menú
nuevas-tecnologias-ninos

Que beneficios teñen as novas tecnoloxías para os/as nenos/as?

16/12/2022
Blog R

Seguro que coñeces canles infantís en Youtube ou xogos interactivos que revolucionaron a forma de aprender e divertirse dos/as máis pequenos/as. Porque as novas tecnoloxías supuxeron un revulsivo no mundo do ensino e do entretemento e traen consigo un bo número de beneficios, sempre que delas se faga un uso seguro e responsable.

Como ocorre con todo o novo, e especialmente cando afecta a nenos/as, poden xurdir receos e, sobre todo, moitas dúbidas. Se é o teu caso, toma nota destes libros que che axudarán a ver as TICs (tecnoloxías da información e da comunicación) doutra maneira.

Libros sobre novas tecnoloxías para toda a familia

Mi hijo y las nuevas tecnologías, de Javier Urra Portillo

O manual máis claro e completo para entender os hábitos e comportamentos de uso tecnolóxicos de nenos/as.

Familias digitales, de Alfredo Abad

Un libro que nos mergulla no universo das novas tecnoloxías e nos da un novo enfoque sobre como convivir cunha chea de dispositivos tecnolóxicos, redes sociais e plataformas dixitais que usamos cada día.

Entre máquinas inteligentes, de CosiCosa / Ana Seixas

Que sabes de Intelixencia Artificial? É unha das tecnoloxías máis usadas do momento e dela fala este álbum divulgativo e cheo de humor, pensado especialmente para nenos/as. Conta con orixinais ilustracións que os achegan ao mundo dos dispositivos móbiles e a algúns dos inventos que chegarán nun futuro nada afastado, como os coches autónomos.

Nuevas tecnologías para la educación infantil y primaria, de J. Siraj Blatchfor

Sobre a base das novas tecnoloxías da información e a comunicación pódense crear recursos educativos dirixidos a nenas e nenos de 4 a 8 anos. Os resultados son, por exemplo, aplicacións informáticas para as chamadas “aulas do futuro” ou xoguetes robóticos multisensoriais programables.

Cariño he conectado a los niños, de Guillermo Cánovas

A “Guía de Saúde Dixital” de cabeceira para toda a familia. Cando deben ter os nenos/as o seu primeiro móbil? Que facer ante unha situación de ciberacoso?

Vantaxes e beneficios das novas tecnoloxías para nenos/as

Como che dicimos, son moitas e variadas as vantaxes das TICs para nenos e nenas.

En primeiro lugar, danlles independencia e enfróntanos a novos retos porque con internet e os dispositivos móbiles poden investigar e procurar eles/as mesmos/as respostas a traballos do cole ou descubrir afeccións e intereses propios.

Así se estimulan as súas ganas de aprender e a súa curiosidade por saber máis.

Sen dúbida, a Rede é unha porta aberta ao coñecemento rápida e eficaz que os convida a crear e compartir os seus propios contidos, fomentando a súa creatividade e a súa imaxinación.

Outra das grandes achegas do uso das TIC nos nenos/as é a súa capacidade para desenvolver o seu espírito crítico e a súa conciencia social. Aprenden a separar contidos válidos e non válidos ou con intereses dubidosos.

Habilidades de comunicación e intuición

As novas tecnoloxías son unha fantástica ferramenta de comunicación. Fomentan a relación social creando comunidade e axudando a que os nenos/as compartan e atopen amigos/as cos seus mesmos intereses ou gustos.

E convén lembrar algo tan básico como efectivo: simplemente para usar os dispositivos móbiles, os nenos/as vénse obrigados a poñer en práctica o seu sentido da lóxica e intuición.

Aínda que hai que ter en conta que son nenos e “xogan” coas súas propia regras: é dicir, queren contidos visualmente atractivos, cores vistosas, figuras que lles resulten amigables ou palabras que poidan comprender.

Youtube: canles especializadas para nenos/as

Youtube é, seguramente, o lugar no que se popularizaron máis contidos pensados especialmente para os cativos. Aquí che deixamos unha pequena recompilación:

Cuentos infantiles

Personaxes tan entrañables como “El ratoncillo diminuto” ou “Andy El Búho” axudan a fomentar os valores humanos nos nenos/as.

Luna creciente

Para os peques, cancións infantís divertidas e educativas; para nais e pais, consellos e recomendacións. Unha canle con vídeos útiles para toda a familia.
El mundo de Luna

Coñeces a Luna? É vivaz, enérxica e extrovertida. O mundo está cheo de cousas fascinantes e quere descubrilas. Luna é a mellor amiga para incentivar as ganas de saber dos/as máis pequenos/as.

Telmo y Lula

Telmo e Lula son dous simpáticos irmáns de cartón que ensinan aos nenos a facer manualidades ou a cociñar receitas sinxelas. Unha popular serie de animación 3D que xa conta con máis de 100 episodios.

El Reino Infantil

“La Granja de Zenón” é unha das series máis populares desta canle repleta de historias e cancións para fomentar a comunicación, a cooperación e a creatividade.

Super Single Songs

Que mellor maneira de iniciarse co inglés que cantando en familia. Con vídeos curtos, coloridos e alegres que combinan á perfección diversión e aprendizaxe.

ExpCaserosMix

A canle para científicos/as. Unha das mellores formas de espertar a curiosidade a base de singulares experimentos caseiros.

Xogos interactivos para nenos/as

Os xogos interactivos son outra das ferramentas TIC máis exitosas para nenos/as. Con xogos de palabras, adiviñas, quebracabezas, idiomas…

ÁrbolABC

Xogos educativos e didácticos de matemáticas, vocais ou memoria.
Mundo Sago Mini

Coa saga Mundo Sago Mini, pequenos/as de 2 a 5 anos acompañan a Harvey, Jinja, Robin e Jack a explorar o espazo, construír un robot, coñecer amigos dinosauros ou conducir un camión de bombeiros.

Thinkrolls

Outro dos xogos máis populares. Máis de 200 quebracabezas brillantes e coloridos para potenciar a memoria e a capacidade de resolver problemas rodeados de castelos, dragóns e maxia.

Toca Kitchen

A cociña é un lugar idóneo para poñer a proba a creatividade. Neste popular xogo, os nenos/as deben elixir ingredientes e cociñar un prato.

Animal Jam

Transfórmate no teu animal favorito e, de paso, descubre máis sobre a natureza e as súas moitas especies de animais.

As novas tecnoloxías aplicadas á educación e o ensino

Os xogos educativos interactivos convertéronse nunha interesante baza para ensinar. Por exemplo, hainos que aprenden a sumar e restar; formar palabras ou capturar elementos concretos, como círculos ou coches.

A aula é un dos lugares nos que os nenos interactúan máis coas novas tecnoloxías.

Son unha potente ferramenta de axuda escolar e o seu bo uso mellora os resultados académicos, ademais de ser un eficiente apoio extra para nenos/as con necesidades especiais. Porque as novas tecnoloxías supuxeron a aparición e o desenvolvemento de novos métodos de ensino mediante materiais didácticos alternativos.

Outras ferramentas dixitais para nenos

Así, por exemplo, existen axudantes educativos virtuais que axudan a mellorar a lectura e a escritura, e reforzan cuestións como a articulación da fala ou a comprensión lectora.

Outras ferramentas, como Osmo Coding ou Scratch Jr, permiten que os nenos/as cren as súas propias historias, fomentando a súa imaxinación e a súa creatividade. Para aprender en grupo, resultan útiles aplicacións como Kahoot!, coa que se poden facer tests en formato concurso nos que participa toda a clase.

Os nenos/as de hoxe están chamados a vivir nun mundo plenamente dixitalizado, polo que necesitan desenvolver habilidades tecnolóxicas temperás e con visión de futuro, o cal será máis fácil se se fai a través de ferramentas e canles especificamente deseñadas para eles que esperten o seu interese e coas que non se aburran.

Xogos, libros ou canles de Youtube achegan as novas tecnoloxías aos máis pequenos facéndolles partícipes dos seus beneficios.

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novidades e a información dos teus servizos R
* This field is required