menú
murais carballo

Ladrillo e pincel: a arte urbana en vilas galegas

05/03/2018
Blog R

Galicia é moi bonitiña, iso ninguén o dubida. Pero o certo é que as políticas construtivas dos anos 60 castigaron ferozmente a paisaxe de moitas vilas, sobre todo no rural. Derrubáronse edificios antigos e construíronse novos por riba, transformando o entorno nun festival de ladrillo que demos en chamar feísmo.

Unha boa mañá, algunhas destas vilas espertaron con andamios diante de paredes espidas e viron escalar sobre eles persoas con buzos e brochas. Pero o material de obra non aparecía por ningures. Que estaba a acontecer? Pois era a arte urbana, que chegaba para transformar as súas contornas, converténdoas en abraiantes museos ao aire libre.

Todo isto trouxo consigo un ruxe-ruxe de discrepancias, non vos creades, pero foron camiñando cara un fondo agradecemento cando as primeiras cores tinguiron o ladrillo espido, e as primeiras formas contaron os primeiros contos.

Protagonistas nisto foron os nosos maiores, menos afeitos á arte urbana, que observaban con expectación como cada mural tomaba forma e remataron por implicarse en primeira persoa no día a día das obras. Traendo cafés, traendo pastas, ofrecendo as súas mesas á hora de comer e contando entre pincelada e pincelada a historia da vila.

O epicentro desta historia é Ordes, na provincia da Coruña, onde un grupo de artistas locais empurrou a idea coa intención de facer visible a arte urbana galega. Tras deles, e coa súa axuda, a capital da Comarca de Bergantiños, Carballo, encheu as rúas de artistas que transformaron a paisaxe sobre maneira.

Os ollos curiosos, e incrédulos, dos seus habitantes foron recollendo mensaxe a mensaxe. Hoxe, todo o mundo está afeito, pero a expectación cando aparece unha andamio mirando a unha parede rasa é algo que probablemente nunca morrerá. Cando se aparafusan os primeiros ferros, as linguas botan a especular e a expectación crece a pasos axigantados, ata que as liñas esbozan figuras, entón ábrese paso o debate: é bonito, é feo, quedaba mellor aquí, mira que ben se camufla co edificio, fala de como tratamos os fondos mariños, eu creo que conta a historia dunha balea… o que é indiferentes, quedan poucos.

O caso é que nestas vilas andamio xa non significa construír, significa arte.

 

Derrubando Muros

Falando con Xosé Regueira, concelleiro da área de Turismo e Promoción económica do Concello de Carballo, foi como comprendemos o porqué de todo isto. “As persoas sempre marcamos as liñas políticas que poñemos en marcha e eu era afeccionado á arte urbana, e cando viaxo vou ver arte urbana. Entón, chego á conclusión de que en Carballo que ten tanta vivenda non rematada, que ten paredes en ladrillo visto, pode ser unha alternativa intentar facer un proxecto de arte urbana”. Comenta Xosé que a realidade é que en Carballo non hai un casco histórico, un reclamo turístico máis alá de hostalaría e paraxes naturais, espectaculares, pero nos arredores.

A medida botou a andar paseniño pois os artistas locais estaban afeitos a traballar con lenzo, con galerías pechadas… pero ao formularse algo desta envergadura, aparecía o respecto. Conta Xosé que “naquel momento aparecen en Carballo dúas artistas que estiveron facendo un mestrado en Betanzos de estampa e gravado. Unha italiana, de Roma, Roberta Venanzi e outra de Guadalaxara, Paula Fraile”. E foi así como chegou o primeiro mural a Carballo, e como os artistas locais se botaron á piscina.

murais carballo

Diso nace tamén o festival anual de arte urbano: Rexenera Fest, apoiado polo colectivo que organiza o festival orixinal, DesOrdes Creativas, na vila de Ordes.

Cando lle preguntamos pola acollida do proxecto, contounos algo moi interesante, foi boa, e sobre todo a xente maior implicouse dende o comezo cos artistas levándolles pastas, café, invitándoos a comer… Pero, como en todo, hai unha dobre cara e coméntanos que “sempre hai unha parte da sociedade que se escoita máis porque se fai escoitar máis. Non quere dicir que aparentemente houbera moita xente en contra”, e éche ben certo.

Na vila irmán tivo ao comezo un grande impacto na xente maior, explica Sokram, artista e impulsor da medida na vila de Ordes. Porque “ao non estar tan en contacto con internet (onde a arte urbana é moi viral), non están tan afeitos a ver este tipo de obras de tanta calidade e envergadura, e resúltalles moi abraiante tanto os resultados dos traballos como os propios procesos dos artistas”. Pero, ao igual que en Carballo “hoxe en día está practicamente normalizado e a xente agarda polas novas obras de cada edición”, neste caso do festival DesOrdes creativas que se celebra cada ano en Ordes.

 

DesOrde

Malia que de entrada semelle o mesmo proxecto, e en esencia non difira moito, o destas dúas vilas é un exemplo das diferentes maneiras de facer. Lonxe dun proxecto de promoción turística, DesOrdes Creativas naceu para “democratizar a arte e fomentar a cultura sacándoa á rúa e facer de Ordes un museo ao aire libre”, como ben afirma Sokram, un dos creadores.

E, de facelo, razoaron os de Ordes, mellor facelo “dándolle pulo aos artistas galegos tanto consagrados como emerxentes”. E non importa se a traxectoria é longa ou veñen de iniciarse no muralismo, “cada ano sempre reservamos unha boa parte de prazas para a representación galega  e cremos que é algo natural, lóxico, normal, e xa de paso normalizador…”. Pois si, e moi necesario.

Falando claro, aquí o importante da cuestión é “darlle unha reviravolta á orde establecida e xerar un desordes positivo”, pero isto non fixo máis que arrincar xa que “O DesOrdes máis que un proxecto é unha actitude…Así que non ten fin…”.

 

Beleza como dereito

Todos temos dereito a vivir no lugar máis bonito do mundo, e Galicia é un lugar moi, moi bonito, pero as políticas de urbanismo nos anos 60 xogáronlle unha mala pasada a moitas pequenas vilas. Carballo, é unha delas. Derrubando Muros nace da filosofía do concelleiro que considera “o espazo urbano como a prolongación do salón das nosas casas” tal e como nos comenta o seu impulsor.

E como “a sociedade ten dereito á beleza, ten dereito a desfrutar do mellor espazo posible, cando o urbanismo non permite ter nada mellor a nivel construtivo tés que buscar a alternativa. A alternativa para nós foi a arte”. E vaia se non o foi!

murais carballo

Malia dita convicción inicial aínda houbo un momento crucial no que o concelleiro de turismo da vila de Carballo viu como o proxecto lle daba dobremente a razón. Foi cando o artista de Ordes Sokram pintou o seu Lapis no lateral do edificio do Pazo da Cultura, “con esa intervención, o autor demostroume que a arte pode mellorar moitísimo o entorno urbano”, afirma.

Pódese dicir que ambas vilas camiñaron a carón e o resultado foi verdadeiramente impresionante. Só tes que achegarte a calquera delas e pasear polas rúas; se non é a vosa primeira vez, percibirás o cambio, e se o é, sinxelamente verás unha vila que ten encanto.

Máis ca turismo

Si, é certo. Presumir dos murais da túa vila ten que molar, e niso está de acordo con nós Xosé Regueira: “Un cando viaxa por aí sinte certo orgullo de que cando paseas por Nova York, polo High Line, e te atopas cunha obra de Pixel Pancho, podes dicir que Pixel Pancho ten un mural en Carballo. E cando vas a Brick Lane e encontras unha obra de Bordalo tamén o podes dicir”. Pero este proxecto naceu por moitas máis razóns que situar Carballo no mapa e mellorar o sector turismo.

Serviu para facer edicións especiais de libros, contos de colorear, documentais… un milleiro de accións paralelas das cales nos chamou especialmente a atención a destinada á educación. “Houbo coles que decidiron ser actores principais no Derrubando muros e no Fogar estanse executando cinco murais a grande escala”. É moi bo que os nenos se impliquen en proxectos de equipo grandes e que aprendan a expresión a través da arte, pero isto en realidade vai moito máis alá, “en vez de facer só clase dentro das aulas, o que  decidiron foi pintar temas fóra das aulas e certos temas do temario do curso en lugar de dalos na aula vanse a dar fronte os murais”. E, por outra banda, xa non é o chachi que pode ser saír ao patio en Coñecemento do Medio, se non o que poden aprender estes pequenos participando na creación do mural.

Tamén dou para festivais! E cada ano, en Ordes, celébrase o DesOrdes Sonoras. Porque DesOrdes “pretende aglutinar distintas disciplinas artísticas, sen limitarse ao muralismo ou graffiti, senón deixando tamén oco para outras intervencións na contorna urbana”. O que buscan os ordenses é “que o festival funcione como unha ferramenta de diálogo social e pensamento crítico, poñendo na palestra temáticas importantes na sociedade actual.”

Polo visto todo este esforzo comeza a dar os seus froitos! Encheunos o corazón de alegría cando Regueira nos contaba que “en Carballo eu vou no Pedibus -iniciativa na que varios pais levan a un grupo de nenos á escola, a pé- cos nenos, e ten pasado que ao mellor estaban a colocar unha andamio para pintar unha fachada normal e dicían os nenos “Que mural irán pintar aí?”.”. E precisamente aí está o verdadeiramente importante do asunto, conseguiron que “un neno cando ve unha andamio pense que vai a haber unha obra de arte.” E engade que algo deben estar a facer ben, pois si, moi ben!

Xa que de Ordes pasou a Carballo, e de alí a Santiago de Compostela, Cambre, As Pontes de García Rodríguez, Zas e Muxía. E para esta febre hai unha explicación, que atopamos falando con algúns dos responsables dos proxectos pioneiros.

Xosé Regueira, concelleiro da área de Turismo e Promoción Económica de Carballo, asegura que “o proxecto ten moita capacidade de viralizarse” e que “a arte urbana ten futuro en Galicia, e dá gusto”. E vaia se non o da!

 

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novidades e a información dos teus servizos R
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

0 comentarios

R Cable y Telecomunicaciones Galicia, S.A.U. é o responsable do tratamento dos datos persoais que nos facilites e trataraos para a xestión da túa solicitude de facer comentarios neste blog en base a unha relación contractual. Non cederemos os teus datos persoais a ningún terceiro, salvo que exista unha obriga legal. E só os compartiremos cos nosos provedores que deban ter acceso para prestarnos un servizo. Tes, entre outros, dereito a acceder, rectificar e suprimir os teus datos, como se explica na información adicional da política de privacidade da nosa web.
Ao facer clic no botón publicar comentario declaras coñecer e entender a política de privacidade da Sociedade.