
Volven os proxectos emprendedores do Pont-Up Store
Como nos gusta en R a palabra emprender. E é que forma parte do noso ADN. Por iso, un ano máis patrocinamos o Pont-Up Store de Pontevedra e achegamos o servizo da nosa rede avanzada de telecomunicacións para lle dar cobertura de calidade ao evento. O foro de emprendemento celebra a súa oitava edición do 24 ao 25 de setembro. Vés?
Promovendo a cultura do emprendemento en Galicia
Pont-Up Store é o único evento galego onde se reúnen emprendedores, profesionais, estudantes, investidores, institucións, empresas, patrocinadores e medios de comunicación para apoiar a innovación, a colaboración, a formación, o financiamento e o emprendemento creativo. En Galicia estamos sobrados de talento local e de emprendedores, así que R non podía faltar. E xa van cinco anos como patrocinadores 🙂
Que proxectos veremos este ano no Pont-Up Store?
Na súa oitava edición participan un total de 41 empresas emprendedoras e, delas, 36 contarán con posto propio.
Este ano, a actualidade manda, e valóranse especialmente as innovacións e adaptacións dos proxectos á situación derivada da COVID-19. Ademais, participan en Pont-Up Store nove proxectos xurdidos en plena pandemia.
Por sectores, moita variedade entre os participantes desta edición. Hai iniciativas do ámbito gastronómico como o chocolate de Essenzo Cacao, os xeados de Namelaka, as salsas e produtos picantes de ‘A factoría do lume’ e a alimentación e restauración vegana e de proximidade de ‘La Vanetta’; moda e complementos diferentes e orixinais da man de ‘Con lo que tengo’, ‘Nai Diseños’, ‘Las Flores de Greta’ ou ‘Aifalaches.gal’; e mesmo solucións tecnolóxicas innovadoras como as presentadas por ‘Smart Wood’, ‘Vi & Go’ ou ‘Dooroti’.
O foro desenvolve a súa parte expositiva na Praza de España de Pontevedra, con postos para mostrar presencialmente as iniciativas innovadoras.
Tamén conta con charlas, mesas redondas e talleres con relatores de primeiro nivel que compartirán as súas experiencias, os seus coñecementos e o seu tempo cos participantes.
Pont-Up aposta este ano pola dixitalización
Este ano, Pont-Up Store aumenta a súa aposta pola dixitalización e estrea a plataforma dixital_ pontup, un espazo virtual interactivo destinado á creación de actividades relacionadas coa nova empresa e que funcionará durante todo o ano.
‘Unha etapa no camiño de emprender’. En R sumámonos ao lema desta iniciativa para o emprendemento, a innovación e a creatividade en Galicia na que se van dar cita miles de persoas. Alí estaremos 🙂
0 comentarios
Ao facer clic no botón publicar comentario declaras coñecer e entender a política de privacidade da Sociedade.