
AXN estrea ‘Coyote’
Ao carón da fronteira, protexer e servir; alén da fronteira, protexer e sobrevivir. Onde está o límite? AXN estrea o luns 25 de xaneiro, ás 23:00 h, o traballo máis recente do actor Michael Chiklis, gañador dun Globo de Ouro e dun premio Emmy polo seu papel na mítica ‘The Shield’.
Trátase de ‘Coyote’, unha nova serie que conta coa produción executiva de Michelle MacLaren (‘Juego de Tronos’, ‘Breaking Bad’) e un elenco de luxo con rostros tan coñecidos como os de Juan Pablo Raba (‘Narcos’) ou Adriana Paz (‘Vis a Vis’, ‘Perdida’).
A ambos os dous lados dunha fronteira
‘Coyote’ narra a historia de Ben Clemens quen, tras 32 anos traballando como axente da patrulla fronteiriza entre Estados Unidos e México, é obrigado a traballar para as mesmas persoas ás que, durante toda a súa carreira, tratou de manter fóra do territorio estadounidense.
Cruzar a liña non entraba nos seus plans pero, tras unha experiencia que o leva ao límite alén da fronteira e desafiando a súa ideoloxía e lealdade, Ben comeza a pensar que na vida non todo é branco ou negro.
Un elenco excepcional
Ademais de Michael Chiklis como Ben Clemens e Juan Pablo Raba no papel de Juan Diego ‘El Cartin’ Zamora, cabeza dun cártel familiar de México, a serie tamén conta con Adriana Paz, Kristyan Ferrer, Octavio Pisano, Cynthia Kaye McWilliams, Julio Cedillo e Emy Mena.
Descubre na televisión R onde está o límite de cada persoa con ‘Coyote’.
0 comentarios
Ao facer clic no botón publicar comentario declaras coñecer e entender a política de privacidade da Sociedade.