes, que un non nos chega a nada! (risas)
Hoxe están encantados co periódico que fala coma eles, descubriron que nunca é tarde para ler en galego e ven que pagou a pena o esforzo, como nos contaron nun obradoiro que realizamos ao ano de saír á rúa para desvelarlles o significado das palabras que aínda se lles resistían no xornal. Ver como os avós e avoas de Teo desfrutan lendo no idioma que de cativos lles prohibían na escola é sen dúbida unha das maiores satisfaccións deste traballo.
-Como foi a acollida do xornal?
Pois o certo é que fantástica, precisamente polo atractivo que ten o xornalismo de proximidade, que lles fala aos veciños do que máis lles interesa. No Teovivo os protagonistas son eles e as súas historias, contando mes a mes a vida do pobo, descubrindo cousas que tiñamos á beira da casa e descoñeciamos, poñendo en valor a nosa xente, a nosa cultura e os nosos negocios, e mesmo rescatando a memoria histórica do municipio.
“Ver como os avós e avoas de Teo desfrutan lendo no idioma que de cativos lles prohibían na escola é unha das maiores satisfaccións.”
-Que é do que máis orgullosa estás destes anos de vida da publicación?
Ver como a fin de mes os teenses agardan con expectación a chegada dun novo Teovivo, algo que vexo en persoa porque tamén o reparto. Nos puntos de venda sempre me din que a partir do día 20 a xente xa anda a preguntar polo novo Teovivo, xa lles tarda (risas). Logo, se hai algo que non deixa de sorprenderme, é que son moitos os veciños que o coleccionan! Ata tivemos que facer uns arquivadores por petición dos lectores, porque gardan os xornais como se fosen tesouros. Se o penso ben, emociónome.
-Algún profesor de xornalismo da Facultade de Comunicación de Santiago dixo que o Teovivo era a mellor publicación local galega. Iso dá responsabilidade, vertixe ou orgullo?
Pois igual as tres cousas á vez, aínda que di ti que tamén inflúe o feito de que hoxe non hai moitas publicacións locais en papel. Unha pena tendo en conta o moito que se pode facer desde un xornal local. No meu, eu aplico todo o que aprendín durante os dez anos que traballei en medios máis grandes, porque ser pequeno e humilde non impide ser profesional e intentar dar un contido de calidade.
-Cantas persoas traballan no Teovivo?
Desde hai ano e medio conto cunha persoa que me axuda en tarefas de administración, distribución e preimpresión. Logo, fundamental dende o primeiro día é a colaboración de Antón Galocha, no pasado o meu profesor de Deseño Gráfico na Universidade e hoxe amigo e veciño, grazas a quen o Teovivo ten un deseño ao nivel das grandes publicacións. A revisión final con el cada mes antes de metelo en imprenta é o momento que máis agardo e desfruto en cada número.
-O día a día no xornal é duro?
Duro non, pero é moito traballo, iso é innegable. Eu porque son unha persoa súper activa e teño unha capacidade de traballo… digamos que xeitosa, pero co Teovivo pasei de ser xornalista a editora, directora, redactora, fotógrafa, administrativa, comercial, publicista e ata repartidora. E hai que andar! (risas).
“Ser pequeno e humilde non impide ser profesional e intentar dar un contido de calidade.”
-E reconfortante?
Moito. Que os veciños che digan que hoxe non se imaxinan Teo sen o Teovivo, que o xornal xa forma parte da nosa idiosincrasia ou que ata se converteu nun elemento vertebrador nun concello tan disperso, unindo máis á xente dunha punta a outra… Iso fai que todo o traballo pague a pena, porque como di Antón: “Que ben se pasa e que cansado é, pero tamén é cansado bailar!”. Pois esa é a filosofía! (risas).
-Pódesnos contar algunha anécdota que che veña á mente?
Anécdotas? Miles! Inesquecible foi aquela reportaxe na que catro avoas descubriron co Teovivo como era o mar, levándoas por primeira vez á praia. Nisto que estaban mollando os pés, coas enaguas arremangadas, cando se achegaron dúas mozas… que resultaron ser de Teo! E vai a señora María e dime: “Eu non me encoiro! Pero estas mozas estanche guapas en bikini, si señor, aínda non dan vergonza!” Que risas botamos, tras o que as inmortalizamos nunha simbólica foto co pasado e presente das mulleres teenses.
Noutra ocasión, vou entrevistar un centenario a Calo e cal é a miña sorpresa cando me conta que el sae todos os días de viños pola zona. Pois alá me fun unha mañá de chiquitas con el! Porque xa se sabe que o deber de todo xornalista é contrastar a información, e esta soaba incrible pero érache ben certa, e que reportaxe máis divertida nos quedou para o recordo! (risas)
“Que os veciños che digan que hoxe non se imaxinan Teo sen o Teovivo fai que todo o traballo pague a pena.”
-Cres que a situación da nosa lingua mellora?
Non, eu véxoa empeorar día a día. Abóndame con pisar os colexios de Teo e ver a cantidade de nenos que falan castelán. Co cal, o galego xa non só vai a menos nas cidades.
-Cres que a nivel particular se pode traballar a prol do galego e fomentar o seu uso?
Claro! Na man de todos e todas está manter viva a nosa lingua, e o Teovivo é un pequeno exemplo. Só hai que crer nela, quererlle e ter claro que é unha riqueza ter un idioma propio, usémolo!
2 comentarios
Ao facer clic no botón publicar comentario declaras coñecer e entender a política de privacidade da Sociedade.
Buenos días.
Soy Luis Hermida, presidente de la Asociación de taxis de TEO.
Me gustaría saber que precio tienen la publicidad en el periódico mensual y también saber si se podría hacer un reportaje sobre la problemática que existe con los taxis, paradas y demás…
Un saludo.
Hola, Juan Luis.
Este blog es para resolver consultas o informar de servicios que prestamos desde R por lo que no puedo ayudarte en lo que nos planteas.
Un saludo.