menú
Iria Uxía Romarís nos habla de su primera temporada en el COB

A técnica galega Iria Uxía fálanos da súa primeira tempada no COB

13/01/2022
Blog R

O Club Ourense Baloncesto (COB) quere volver á LEB Oro. Un ascenso polo que traballa duro Iria Uxía Romarís, que se estreou esta tempada como adestradora axudante dun equipo, ao que R acompaña.

A técnica galega contounos as metas do equipo, os seus obxectivos persoais e os seus desexos para este ano. Aquí tes toda a entrevista.

A túa primeira tempada en Ourense. Como te acolleron?

Pois moi ben, a verdade. Estou moi a gusto tanto no club como na cidade. Coñecíaa precisamente por temas de baloncesto, de vir xogar e de vir aos ‘ Clinics’; aquí en Ourense houbo durante moitos anos moi bos ‘ Clinics’.

A cidade coñecíaa pouco e estame gustando moito. E no club é súper satisfactorio ver como se traballa, con moi bo ambiente; todo o mundo moi positivo e con moi boas enerxías. Así que, a verdade, síntome moi ben acollida.

Como ves ao equipo?

Véxoo en proceso de crecemento. Evidentemente, a pretemporada está para coñecerse e empezar a sumar xuntos. Somos un equipo en que todos/as somos novos/as, tanto o corpo técnico como a maioría dos xogadores.

A adaptación foi moi boa. Eu creo que estamos a traballar a gusto, coñecéndonos mellor e aínda temos marxe de mellora, e niso seguiremos traballando para chegar a ser o mellor equipo que poidamos ser.

Iria Uxía Romarís nos habla de su primera temporada en el COB
Liderades a Conferencia Oeste. Ides a por todas para ascender á LEB Oro?

Si, loxicamente é o obxectivo. Despois de estar moitos anos en LEB Oro e descender a tempada pasada, o obxectivo e o equipo está feito para ascender. Non é fácil, a tempada é moi longa e hai moitas circunstancias que nos atoparemos polo camiño, que non o poñerán fácil, e hai moitos outros equipos que teñen o mesmo obxectivo.

Tentaremos poñer e sumar o mellor de todos/as e de cada un/unha, para que o resultado sexa o mellor posible.

E ti, que obxectivo persoal marcácheste para esta tempada?

Seguir progresando como adestradora, dar un paso adiante nalgunhas facetas. De feito, estou a me formar para poder mellorar algún aspecto dos referentes ao adestramento, ao control do adestramento e da análise do xogo.

Non só co traballo diario co equipo, senón dar un paso máis adiante que me permita seguir progresando como adestradora, ir crecendo e ser cada día mellor profesional. E espero que sexa por moitas tempadas aquí en Ourense, porque a verdade é que estou moi a gusto.

A pandemia colleuche en Alemaña, onde adestrabas ao Rockets Gotha. Como foi a experiencia xermana?

A verdade é que a experiencia en Alemaña foi súper enriquecedora: por estar de primeira adestradora nun equipo semiprofesional, que é unha experiencia que non tivera aquí en España; e por estar a traballar dunha maneira diferente. Alí o traballo cos clubs está moito máis enfocado á formación e mellora individual dos/as xogadores/as. Adaptarse a outras formas de traballo faiche crecer, foi moi interesante.

Tamén traballando con xogadores de moi bo nivel. Tivemos a dous cadetes da selección nacional no club e xogadores novos de 18-20 anos no seu paso cara ao profesionalismo e cunhas perspectivas de futuro moi boas. E a verdade é que foi moi interesante.

A iso suma que sexa un país como Alemaña, que ten moi bo nivel de baloncesto. A min gústame moito a filosofía de vida que teñen, cunha educación deportiva e cuns valores vinculados ao deporte moi interesantes.

Que sentes agora ao volver ter á afección nas bancadas?

A verdade é que é un gusto. Se cadra é algo que non valoramos moito, estabamos afeitos a telo; pero despois de xogar sen afección… os partidos estaban moi descafeinados.

Ese empuxe que che dá xogar diante do teu público, que, tanto nos peores momentos como nos bos, dáche un plus. E nós agora estámolo sentindo. Tamén se nota que o público tiña ganas de volver. E a verdade é que vivilo aquí en Ourense está a ser un ‘gustazo’, axúdanos moito porque sentimos o seu apoio tanto nos momentos en que nos custa máis nos partidos, como despois, cando nos saen as cousas. Lévannos arriba.

E esperamos que siga sendo así, que a afección de Ourense se ilusione co equipo e que nos axude a chegar o máis alto posible.

Empezaches dende moi pequena no mundo do baloncesto. Que é o que máis che atraeu deste deporte?

Sí, empecei dende pequeniña xogando ao baloncesto. Practicaba outros deportes, pero ao final quedeime co baloncesto.

E é a miña forma de vida e a miña paixón, non podería entender a miña vida sen o baloncesto en todos os aspectos. É unha forma de lecer para min, é o meu traballo. A miña tese desenvolvina sobre o baloncesto tamén.

Eu creo que, sobre todo, polos valores que teñen os deportes de equipo, o vivir e loitar xunto cos teus compañeiros. Dá uns valores moi interesantes para a formación e a educación dos nenos. Eu aprendín moito cando era nena.

No deporte hai momentos que che frustran e tes que lidar con iso. Pero esas vivencias previas axúdanche a saber xestionar outras situacións da vida, que quizais sexan máis serias e máis duras.

Iria Uxía Romarís nos habla de su primera temporada en el COB
Chegaches moi alto e es das poucas mulleres nos corpos técnicos nas ligas de baloncesto. Custou?

Si, a verdade é que si. Eu dediqueille moito á miña formación, antes de empezar a adestrar e acabar a miña carreira de INEF. Son licenciada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. E despois seguín cun Ciclo de Grao Superior, co doutoramento, fixen a miña tese e sigo formándome.

E como muller? Faino máis difícil?

En xeral non é un traballo fácil, nin é sinxelo obter unha oportunidade. Pero creo que para as mulleres un pouquiño máis, sobre todo adestrando en baloncesto masculino, onde non hai moitas e costa; pero tamén é satisfactorio.

Falta moito camiño por percorrer para as mulleres neste campo?

Si, fáltanos moito camiño por percorrer como sociedade para chegar a unha igualdade entre homes e mulleres. E unha igualdade que, neste caso, non significa que haxa o mesmo número de mulleres que de homes sendo adestradoras, senón que cando hai unha persoa preparada para un posto, que teña as mesmas oportunidades de obtelo sexa muller ou home.

As mulleres, evidentemente, temos que ser valentes e apostar tamén polo que nos gusta, aínda que ás veces non haxa referentes.

A min pasoume iso ao principio, si que se me pecharon portas e dixéronme claramente que por ser muller. Penseino e dixen: estou a tentar algo que é imposible?

Eu creo que, por unha banda, nós temos que ser valentes e tentalo; e, sobre todo, ten que ser algo da sociedade en xeral.

Pero ben, polo menos que vaiamos dando pasos adiante e progresando neste sentido e que ano a ano, día a día, poidamos ter unha sociedade na que calquera persoa que estea preparada e teña capacidade para desenvolver un traballo, poida acceder a el coas mesmas oportunidades sendo home ou muller.

Iria Uxía Romarís nos habla de su primera temporada en el COB
Cal é o teu desexo para o 2022?

Na situación na que estamos, o principal é conseguir que volvamos á normalidade e que poidamos superar esta crise a nivel global.

E en canto ao baloncesto, que poidamos seguir gozando dos partidos con público e que en Ourense todos/as xuntos/as sexamos quen de levar ao equipo de novo á LEB Oro como obxectivo noso, do equipo.

Seguro que si, Iria.

Moitas grazas por esta charla e moita sorte este ano. A por todas!!

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novidades e a información dos teus servizos R
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

*

0 comentarios

R Cable y Telecable Telecomunicaciones, S.A.U. é o responsable do tratamento dos datos persoais que nos facilites e trataraos para a xestión da túa solicitude de facer comentarios neste blog en base a unha relación contractual. Non cederemos os teus datos persoais a ningún terceiro, salvo que exista unha obriga legal. E só os compartiremos cos nosos provedores que deban ter acceso para prestarnos un servizo. Tes, entre outros, dereito a acceder, rectificar e suprimir os teus datos, como se explica na información adicional da política de privacidade da nosa web.
Ao facer clic no botón publicar comentario declaras coñecer e entender a política de privacidade da Sociedade.