menú

Raúl Ordóñez: a importancia da educación dixital

18/03/2019
Blog R

Raúl Ordóñez é o director da axencia Sherpa Digital, que ten como finalidade axudar a persoas e empresas a adaptarse aos continuos cambios tecnolóxicos que estamos a vivir. Hai xa 20 anos que o divulgador en materia dixital traballa intensamente para que os seus clientes sempre teñan o norte á vista con isto da dixitalización.

Falamos con el para que nos conte que fai cada día dende Sherpa e por que a súa labor é tan necesaria e importante. E tamén, como te pode axudar se es unha nai ou pai que non comprende como o pequeno se relaciona coa tablet, o Fortnite ou o Instagram.

– A que te dedicas?

– Estou ligado á rede dende finais dos noventa a través de diferentes proxectos e iniciativas que xurdiron no noso país en torno aos blogs e ás redes sociais. Apaixóname o mundo tecnolóxico e súa incidencia na sociedade.

Agora, dirixo a axencia Sherpa – Cultura Dixital, dende onde trato de transmitir esta experiencia a outros profesionais, organizacións e empresas para axudarlles a entender e adaptarse ao cambio dixital que estamos a vivir.

– Que significa ser divulgador na materia de educación dixital?

– Significa ter un claro compromiso social por facer ver a outras persoas a importancia que ten o medio dixital en todos os aspectos da súa vida cotiá e profesional tanto no presente como no futuro.

Esta divulgación inclúe por suposto compartir o coñecemento necesario para que perdan o medo a este novo entorno sobre o que existen tantos mitos e adquiran as competencias e habilidades tecnolóxicas necesarias.

Sempre opinei que Internet debe servir para conseguir que os seres humanos sexamos máis libres e máis felices e isto só se alcanzará se investimos en educación e combatemos a fenda dixital que por desgraza aínda podemos ver en moitos colectivos.

“Internet debe servir para conseguir que os seres humanos sexamos máis libres e máis felices”

– Es experto en novas tecnoloxías, axudas a empresas á transformación dixital, pero tamén a familias. Cal é a parte máis reconfortante do teu traballo?

– Sen dúbida, a reacción positiva de todas as persoas que conseguen mimetizarse con este novo entorno e que descobren como Internet e a tecnoloxía, máis alá de supoñer un perigo ou unha dificultade, converterse en auténticos aliados para os seus negocios, proxectos ou ámbitos familiares.

Traballei con pequenos negocios que conseguiron multiplicar as súas vendas apostando polo márketing dixital, organismos que grazas ás redes sociais comezaron a comunicarse cos seus usuarios de forma moito máis natural e humana, máis aló das clásicas e frías mensaxes protocolarias, ou colexios nos que, despois dunha charla, algunhas nais ou pais viñeron a agradecer o cambio de visión e actitude que lles supuxo esa pequena formación para as súas familias.

– Tes 20 anos de experiencia no sector das novas tecnoloxías e imaxino que cambiaron moito as cousas neste tempo, cres que nos adaptamos mellor aos cambios tecnolóxicos agora que hai 20 anos?

– Hai 20 anos aínda era posible discernir a fronteira entre o mundo real e o virtual. Os móbiles usábanse só para falar por teléfono, a xente facía cola nos bancos, non existían as redes sociais e os videoclubs estaban en pleno apoxeo…

Internet e a tecnoloxía comezaban a chamar á porta das casas a golpe de módem de 28 e 56Kbs e toda unha xeración de mozos, a chamada “Xeración Y”, tivemos que afrontar en primeira persoa e mediante a auto aprendizaxe a chegada da dixitalización e os seus principais actores: Google, os blogs, as primeiras redes sociais, o nacemento dos smartphones e as apps

Hoxe en día o mundo dixital e o real forman parte dun mesmo plano e retroaliméntanse. Normalizamos a relación con moitas destas tecnoloxías que forman parte do noso día a día. As posibilidades de información e aprendizaxe que temos a nosa disposición son case infinitas e todo isto incide, por suposto, nunha mellor adaptación ante os novos cambios.

Pokemon Go

– E os nenos, entenden mellor as novas tecnoloxías que os seus pais, ou é unha falacia?

– O nativo dixital é un concepto sobre o que a miúdo falamos nas nosas charlas. Consiste en considerar a un menor competente no uso da rede e a tecnoloxía só polo mero feito de selo.

Isto definitivamente non é así, igual que un adulto, nacido na época dos automóbiles non sabe conducir un coche.

A confusión moitas veces prodúcese porque a tecnoloxía é cada vez máis accesible e usable e porque, ademais, fomenta a socialización, a creatividade ou a innovación. Todos os procesos son especialmente activos e necesarios en idades temperás, polo que é lóxico que este segmento de poboación teña un uso intensivo da mesma.

Pero más alá disto, o sentido común e a experiencia de vida cando falamos do uso de dispositivos e redes é fundamental e o ten un adulto, non un menor. Por iso é importante que os pais os acompañemos e mediemos activamente na súa educación dixital, tratando de amplificar ao mundo online moitos dos valores que xa lles transmitimos en outros ámbitos da vida cotiá (non abras a porta a descoñecidos, non lle facilites o teu nome a alguén que te pregunta pola rúa, etc.).

Iso si, tamén debemos ser autocríticos, porque os adultos moitas veces somos os primeiros en perder o norte en Internet: compartindo xeolocalización, usando o móbil nos coches, difundindo noticias falsas… ou ata usando o móbil en reunións con amigos mentres os nenos xogan.

“A chamada “Xeración Y”, tivemos que afrontar en primeira persoa e mediante a auto aprendizaxe a chegada da dixitalización”

– Falamos de Bitácoras, que é o máis bonito que levas deses case 10 anos?

– A miña etapa en Bitácoras foi unha das máis emocionantes da miña vida. Tiven a oportunidade de vivir de primeira man a eclosión do fenómeno blog e as redes sociais no nosos país. Traballar con marcas e organismos de primeiro nivel, contar cun grande equipo e ter contacto con moitos dos actores que hoxe son primeiras espadas no mundo dixital. Como podes imaxinar, quédome co moito que aprendín e todas as persoas especiais que coñecín.

Nenos mirando a tablet

Youtuber é a cuarta profesión máis desexada polos pequenos, non dista moito en esencia de ser blogger, vendo o éxito e renome de moitos bloggers, debemos alimentar as gañas dun neno que afirma que de maior quere ser Youtuber?

– Algunhas persoas identifican a figura do Youtuber como a dun mozo ao que unicamente lle preocupa compartir  as súas partidas de videoxogos ou travesuras nunha canle. Máis alo dos tópicos, o certo é que existen nesta plataforma centos de exemplos e expoñentes de auténticos creadores de contido que o fan realmente ben e achegan moito talento e creatividade en todo tipo de temáticas.

Por poñer un exemplo próximo, o de Sebas G Mouret, un mozo lucense apaixonado da literatura,  que comezou a súa canle de YouTube cando só tiña 14 anos e que hoxe en día xa suma case 250.000 subscritores.

Por iso, se temos una nena ou neno na casa que teña algunha aflición ou interese, en lugar de desmotivalo, unha boa idea pode ser sentarnos xuntos para navegar e descubrir canles e identificar usuarios referentes nesas temáticas de interese (música, ciencia, robótica, deportes…)

Podemos motivalo explicándolle usos creativos e prácticos que podería facer máis alo dos que habitualmente realiza (xogos online ou redes sociais). Por exemplo, tocando algún instrumento online, realizando entrevistas, gravando os seus avances cos drons…

O propio proceso de creación de contido que require a plataforma axudaralle a adquirir e mellorar todo tipo de competencias: edición de vídeo, iluminación, son, falar en público, posicionamento web… Non hai nada malo en todo isto, ao contrario!

“É importante que os pais mediemos activamente na súa educación dixital, amplificando ao mundo online os valores que xa lles transmitimos en outros ámbitos da vida cotiá”

– Agora es director en Sherpa Digital, que facedes neste proxecto?

– Damos resposta ás principais necesidades que plantexa o cambio dixital na sociedade, guiando y acompañando a profesionais e empresas na súa adaptación aos procesos de transformación dixital. Moitas veces esta axuda materializase impartindo cursos ou formacións, outras veces na forma de consultoría e outras, na planificación e execución de estratexias online ou proxectos tecnolóxicos.

– Botáchedes a andar en 2017, como xorde esta idea?

– O nome está inspirado nos sherpas nepalíes. Como no seu caso, a nosa intención é acompañar ata a cima aos nosos clientes.

Tras a frutífera etapa en Bitácoras apetecíame moito emprender un proxecto que tratase de levar a cultura dixital a todos os públicos, familias, empresas… e que tivese unha clara aposta pola educación.

– Uns pais que non saiban como xestionar a aflición do seu fillo ao móbil, ao Fortnite ou ao Instagram, pode acudir a Sherpa?

– Dende logo. Grazas a proxectos como o de nativos R, cada vez somos máis conscientes de que este novo escenario, como tantos outros, xera descoñecemento e medos e por iso, resulta fundamental que nais, pais e educadores en xeral, conten coa orientación e formación precisa que lles sirva en primeira instancia para aclarar moitas de súas dúbidas e tamén para acompañar despois e mediar activamente no aprendizaxe dixital destes menores.

“Proxectos como o de nativos R, fan que pais e educadores conten coa orientación e formación necesaria para mediar activamente na aprendizaxe dixital destes menores”

– Es pai, verdade? Como afrontas a relación dos teus fillos coas novas tecnoloxías?

– Dunha forma natural, progresiva e positiva. Sabendo que nun primeiro momento hai que ir educándoos e ensinándolles a usar o dispositivo ou aplicación en cuestión, explicándolles para que serven certas funcionalidades ou como se realizan determinadas cousas… Despois chega o momento de acompañalos durante o seu uso, asegurándonos de que efectivamente vai todo ben ou mediando no caso de ser necesario e, finalmente, chegará un momento no que será suficiente a supervisión.

Os aparatos tecnolóxicos como as tablets ou os ordenadores, son un obxecto máis na casa como o pode ser un xoguete ou un libro e, dependendo da idade do pequeno, poden servir para ler, para contar, para xogar, para divertirse, para viaxar, para imaxinar…

No meu caso teño dous: Pedro, que aínda é pequerrechiño e Laura, que xa case ten 6 anos… xa podedes imaxinar que non nos aburrimos

Imaxe de Raúl Ordóñez feita por Manuel María López

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novidades e a información dos teus servizos R
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

0 comentarios

R Cable y Telecable Telecomunicaciones, S.A.U. é o responsable do tratamento dos datos persoais que nos facilites e trataraos para a xestión da túa solicitude de facer comentarios neste blog en base a unha relación contractual. Non cederemos os teus datos persoais a ningún terceiro, salvo que exista unha obriga legal. E só os compartiremos cos nosos provedores que deban ter acceso para prestarnos un servizo. Tes, entre outros, dereito a acceder, rectificar e suprimir os teus datos, como se explica na información adicional da política de privacidade da nosa web.
Ao facer clic no botón publicar comentario declaras coñecer e entender a política de privacidade da Sociedade.