
Nat Geo Wild dedícalles a semana aos océanos
Son os pulmóns do planeta. O luns 8 de xuño celébrase o Día Mundial dos Océanos, unha ocasión que a canle Nat Geo Wild aproveita para emitir un especial dedicado aos nosos océanos.
O Día Mundial dos Océanos celébrase dende 2009. Cal é o seu obxectivo? Sensibilizar a poboación mundial sobre a necesidade dunha xestión sostible dos océanos. Os océanos cobren máis do 70% da superficie do globo e xeran a maior parte do osíxeno que respiramos, son a maior fonte de proteínas do mundo e absorben case o 30% do dióxido de carbono producido polos humanos. Non cres que merecen ser atendidos?
Este ano, o tema do Día Mundial dos Océanos 2020 das Nacións Unidas é ‘Innovación para un océano sostible’.
Unha viaxe ás profundidades entre tiburóns
Nat Geo Wild únese á celebración cunha programación especial que se emitirá dende o luns 8 de xuño ata o sábado 13 de xuño.
Esta ‘Semana dos Océanos’ inclúe a estrea en dúas partes da serie ‘Maravillas de las profundidades’, con imaxes espectaculares de especies que evolucionaron para sobrevivir no sempre hostil mundo das profundidades.
E en ‘Peces Monstruosos: tiburones alfa’ o biólogo mariño Zeb Hohan atópase con algúns dos habitantes máis perigosos do océano: os tiburóns touro, os tiburóns martelo ou os tiburóns de balea xigantes.
O especial tamén recupera algúns documentais históricos na canle como ‘Los secretos del Mediterráneo’, ‘La isla de los tiburones’ ou ‘Cruce de océanos’.
Así que, xa sabes, o luns 8 de xuño, os océanos son as estrelas. Úneste á conmemoración do Día Mundial dos Océanos con Nat Geo Wild na televisión R?
0 comentarios
Ao facer clic no botón publicar comentario declaras coñecer e entender a política de privacidade da Sociedade.