menú
xestor-contrasinais

Xestiona os teus contrasinais

19/10/2017
Blog R

Hoxe en día os teus contrasinais son a chave para acceder á túa intimidade: correo electrónico laboral e persoal, redes sociais, banca online, etc. Vaia, que son fundamentais no noso día a día. Así que debemos darlles moita importancia.

Á hora de escoller un contrasinal temos que ter especial coidado. Iso evitará que nos poidan “hackear”, acceder ás nosas redes sociais e liar unha boa . Ou algo aínda peor, deixarnos a conta do banco a 0 €.

Para que todo isto non suceda, hai que crear contrasinais “fortes” e botar man da tecnoloxía para estar ben cubertos contra os piratas informáticos.

Un contrasinal debe ser…

Cando vaias crear un contrasinal debes ter en conta que cumpra as seguintes características:

  • Robusto: que conteña letras, números, caracteres especiais e que se combinen as maiúsculas e as minúsculas. Hoxe en día todas as empresas e organismos públicos xa esixen que os contrasinais dos seus usuarios cumpran estas características.
  • Segredo: non compartas o teu contrasinal con ninguén, por moito da familia que sexa  . Non te preocupes por se che pasa algo, xa que hai varios procedementos para recuperar os contrasinais nesas situacións. Esta característica tamén afecta ás preguntas de seguridade, recorda que só as debes saber responder ti.
  • Diferente: como che contabamos, hoxe en día precisamos contrasinal para todo. O máis fácil é ter a mesma para todos os accesos, pero isto pode ser perigoso, porque se cho rouban, poderán acceder a todas as túas cousas.

Se o teu contrasinal cumpre estas tres características pode considerarse seguro, pero os piratas da internet sonche moi listos e sábenas todas. Así que podemos botar man das tecnoloxías para ter máis seguridade.

Xestor de contrasinais

Ademais dos contrasinais para acceder as túas contas de correo electrónico, redes sociais ou banca online, tamén os precisas para realizar compras nalgunhas webs. Así que entre unhas cousas e outras, xúntaste con máis de dez contrasinais (se buscas ir ao seguro).

Ante tanta cantidade de contrasinais, chegou o momento de botar man dun xestor de contrasinais. Podes almacenar as túas claves, usuarios, números de tarxetas de crédito, etc. E o mellor de todo é que cando non se che ocorran máis contrasinais o xestor xa chos crea automaticamente. Todo facilidades eh .

Un xestor de contrasinais é unha aplicación que nos permite almacenar as nosas claves. Almacénanse nunha base de datos cifrada, na que para acceder temos que ter un contrasinal mestre, o contrasinal de todos os contrasinais.

Moitos destes xestores son gratuítos e dispoñen de app que podes instalar no teu móbil. Así levas sempre os teus contrasinais contigo.

  • Dashlane Password Manager: permíteche almacenar contrasinais, nomes de usuarios, números de tarxetas de crédito, etc. Crea novos contrasinais e tamén se pode empregar como moedeiro dixital. Dispoñible para Android e para iOS.
  • True Key: axúdate a recordar contrasinais e sincroniza o acceso a todos os teus dispositivos para que poidas entrar neles. Dispoñible para Android e para iOS.
  • LastPass Password Manager: con el podes crear perfís para realizar compras, xerar contrasinais seguros, gardar inicios de sesión, entre outras moitas cousas. Dispoñible para Android e para iOS.

Estes son algúns dos xestores pero hai moitos máis. Xa nos dirás se che mellora un chisquiño a vida cando comeces a empregar algún xestor de contrasinais.

Verificación en dous pasos

Se tes unha conta de Google, a verificación en dous pasos é un sistema extra de seguridade. Cada vez que se intente acceder a algunha das túas contas (Gmail, Google Drive…), ademais de poñer o usuario e o contrasinal, é preciso incluír un código de verificación que recibirás no teu móbil.
O obxectivo deste sistema é protexer a conta dun usuario no caso de que o teu contrasinal sexa descuberto. Sen ese código que recibes no teu móbil, non se pode acceder á túa conta e aos teus datos. Vamos, que estás máis protexido.

Aquí che indicamos como activar a verificación en dous pasos.

Ata a próxima!

Imaxe de @timmossholder

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novidades e a información dos teus servizos R
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

2 comentarios

  1. Jose di:

    E, estamos seguros que estas app non traen algún gusano ou similar para roubar todas as claves?