menú
Nuestro homenaje a las letras gallegas: Ricardo Carvalho Calero

A nosa homenaxe ás letras galegas

13/05/2020
Blog R

O Día das Letras Galegas 2020 homenaxea a Ricardo Carvalho Calero, unha das figuras máis relevantes da cultura de Galicia. Dende R queremos sumarnos a este recoñecemento convidándote a descubrir as palabras e libros en galego favoritos dos nosos compañeiros.

As nosas palabras favoritas

En galego temos palabras marabillosas. Seguro que ti tes as túas preferidas, cóntanos cales son. Empezamos nosoutros/as. Estas son as palabras máis feitiñas para os nosos compañeiros:
A nosa homenaxe ás letras galegas: palabras favoritas

  • Caramuxo: tamén se lle coñece por mincha ou caramela. E que ricas están!
  • Aturuxo: unha foliada ou romaría que se prece non pode terminar sen un bo
  • Charabisca: broma sen mala intención
  • Panxoliña: non só se cantan en Nadal, tamén se usa como sinónimo de ‘palabra cariñosa’
  • Falcatruada: a maldade de toda a vida
  • Aquelar: vale para todo. Cando non atopas a palabra que buscas ou non tes claro como dicir algo, con “aquelar” saes do paso estupendamente. Entenderanche á perfección ou imaxinarán algo diferente
  • Treboada: moi típica en Galicia. Que non che pille sen paraugas
  • Folerpa: que bonitos eses flocos cando neva
  • Trangallada: unha palabra moi nosa que tamén usamos para dicir unha chea de cousas, para ir de festa, para dicir que algo está mal ou que non é serio, ou para referirnos a algo insignificante

Para non aburrirvos, aquí tedes outro puñado: xeito, grazas, nai, doce, maruxía, solpor, mañá, esteiro e peixe.

Literatura en galego recomendada

Como estamos moi pedichóns, preguntámoslles aos nosos compañeiros polos seus libros favoritos en galego. Estas son as súas recomendacións. Cal é a túa?

  • Clásicos: algúns compis póñense aos pés dos nosos escritores máis ilustres, e quedan con “Cantares Gallegos” e “Follas Novas” de Rosalía de Castro. Recoméndannos “Os vellos non deben de namorarse” de Castelao, por “a mestura que fai dos temas do namoramento, as diferenzas sociais e a vida dos galegos/as en si mesma, aderezado todo coa retranca inesquecible do mestre de Rianxo”.

    E non se esquecen de Álvaro Cunqueiro. Aínda que lidos hai tempo, “As Crónicas do Sochantre” e “Se o vello Sinbad volvese ás illas” deixaron unha pegada indeleble pola “mestría narrativa do escritor de Mondoñedo e esa maneira tan súa de mergullarnos nos seus mundos imaxinarios e fantásticos tan vinculados á Galicia máis profunda e auténtica”.

    Se queres máis, “Memorias dun neno labrego”, de Xosé Neira Vilas.
    A nosa homenaxe ás letras galegas: literatura clásica

  • Contemporáneos: a outros compañeiros sedúcelles máis a narrativa actual. De Antonio Riveiro Coello destacan “As rulas de Bakunin”, un libro curto ambientado entre Culleredo e A Coruña, e “Laura no deserto”, unha obra de 700 páxinas que discorre entre a ría de Arousa, Barcelona e Nova York.

    Outro libro que ten ‘pintaza’ para os amantes do thriller e a historia: “Izan o da saca”, de Xabier Quiroga. “Se les o título ao revés é ‘A casa do nazi’, o que nos dá pistas sobre o tema, en canto que narra unha historia na que introduce algo que moitos descoñeciamos, a presenza dos nazis en Galicia e en concreto na Ribeira Sacra”.

    De novela negra, recomendan “Beleza vermella”, de Arantza Portabales: asasinato dunha rapaza en Teo e ritmo brutal. E mención especial ás nosas escritoras, dous libros: “Carrusel”, de Berta Dávila, e “Infamia”, de Ledicia Costas.

    Imprescindible para outros: “A Nosa Cinza”, de Xavier Alcalá.

    E terminamos con literatura infantil e xuvenil: “Cartas de inverno”, de Agustín Fernández Paz, polo seu valor sentimental “un libro ao que lle gardo moitísimo agarimo porque foi dos primeiros que lin en galego cando era pequena”.
    A nosa homenaxe ás letras galegas: literatura contemporánea

E, por descontado, Ricardo Carvalho Calero, protagonista do Día das Letras Galegas 2020.

Ricardo Carvalho Calero

A Real Academia Galega dedica este ano o Día das Letras Galegas ao escritor, intelectual, profesor, crítico e lingüista Carvalho Calero (Ferrol 1910 – Santiago de Compostela 1990) cando se cumpren 110 anos do seu nacemento.
A nosa homenaxe ás letras galegas: Ricardo Carvalho Calero
Ferrolán de nacemento, a súa vida transcorreu entre a cidade departamental; Santiago de Compostela, durante o seu período estudantil e a súa posterior carreira como docente, foi o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galega que tivo a Universidade de Compostela; Madrid, onde se traslada no 36 para preparar unhas oposicións, truncadas polo golpe militar que o levou á cadea pola súa militancia republicana; e Lugo, onde na década dos 50 dirixe o Colexio Fingoi e traballa estreitamente coa Editorial Galaxia, un proxecto presidido por Otero Pedrayo e capitaneado por Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego.

Calero “desenvolveu unha traxectoria vital fondamente vinculada á historia do galeguismo”, como destaca a RAG. Un galeguismo articulado arredor do Seminario de Estudos Galegos e da súa estreita relación con Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo e outros intelectuais destacados da Xeración Nós. Participou na fundación do Partido Galeguista (1931) e no proceso de redacción do Estatuto de Autonomía para Galicia (1931-1932). Nesta etapa escribe os poemarios “Trinitarias” (1928) e “La soledad confusa” (1932), en castelán, e “Vieiros” (1931) e “O silenzo axionllado” (1934), en galego.

Desataca o seu labor no campo da historia literaria galega, da que pode considerarse fundador coa monumental “Historia da literatura galega contemporánea” (1963) e a “Gramática elemental del gallego común” (1966).

Como narrador, publicou “Xente da Barreira” (1951), primeira novela galega de posguerra, e a ambiciosa “Scórpio” (1987), Premio da Crítica de narrativa galega. Nesta obra, Calero entrelaza elementos autobiográficos para plasmar a unha xeración galeguista, demócrata e republicana, esmagada polo fascismo.

En canto á súa produción teatral, destacan “Farsa das zocas” (1963), “Auto do prisioneiro” (1970) e “A sombra de Orfeo” (1971).

A última década da súa vida, dende os 80 aos 90, dedicouna ao desenvolvemento da súa proposta reintegracionista, converténdose na súa figura de referencia.

Feliz Día das Letras Galegas a todos!

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novidades e a información dos teus servizos R
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

2 comentarios

R Cable y Telecable Telecomunicaciones, S.A.U. é o responsable do tratamento dos datos persoais que nos facilites e trataraos para a xestión da túa solicitude de facer comentarios neste blog en base a unha relación contractual. Non cederemos os teus datos persoais a ningún terceiro, salvo que exista unha obriga legal. E só os compartiremos cos nosos provedores que deban ter acceso para prestarnos un servizo. Tes, entre outros, dereito a acceder, rectificar e suprimir os teus datos, como se explica na información adicional da política de privacidade da nosa web.
Ao facer clic no botón publicar comentario declaras coñecer e entender a política de privacidade da Sociedade.
  1. Avatar Fernando di:

    Deixádeme recomendar o ultimo de Inma L. Silva: O libro da filla( Galaxia) É unha novela que ata te incomoda as veces. As personaxes, a nai, a filla , o pai e tamén os que entran en contacto xa dende o inicio…Todos sen escepción teñen dúas caras. Xa digo, non nos deixemos levar por ningún deles!

  2. Avatar Jaime Torcida di:

    No sé como se puede olvidar este poeta y este libro. Viaje al Pais de los enenos de Celso Emilio Ferreiro por parte de gallegos implicados en la cultura, vaya este aporte de un cántabro que vive en León y es cliente de R al Dia das letras galegas, y también este impresionante poema musicado por Luis Emilio Batallan.
    VIAXEIRO
    Viaxeiro, que vés de lonxe
    e vas de paso.
    Coa palabra máis viva
    do meu linguaxe, falo.

    Repudio as inxusticias
    i a liberdá procramo.

    Digo a miña verdade
    e no pobo descanso.

    Viaxeiro, que vés de lonxe
    e vas de paso.

    Teño a luz dos abrentes
    e as estrelas reparto.

    Estou cos sofridores
    vivo cos desherdados

    Pelexo contra noite
    e non creo nos anxos.

    Viaxeiro, que vés de lonxe
    e vas de paso:

    Dille aos irmáus da Terra
    que é moi triste o País dos Ananos