menú
Entrevistamos a Nikis Galicia

Nikis Galicia: “Queremos reivindicar a nosa cultura e idiosincrasia galega”

14/10/2020
Blog R

David Blanco atópase detrás do éxito de Nikis Galicia. Empezaron con camisetas 100% “feito en Galicia” e hoxe frases como “Malo será” xa se fixeron universais. Tiveron que adaptarse á situación actual e teñen “tapabocas” moi molóns para dicirlle á COVID-19: “Marcha, que tes que marchar”. Non perdas a entrevista completa con David Blanco!

Empezaches dende moi novo no mundo do deseño. Como foi o paso para crear a túa propia marca?

Despois de anos desenvolvendo diferentes produtos, e coa experiencia adquirida, o seguinte paso natural foi crear a nosa propia marca.

Os acenos de identidade son “feito en Galicia” e produtos “divertidos e galegos”. Tiveches claro dende o principio que as túas camisetas querían reivindicar a nosa identidade?

Sempre tivemos claro que queriamos reivindicar a nosa cultura e idiosincrasia galega.

Niki é moi de avoa. Ten algo que ver co nome da firma?

Efectivamente, ten moito que ver, eu sempre lles chamei “nikis” ás camisetas.

Nikis Galicia, come filliño come!
Precisamente as nosas avoas deixaron expresións memorables para a historia. Son unha fonte de inspiración?

Evidentemente, forman parte da sabedoría popular que queremos conservar e Nikis Galicia quere achegar o seu grao de area para que perdure.

Que tradición dá máis xogo: furanchos, Santa Compaña, meigas, Rosalía…?

Unha boa resposta a esta pregunta sería dicir… Depende!

Nikis Galicia, Habelas hainas
Cal é a frase que máis triunfa?

Non hai unha que destaque sobre as demais. Segundo en que zonas, unhas triunfan máis que outras.

E á que tes un agarimo especial?

Se eu teño que elixir unha, quedo con “Malo será”.

Tamén facedes pedidos por encargo, que é o máis curioso que vos pediron?

Fixemos moitas cousas curiosas, pero lembro unha ocasión que nos encargaron roupa interior feminina que case non tiña espazo para a gravación do logo.

Con R colaborastes estreitamente. Camisetas para os instaladores que foron unha chulada e agora as camisetas ‘o que pasa nas leiras’. . Cóntanos máis sobre o proceso creativo das leiras…

A miúdo en Nikis xogamos con facetas da cultura galega referenciada con elementos da cultura pop (películas, cómics, libros, series…). Neste caso, un humilde chimpín, sumado á estética dos grandes vehículos en E.E.U.U dos 50 e 60, coa cidade das Vegas.

Nikis Galicia, o que pasa nas leiras

Empezastes con camisetas, incorporaches dende paraugas a mandís e, agora, máscaras, que bautizas como “tapabocas”. Quítanvolas das mans? Cal é a mensaxe que máis o peta?

Nestes momentos, na situación excepcional na que vivimos, as nosas máscaras teñen demanda porque nos esforzamos en fabricar un produto homologado que fose cómodo e de calidade. Características que definen a Nikis Galicia, buscando sempre a mellor relación calidade-prezo.

Nikis Galicia tapabocas

Que lle diriades á COVID-19? “Marcho, que teño que marchar”?

Cambiaría a persoa e diríallo directamente “Marcha que tes que marchar”.

Aumentaron moito as vendas online durante o confinamento?

Durante o confinamento e coas restricións, evidentemente víronse afectadas as tendas físicas e en consecuencia tiveron un gran crecemento as vendas online. Nikis Galicia está en constante evolución, o e-commerce é un paso máis.

A tenda online foi vosa mellor ferramenta. Como che axudou a tecnoloxía no negocio?

A tecnoloxía é unha ferramenta máis en todo negocio e en Nikis Galicia consideramos que é importante e moi necesaria, polo que se inviste moito tempo e esforzo nela.

Compran moito de fóra? Entenden o noso humor e a nosa retranca?

A nosa retranca é un gran valor engadido, isto percíbelo cando saes de Galicia. A xente de fóra valórao moi positivamente.

Como definiriades a retranca?

O primeiro que me vén á cabeza é o meu avó e a súa forma de relacionarse tan irónica.

Dedicastes unha camiseta á iluminación do Nadal de Vigo. Que vai dar xogo este ano?

Espero que este ano triunfe algún artigo relacionado co fin da pandemia.

Cales son os teus próximos retos?

Adaptarnos aos cambios que, sen dúbida, virán.

Un desexo para o 2021?

Que todo o mundo recupere a normalidade canto antes.

Dende R sumámonos a ese desexo.

Moitas grazas, David Blanco!

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novidades e a información dos teus servizos R
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

2 comentarios

R Cable y Telecable Telecomunicaciones, S.A.U. é o responsable do tratamento dos datos persoais que nos facilites e trataraos para a xestión da túa solicitude de facer comentarios neste blog en base a unha relación contractual. Non cederemos os teus datos persoais a ningún terceiro, salvo que exista unha obriga legal. E só os compartiremos cos nosos provedores que deban ter acceso para prestarnos un servizo. Tes, entre outros, dereito a acceder, rectificar e suprimir os teus datos, como se explica na información adicional da política de privacidade da nosa web.
Ao facer clic no botón publicar comentario declaras coñecer e entender a política de privacidade da Sociedade.
  1. Avatar Rosa María Sierra Vázquez di:

    Encantame a retranca como galega que son. EU teño tres mascarillas e foron un triunfo, os meus amigos tamen as mercaron.

  2. Avatar Ernesto Rodríguez di:

    Encántame que haxa empresas de aquí que aposten forte polo noso. E se se lle pode amosar a todo o mundo, mellor que mellor.
    Apertas!