menú

‘Juego de Damas’, en TCM

03/12/2018
Blog R

Catro grandes damas da interpretación reúnense en ‘Nothing like a dame’, documental que estrea TCM (dial 3) o venres 7 ás 20:35 h. Para acompañar esta estrea, a canle programou para a noite dos venres de decembro o especial ‘Juego de Damas’.

Non hai nada como escoitar a unha gran dama do teatro e do cine falando da súa vida e da súa carreira artística. Ou si: reunir a catro delas, algunhas das mellores que deu a escena inglesa no último medio século, e deixar que charlen libremente ante as cámaras.

O documental ‘Nothing like a dame’, dirixido por Roger Michell, realizador de películas tan coñecidas como ‘Notting Hill’, conseguiu sentar xuntas a Judi Dench, Maggie Smith, Joan Plowright e Eileen Atkins nunha divertida e conmovedora conversación. Un documento gráfico que os espectadores de TCM poderán ver en exclusiva.

As catro actrices, amigas dende hai máis de medio século, lembran ante as cámaras os seus difíciles comezos no mundo do teatro. Aos poucos, fóronse convertendo en estrelas internacionais.

Quen son as ‘Damas’ do especial?

Maggie Smith, por exemplo, gañou dous Óscar ao longo da súa carreira por ‘Los mejores años de Miss Brodie’ e ‘California suite’, película na que, curiosamente, interpretaba a unha actriz candidata a un premio da Academia de Hollywood. Ademais, estivo nominada seis veces máis.

Judi Dench conseguiu o Óscar á mellor actriz de reparto en 1999 por interpretar á raíña Isabel I en ‘Shakespeare enamorado’ e foi candidata noutras seis ocasións. Aínda que os espectadores a lembren, sobre todo, facendo de M, a estrita xefa de James Bond, o certo é que Judi Dench leva máis de cinco décadas no mundo do cine e a televisión.

Joan Plowright, en cambio, só aspirou á estatuíña nunha ocasión. Foi pola película ‘Un abril encantado’, pero lembrámola en títulos como ‘El animador’, na que traballou ás ordes do director Tony Richardson e á beira do que foi o seu marido, o actor Laurence Olivier, ou en ‘Equus’, a versión da famosa obra teatral que levou ás pantallas Sidney Lumet.

Eileen Atkins, pola súa banda, é un dos rostros máis habituais do cine e a televisión británicos. Vímola en películas como ‘Gosford Park’, de Robert Altman, ou na serie de televisión ‘The Crown’.

Foi Joan Plowright a que reuniu as súas amigas e compañeiras na súa casa de campo durante unha fin de semana. No filme vémolas rir lembrando vellos tempos e chancear sobre os papeis que interpretaron, aínda que ás veces tamén brotan as bágoas, como cando lembran os seus maridos, todos eles xa falecidos.

Contidos do especial

Para complementar a estrea deste documental, TCM dedica a noite dos venres de decembro a estas actrices emitindo títulos como ‘Philomena’, protagonizada por Judi Dench; ‘Un cadáver a los postres’ ou ‘El cuarteto’, nas que intervén Maggie Smith.

Axenda

Venres, 7 de decembro

20:35 h: ‘Nothing like a dame’ (‘Nothing like a dame’, 2018)
22:00 h: ‘Philomena’ (‘Philomena’, 2014)

Venres, 14 de decembro

22:00 h: ‘Un cadáver a los postres’ (‘Murder by death’, 1976)

Venres, 21 de decembro

22:00 h: ‘El cuarteto’ (‘The quartet’, 2012)

Venres, 28 de decembro, coincidindo co 84 aniversario de Maggie Smith

17:15 h: ‘Un cadáver a los postres’ (‘Murder by death’, 1976)
18:50 h: ‘Philomena’ (‘Philomena’, 2014)
20:25 h: ‘El cuarteto’ (‘The quartet’, 2012)
22:00 h: ‘Nothing like a dame’ (‘Nothing like a dame’, 2018)

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novidades e a información dos teus servizos R
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

0 comentarios

R Cable y Telecomunicaciones Galicia, S.A.U. é o responsable do tratamento dos datos persoais que nos facilites e trataraos para a xestión da túa solicitude de facer comentarios neste blog en base a unha relación contractual. Non cederemos os teus datos persoais a ningún terceiro, salvo que exista unha obriga legal. E só os compartiremos cos nosos provedores que deban ter acceso para prestarnos un servizo. Tes, entre outros, dereito a acceder, rectificar e suprimir os teus datos, como se explica na información adicional da política de privacidade da nosa web.
Ao facer clic no botón publicar comentario declaras coñecer e entender a política de privacidade da Sociedade.