
‘Lo de aquella noche’, a denuncia de COSMO contra a violencia sexual
COSMO alza a voz para denunciar as violacións das que ninguén fala con ‘Lo de aquella noche’, unha curtametraxe que pretende concienciar sobre a manipulación psicolóxica e que se estrea o mércores 25 de novembro con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
Unha secuela social reflectida nunha historia de ficción
Cada sete horas, unha muller é violada en España e máis de trescentas mil sono nun ano no mundo. E estes datos só recollen as denuncias formuladas xa que, en moitas ocasións, a violencia sexual que as mulleres sofren por parte das súas parellas, familiares, amigos ou coñecidos é invisible e non se denuncia.
Diana e Joel son a moza e o mozo protagonistas de ‘Lo de aquella noche’. Parecen estar de celebración e báñanse na escuridade na piscina dunha casa cun gran xardín. Nos silencios dos seus bicos, baixo a auga, oímos os seus pensamentos. Os dela e os del. O carácter posesivo, celoso e machista de Joel contrasta cos pensamentos de Diana. A discusión transcorre en aparente silencio, mentres el tenta presionala e manipulala para manter relacións sexuais.
Así, descubrimos que, baixo a superficie, o que realmente aflora é o medo, os celos e a violencia. ‘Lo de aquella noche’ aborda deste xeito un tema a miúdo silenciado: as violacións nas que a vítima ten unha relación previa co seu violador.
Un gran casting detrás de ‘Lo de aquella noche’
Con guión de Inés Pintor e Pablo Santidrián, ‘Lo de aquella noche’ está protagonizada por Claudia Traisac e Javier Morgade.
Traisac apareceu en ‘Paquita Salas’, ‘Escobar: paraíso perdido’ ou ‘Alta Mar’. A Morgade vímolo recentemente en ‘El nudo’ e participou tamén noutros proxectos como ‘Servir y proteger’ ou ‘La verdad’.
Este é o terceiro ano que COSMO aposta pola produción dunha curta para concienciar sobre a violencia de xénero. En 2018 estreou ‘Animal’, dirixida por David Velduque e interpretada por Jan Cornet e Rocío León, mentres que en 2019 fixo o propio con ‘A quien dices amar (La breve historia)’, protagonizado por Miki Esparbé e Ana Polvorosa. As dúas curtametraxes, con amplo percorrido nos principais festivais cinematográficos, mostran a crúa realidade de millóns de persoas que sofren malos tratos psicolóxicos.
O mércores 25 unímonos á causa morada contra a Violencia de Xénero na televisión R. Porque non estades soas, estamos convosco, e lembrade tamén que tedes á vosa disposición o teléfono 016, cuxa chamada non se reflicte na factura pero hai que borrala da listaxe de últimas chamadas.
0 comentarios
Ao facer clic no botón publicar comentario declaras coñecer e entender a política de privacidade da Sociedade.