menú
mariavictoriamoreno

María Victoria Moreno, a estremeña que adoptou o galego como lingua propia

15/05/2018
Blog R

Ana María Vitoria Moreno Márquez (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1939 – Pontevedra 2005) é a escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2018.

Trátase da cuarta muller, despois de Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido e María Mariño, que recibe este recoñecemento por parte da Real Academia da Lingua Galega.

Historia de amor con Galicia

A súa relación con Galicia e o galego comezou no ano 1963, cando chegou a Pontevedra co seu primeiro marido, José Luís Llácer, por motivos de traballo. Posteriormente, trasladouse a Lugo para impartir clases de Lingua e Literatura española no Instituto Masculino, máis tarde a Sanxenxo e, de novo, á cidade do Lérez.

A propia escritora definiu esta relación como unha historia de amor, e así o declarou no Congreso de Poetas Alófonos en Lingua Galega no ano 1993.

“Eu non son alófona porque o que practico, se é que escribo, podería definirse coma unha amorosa autofonía […]. A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor”

Docencia innovadora e clandestina

Licenciada en Filosofía e Letras, na especialidade de Filoloxía Románica, pola Universidade Complutense de Madrid, María Vitoria exerceu o seu labor docente con moita paixón. En ocasións fóra da legalidade establecida na época.

Nos anos 70, ademais de impartir clases de lingua e literatura española, convocaba cursos clandestinos de lingua e literatura galega en diferentes localidades da provincia de Pontevedra. Esta actividade provocou que lle fose retirado o pasaporte.

En todas as súas clases fomentaba unha aprendizaxe na que a liberdade era o eixo principal e no que a censura quedaba fóra. Foi coñecedora das carencias do sistema educativo da época e púxose mans á obra, xunto con Xesús Rábade e Luís Alonso Girgado, para elaborar varios de libros de texto educativos.

widget

Literatura para mozos

Foi unha das escritoras pioneiras en escribir obras narrativas para o público infantil e xuvenil. O seu primeiro libro no idioma galego foi Mar adiante (1973), que contaba con ilustracións realizadas pola propia autora.

O seu labor literario continuou nos seguintes anos con obras como O cataventos (1979); A festa no faiado (1983); Leonardo e os fontaneiros (1986) co que gañou o terceiro premio Barco de Vapor en 1985; Anagnórise (1988) que conseguiu que chegase ás vinte edicións e foi incluída na listaxe de honra do IBBY (Organización Internacional para o Libro Xuvenil) e Guedellas de seda e liño (1999).

Literatura para adultos

Tamén tivo tempo para escribir para o público adulto, Diario da luz e a sombra (2004) no que narraba a experiencia da enfermidade que ela mesma estaba a sufrir.

O seu último libro foi publicado no 2005, Eu conto, ti cantas…, no que recolle tres historias en verso protagonizadas por animais.

Moito máis que unha escritora

Ademais da súa intensa traxectoria literaria, María Vitoria Moreno tamén se dedicou a traducir diferentes obras ao galego e ao castelán.

Foi codirectora de Árbore, a sección de literatura xuvenil da editorial Galaxia e fundou, xunto con outros compañeiros, a librería Xuntanza en Pontevedra.

Esta é a nosa particular homenaxe á unha muller que se namorou de Galicia e do noso idioma, algo que nos enche de honra, e que ademais nos deixou un tesouro para a eternidade.

Grande María Victoria Moreno!

Imaxes de Hhebagonzalez e Dende.

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novidades e a información dos teus servizos R
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

0 comentarios

R Cable y Telecomunicaciones Galicia, S.A.U. é o responsable do tratamento dos datos persoais que nos facilites e trataraos para a xestión da túa solicitude de facer comentarios neste blog en base a unha relación contractual. Non cederemos os teus datos persoais a ningún terceiro, salvo que exista unha obriga legal. E só os compartiremos cos nosos provedores que deban ter acceso para prestarnos un servizo. Tes, entre outros, dereito a acceder, rectificar e suprimir os teus datos, como se explica na información adicional da política de privacidade da nosa web.
Ao facer clic no botón publicar comentario declaras coñecer e entender a política de privacidade da Sociedade.