menú
Featured Video Play Icon
Featured Video Play Icon

A música de setembro en Tolemias

18/09/2017
Blog R

Tolemias encara unha ‘volta ao cole’ chea de ritmo e boa música, na que teñen cabida tanto ritmos tradicionais como sons máis actuais de soul ou blues.

Peatbog Faeries

Orixinarios da Illa de Skye, esta singular banda foi descrita coma ‘o futuro da música de baile celta’ xa que fusionan os típicos sons da música tradicional con rock, reggae ou jazz, todo envolto con música electrónica. É dicir, unha incontrolable melodía de baile. Despois de publicar no 2015 o seu octavo álbum, ‘Blackhouse’, os Peatbog visitaron España triunfando co seu espectacular directo no Festival de Ortigueira e na Praza da Catedral de Oviedo. Capacidade, calidade e personalidade desatada a deste grupo que leva case 30 anos vivindo na vangarda do folk.

Alén de Ancos

Alén de Ancos é un grupo ferrolán formado no 2007, aínda que cada un dos seus compoñentes leva anos dedicándose á música folk e tradicional. No seu son hai un gran peso do folk irlandés, así como da música característica doutras rexións, como Asturias ou Escocia. Con esta fusión, atrévense incluso a versionar cancións moi afastadas destes estilos. Unha mostra de tradición e innovación, un exemplo rotundo de como debe evolucionar un estilo sen perder a súa esencia.

Red House

Red House é o resultado dunha longa amizade entre Jeff Espinoza e Francisco Simón, guitarra/vocalista e guitarra solista da banda. A súa xuntanza posibilitou a creación dunha das mellores bandas de blues de Europa: Red House. Forza e elegancia, un escenario con catro músicos que sorprenden pola incrible enerxía e bo gusto que desprenden, convertendo cada concerto nun verdadeiro espectáculo.

Santiaguiños de Boimorto

A historia dos Santiaguiños de Boimorto remóntase ao ano 1987, cando un pequeno grupo de persoas comezaron a difícil tarefa de recuperación e difusión da cultura musical desa rica e fermosa terra. Hoxe en día, a asociación conta con máis de 40 alumnos nas clases de baile, canto, gaita e percusión e foi unha das participantes na edición do 2016 do Festival da Luz.

Fisterra Blues Band

Formada por Emilio Arsuaga (voz e harmónica), Fernando Beiztegui (voz e guitarra), Sergio Bárez (baixo), Pablo Bárez (batería) e Edu BigHands ‘Edu Manazas’ (voz e guitarra), todos eles recoñecidos intérpretes de blues a nivel nacional.

Anaut

A banda xurdiu en 2013 como un proxecto persoal do músico madrileño Alberto Anaut. Anaut licenciouse en Comunicación Audiovisual pola Universidade Carlos III de Madrid e, no ano 2013, en Guitarra jazz no Conservatorio de Ámsterdam. É durante a súa estancia na capital holandesa cando reúne á súa formación, que nese momento contou con oito músicos procedentes de España, Italia e Holanda. O resultado é unha banda de soul con dous traballos que recibiron as mellores críticas da prensa nacional especializada.

Subscríbete a Tolemias por 1,10€/mes (IVE incluído).

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novas da programación e da tele
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

0 comentarios