menú
feito en galicia

Feito en Galicia

10/01/2018
Blog R

O deseño está a sobresaír en Galicia e, desta volta, pouco ten que ver co xigante do téxtil con sede en Arteixo. Unha onda de emprendemento está a encher os recunchos da terriña cun deseño que nada ten que envexar ao internacional. E en moitos dos casos, cun chisco de retranca. Non se nos vaia esquecer de onde veñen!

2039 novas empresas sen asalariados creáronse en Galicia nos tres últimos anos segundo datos do Instituto Galego de Estatística. A taxa da actividade emprendedora no 2016 foi do 3,99% e un ano antes ascendía ao 5,51%.

Que levou a estas 2039 persoas a emprender? Pois, segundo podemos observar no Informe do Global Entrepeneurship Monitor (GEM) a razón principal –cun 66,26%- é o aproveitamento dunha oportunidade de negocio. Nós quixemos poñer cara a todas estas cifras, e falamos con algúns eles, e resulta que moitas desas 2039 ideas teñen historias moi riquiñas detrás.

 

Fillos do Mar

Rompen nos areais do sur, Fillos do Mar. Cunha liña de moda que reafirma Galicia no mapa. As súas camisetas comezaron a andadura no ano 2015, mentres os seus tres creadores estaban aínda na universidade.

Coa única idea dunha marca de calidade, pero que fose accesible a todos, representaron cos seus deseños o marco costeiro da súa zona. Porque buscaban algo diferente para o mercado téxtil galego e, como non o atoparon, creárono eles mesmos.

 

fillos do mar

O investimento, contan, foi mínimo. Pero mínimo, mínimo. Porque moitas veces isto do emprendemento pasa por teres unha boa idea e ganas de loitar por ela. Fillos do Mar, dunha “aloucada idea” -como eles lle chaman- construíron a súa empresa ao descubrir que Galicia é algo que todos queren recordar e levar consigo -pois grande parte das súas ventas veñen, ou van, de máis aló, dos nosos mares-.

O pasado decembro fixo dous aniños que esta idea descubriu que os galegos tamén queriamos unha opción diferente para a nosa roupa.

Awa Brand

Ir máis aló da retranca é a máxima dos grovenses Awa Brand: deseños con tonalidades pastel que queren “tocarnos a fibra”, froito do proxecto de final de máster dunha galega emprendedora.

Leticia inspírase, por unha parte, nos elementos identitarios de Galicia –o toxo, o grelo, o mexillón, o polbo…- dándolle unha base emocional ás creacións; pero tamén nos deseños dos neoiorquinos, Milton Glasser –creador do símbolo ‘I love New York”- ou Paul Rand –pai do logo de IBM-.
awa brandDende as areas do Grove, Leticia estampa todo tipo de accesorios e utensilios –tote bags, cuncas, camisetas, láminas…- feitos aquí, coas nosas materias primas. Como é o caso dos coxíns, que se producen na rexión grovense. E está presente en cidades e vilas como A Coruña, Ourense, Vilagarcía e o propio Grove. Ela é o único traballador de Awa Brand e dela sae o deseño, o packaging e as redes sociais… todo!

Moito traballo, dinos, pero podes ver a ilusión e a paixón que pon no proxecto dende a primeira verba que cruzas con ela.

Carrick

Tamén na onda de emprendemento se subiron os vigueses Carrick, Brais e Javier. Que en 2014 comezaban a investigar o mercado testando diferentes produtos. E de tanta proba e tanta cábala chegaban a nós, en 2015, as xa arquicoñecidas pulseiras da áncora.

Pero todo este proceso non foi tan sinxelo como pode parecer. Na universidade, os Carrick crearon unha asociación para fomentar o emprendemento entre universitarios galegos que ofertaba talleres mensuais.

Máis tarde xurdiu a idea de “vender por internet” cando a compra en liña non estaba tan estendida coma hoxe. O reto foi dar cun produto que a xente quixese: as pulseiras.

carrick xente r

Carrick traballa a experiencia de usuario como bandeira da marca. É por iso que as pulseiras chegan a ti nunha bolsiña con area –de praia galega, por suposto-, e todas as súas comunicacións son asinadas polo Capitán Carrick. E iso, non o fai ninguén máis.

Tras un ano lanzáronse á aventura a tempo completo, aínda na universidade. Unha vez alcanzado este reto, decidiron ir a por outro. Tras unirse a unha aceleradora de empresas comezan cunha nova meta no mundo da moda.

Old Dogs

E que hai do Norte? Pois na Coruña está Old Dogs, un grupo de tres amigos –Jorge, Fernando e Miguel- que dunha anécdota de festa construíron a marca, icona de adolescentes na cidade.

old dogs

Dous deseñadores e un estudante de Administración de Empresas que no ano 2013, descontentos cos estereotipos que había na moda por aquel entón, decidiron crear o que andaban procurando.

Co movemento POP dos Estados Unidos como referencia, crearon uns suadoiros para os seus amigos baixo a marca Old Dogs. De aí comezaron a traballar o concepto de marca para converter ODC nun deses nomes cuxas prendas identificas cunha ideoloxía.

Deseño, por suposto, pero tamén marca. Os coruñeses queren que Old Dogs represente un estilo de vida desenfadado, a enerxía de tomarse a vida “de risas” e co teu carácter.

Old Dogs ferveu lento, pero a lume vivo. Levouse pouco a pouco, desfrutando á par que traballando e, tras un ano de traballo, chegaron ao logo tipográfico vermello e negro polo que tantos adolescentes suspiran na Coruña.

Moitas destas marcas nacen dunha falla no mercado, algo que os seus creadores buscaban e non atopaban. Porque os galegos se non atopamos o que queremos, facémolo nós mesmos. E quen mellor? Non si?

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novidades e a información dos teus servizos R
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

0 comentarios

R Cable y Telecomunicaciones Galicia, S.A.U. é o responsable do tratamento dos datos persoais que nos facilites e trataraos para a xestión da túa solicitude de facer comentarios neste blog en base a unha relación contractual. Non cederemos os teus datos persoais a ningún terceiro, salvo que exista unha obriga legal. E só os compartiremos cos nosos provedores que deban ter acceso para prestarnos un servizo. Tes, entre outros, dereito a acceder, rectificar e suprimir os teus datos, como se explica na información adicional da política de privacidade da nosa web.
Ao facer clic no botón publicar comentario declaras coñecer e entender a política de privacidade da Sociedade.