menú
javi-gastanaduy

Javier Gastañaduy, lutier de guitarras eléctricas

26/12/2018
Blog R

Javier Gastañaduy (As Pontes, 1977) leva máis de 10 anos dedicándose á fabricación artesanal de guitarras eléctricas. Aínda que a súa paixón por este oficio naceu cando este pontés, con apelido vasco-francés, tiña 13 anos.

Cando Javi e o seu mellor amigo estaban en plena adolescencia eran uns fanáticos do guitarrista de Queen, Brian Mai. No seu día Mai fabricou a súa propia guitarra, así que Javi e o seu colega tomaron exemplo do seu ídolo e dedicáronse a desmontar as guitarras eléctricas que caían nas súas mans para coñecer a súa estrutura e como funcionaban.

Traxectoria musical

Pero antes de ser lutier, Javi tivo unha traxectoria musical que non podemos pasar por alto. Empezou tocando en orquestras, grupos de rock e heavy para finalizar a súa traxectoria tocando coa gaiteira Susana Seivane.

Hoxe en día toca para el mesmo e os seus colegas, pero a nivel profesional dedícase ao traballo artesán de fabricar guitarras eléctricas e creou a súa propia marca, Gastañaduy.

“Tocar por aí e desmontar todas as guitarras que tiven na miña vida, déronme moita experiencia para o traballo artesanal que desenvolvo actualmente”, afirma o lutier e músico. Polas súas mans pasaron moitas guitarras de diferentes fabricantes, ás que inspeccionou “as súas tripas” e por este motivo as guitarras poucos segredos teñen que ofrecerlle.

Como se fabrica unha guitarra eléctrica?

O proceso de fabricación dunha guitarra eléctrica por parte de Gastañaduy é un “traballo de forma artesanal, se tivese máis medios para automatizar faríao”, afirma Javi.

O primeiro é seleccionar exhaustivamente os taboleiros de madeira a partir dos cales se creará o instrumento. A madeira empregada adoita ser de nogueira ou de cedro, e nalgunhas ocasións emprega ébano ou pau rosa. Unha vez seleccionado o taboleiro, Javi utiliza uns persoais, creadas por el mesmo, das bases doutras guitarras para poder recortar o anaco de madeira ao milímetro.

Javier Gastañaduy

E, a continuación, con dúas pezas de nogueira coa beta vertical quartersawn fabrica o mastro da guitarra. Este elemento refórzao na súa zona central con madeira de pradairo para darlle máis estabilidade, para que non se tense e que non se deforme co paso do tempo e o uso.

Unha vez fabricadas as dúas das principais pezas dunha guitarra inclúese a alma, trátase dunha vara que se atopa na parte posterior do diapasón e que ten como funcionalidade contrarrestar a tensión das cordas da guitarra. Cando xa está lista a base do diapasón e instalada a alma, fanse as rañuras dos trastes, incorpóranse os mesmos, os buracos das caravillas e por último incrústanse os inlays, ou marcadores de posición do diapasón da guitarra. Estes últimos elementos pódense fabricar en diferentes materiais, a gusto de consumidor, Javi deséñaos en nácar a maioría das veces e en canto á forma varían en función do que pida o cliente. “As guitarras que adoito facer son bastantes sobrias, a non ser que o cliente me pida un deseño determinado”, cóntanos o artesán.

A parte máis importante do proceso de creación dunha guitarra é o ensamble do mastro co corpo. A colocación debe ser exacta, incluso algo xusta. Se non é así, hai que repetir todo o proceso de creación das dúas pezas.

Javier Gastañaduy

Cando a guitarra é xa unha soa peza é o momento de incluír as “calidades” do instrumento, é dicir, os compoñentes electrónicos, as pastillas, os fonocaptores e as bobinas electrónicas, entre outros. A maioría destes elementos atópanse na parte traseira do corpo da guitarra.

As cordas que se insiren nas guitarras son normalmente de aceiro recubertas de níquel e os grosores poden variar. É o guitarrista o que se encarga de decidir este aspecto. As cordas van apoiadas na ponte ou trémolo, que permite modificar o son apertando ou soltando as cordas.

En canto á parte ornamental, varía en función de cada guitarra e do cliente. Algunhas levan reborde ou binding no corpo e outras contan zonas máis rebaixadas.

A última parte deste proceso é o vernizado, Javi utiliza vernices nitrocelulósicos ou lacas acrílicas, aínda que estas últimas utilízaas menos. “O máis importante desta fase é respectar os tempos de secado”, recalca Gastañaduy.

Javier Gastañaduy

E cando a guitarra está seca é o momento de probala. Fanse varios tests para ver como soa, que todos os elementos funcionan correctamente e que non hai ningún tipo de ruído estraño. E se hai algunha pequena cousa que falla, Javier ponse mans á obra para corrixila.

Estas son as fases de creación artesá dunha guitarra eléctrica, de forma resumida, e adoita durar ao redor de dous meses.

Javier Gastañaduy

Marca Gastañaduy

Son moitos os músicos que confían a Javier Gastañaduy a creación da súa guitarra porque este lutier traballa con materiais de alta calidade. Tal e como el define as súas creacións, “son guitarras de boutique”.

Entre os seus clientes destacan Pablo García de Warcry, Fran Yosi de The Trunks e Miguel Torres director da Rock School da Coruña, entre outros.


O prezo dunha guitarra Gastañaduy oscila entre os 1.800 e 2.000 euros. Os detalles de cada instrumento marcan a diferenza á hora de establecer o seu prezo. Se un cliente solicita un deseño máis ornamental o prezo da guitarra será máis elevado porque a man de obra será maior.

Ademais de recibir encargos personalizados, Javi tamén vai fabricando diferentes modelos que el considera que se poderán vender entre os fanáticos deste mundo. “Por moito que mo pida un cliente é moi difícil que unha guitarra me saia igual a outra. Pero a artesanía hoxe en día non se paga, a paga e valora un entre cen”, sinala.

Javi ten o seu taller en Bergondo, no que traballa polas mañás, e a súa tenda na Coruña na Avenida de Oza, 64, na que o podes atopar polas tardes e encargarlle a guitarra dos teus soños.

Lembra que podes seguir a nosas novidades en Twitter, Facebook, Instagram e na nosa canle de Telegram.

Ata a próxima!

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novidades e a información dos teus servizos R
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

4 comentarios

R Cable y Telecomunicaciones Galicia, S.A.U. é o responsable do tratamento dos datos persoais que nos facilites e trataraos para a xestión da túa solicitude de facer comentarios neste blog en base a unha relación contractual. Non cederemos os teus datos persoais a ningún terceiro, salvo que exista unha obriga legal. E só os compartiremos cos nosos provedores que deban ter acceso para prestarnos un servizo. Tes, entre outros, dereito a acceder, rectificar e suprimir os teus datos, como se explica na información adicional da política de privacidade da nosa web.
Ao facer clic no botón publicar comentario declaras coñecer e entender a política de privacidade da Sociedade.
  1. Karmela di:

    Por tu trabajo y cómo lo haces, qué grande eres!

  2. Melja di:

    Coñezo o seu traballo moi de preto e so podo dicir que é un artistazo.
    http://www.gastanaduy.es

  3. Tere di:

    Un campeón, un manitas y un gran artista hasta la médula.

  4. hendrix di:

    Impresionantes guitarras! Gusto exquisito y sonido perfecto. Recomendable elección si buscas una guitarra con personalidad.