
Entrevistamos a Alberto Vázquez, director de animación, ilustrador e debuxante de cómics
Tras publicar 18 libros e centos de ilustracións, estrear 4 curtametraxes e unha longametraxe, Alberto Vázquez, vén de gañar o Premio do Xurado nos Óscar da animación pola súa último curta, “Homeless Home”, e podería entrar na pelexa polo Óscar de Hollywood. Sobre premios, charlamos con el, pero tamén sobre os seus rompedores personaxes e a nova peli “Unicorn Wars” na que está a traballar, e que estamos desexando ver.
Director de animación, ilustrador, debuxante de cómics, músico e ata deseñador de videoxogos. En que faceta te atopas máis cómodo?
Síntome cómodo en calquera campo, xa que ao final utilizo o debuxo como linguaxe. Quizais coa animación levo 10 anos bastante intensos e agora mesmo é a miña profesión principal. Coa animación mesturo dous dos meus grandes intereses: o cine e o cómic, e podo contar historias e traballar a narrativa, que é o que máis me interesa.
Os/as teus/túas personaxes non son nada típicos/as. De onde vén a túa inspiración? Tes algún favorito?
Os meus personaxes adoitan ser animais antropomórficos, é dicir, animais con corpo humano. Interésame este tipo de personaxes porque son universais, anacrónicos e remiten ás fábulas e os contos clásicos. É moi interesante porque conectan con calquera persoa de calquera cultura, quizais porque son sintéticos e pola súa universalidade. Dentro destes personaxes teño moitos que me gustan, pero quizais Ramiro, a pantasma rato pervertido da curta “Decorado” sexa un dos meus favoritos, aínda que non podo deixar de nomear a Birdboy, o paxaro drogadicto, que protagoniza a longametraxe “pSICONAUTAS”.
Contrastan coas ilustracións para nenos nos libros de El Hematocrítico. Como xurdiu ese tándem?
Pois son amigo de Miguel dende hai moitos anos. El estaba moi a tope coa súa carreira e empezando a facer libros. Como é coñecedor do mercado da literatura infantil falamos de crear unha serie e así xurdiu “Feliz Feroz”, o noso primeiro libro xuntos que foi un éxito de vendas en España e Corea e aínda seguimos colaborando de cando en vez.
Tes 3 Premios Goya por “Birdboy” (2012), que tamén conseguiu galardón no Festival Animation of Cans, “Psiconautas” (2017) e “Decorado” (2017), co que gañaches os Premios Mestre Mateo. Onde gardas tantos premios?
Pois tenos o meu pai na súa casa e/ou algún dos meus produtores nas súas oficinas. Eu non os gardo, nin me gusta moito ter cousas miñas en casa. Quizais porque xa estou demasiado enfeitizado no meu día a día traballando nos meus proxectos, como para despois estar a ver trofeos ou debuxos das miñas cousas colgados. Hai que desconectar do traballo.
A túa última curta, “Homeless Home”, vén de gañar o Premio do Xurado do Festival Internacional de Cinema de Animación de Annecy, os Óscar da animación. Coa preselección de “Birdboy” e “Psiconautas” para os Óscar quedaches ás portas. Como ves as opcións de “Homeless Home” nos Óscar deste ano?
Pois non o sei porque creo que o meu traballo non encaixa moito na academia de Hollywood. Dígoo pola crítica social, a violencia e un certo espírito punk das miñas películas que quizais non ten moita cabida. Pero quen sabe, xa que “Psiconautas” e a película “Unicorn Wars” que estamos a facer teñen distribución en EE.UU. Eu estiven en Hollywood presentando “Psiconautas” no teatro chinés e foi unha experiencia moi bonita.
E con tantos premios, algúns pensarán que o camiño foi fácil. Como foi chegar todo o máis alto?
Pois non sei, tras 18 libros publicados, centos de ilustracións publicadas, 4 curtametraxes e unha longametraxe, o único que podo dicir é que traballei moito, que vivín por e para a miña profesión, que foi todo unha montaña rusa de aprendizaxe. A experiencia foi moi positiva, pero tamén houbo malos momentos. Supoño que se queres vivir da arte hai que vivir para a arte.
Agora estás a traballar en “UnicornWars”. Que nos podes adiantar?
“Unicorn Wars” é unha película bélica fantástica na que se narra a guerra ancestral entre os osiños e os unicornios que habitan o bosque máxico, pero en realidade é a historia dunha guerra interna entre dous irmáns xemelgos polo amor da súa nai e os conflitos do pasado. É unha película que agora estamos a facer entre Galicia, País Vasco e Francia e é un paso adiante tanto narrativo como técnico a respecto de “Psiconautas”.
Como ves o panorama audiovisual coa que está a caer?
Vexo que é un sector que xa de seu é fráxil e agora está a sufrir moito máis. A industria da arte, como todas as demais, están ao pasar mal, pero é certo que é un sector que xa estaba precarizado, co que a caída é moito máis dura.
Un desexo para o 2021?
O desexo é obvio, que acabe canto antes esta situación que nos está afectando a todos e todas enormemente. Non só dende o punto de vista sanitario, tamén dende o económico e emocional. Pero ben, sairemos desta, o único é que veremos a que custo social.
Moita sorte con “Unicorn Wars” e moitas grazas por atendernos.
0 comentarios
Ao facer clic no botón publicar comentario declaras coñecer e entender a política de privacidade da Sociedade.