
Os 10 mellores miradoiros da Ribeira Sacra
Dacabalo entre as provincias de Ourense e Lugo atópase un dos maiores tesouros naturais e paisaxísticos de Galicia: a Ribeira Sacra. Unha paisaxe única bañada polos ríos Cabe, Miño e Sil, con fervenzas, árbores centenarias, aves autóctonas, mosteiros e santuarios escondidos e unhas inconfundibles ladeiras escarpadas repletas de viñedos.
Hoxe levámosvos a gozar da Ribeira Sacra dende o máis alto, a través dalgúns dos seus mellores miradoiros.
Miradoiro A Mirada Máxica
Difícil non pararse nun miradoiro con este nome. Tamén se lle coñece como Miradoiro do Castro ou As Xariñas e a el accédese a través do cercano Cámping do Sil.
As súas dúas pasarelas de madeira ofrecen algunhas das imaxes máis recoñecibles da Ribeira Sacra coa ampla vista panorámica das ladeiras do Sil.
Miradoiro do Duque
O Miradoiro do Duque, en Monforte de Lemos, debe o seu nome ao lugar onde se atopa A Casa do Duque.
Conta cunha pasarela e un balcón de madeira dende onde podes ver oeste e este do val do Sil. Baixo os teus pés, a uns 400 metros de altura, atísbase unha impresionante paisaxe repleta de viñedos e un embarcadoiro, o de Doade, punto ideal para realizar paseos en barco polos canóns do Sil. De lonxe obsérvase tamén o castelo de Castro Caldelas.
O miradoiro conta con aparcadoiro, refuxio e unha pequena área recreativa.
Miradoiro dos Balcóns de Madrid
Os varios miradoiros que compoñen os Balcóns de Madrid son de fácil acceso, e probablemente por iso sexan tamén dos máis visitados.
Á súa estrutura de pedra con diferentes niveis pódese acceder a través de escaleiras e, dende eles, á beleza natural da paisaxe súmase a vista do Santuario de Cadeiras.
Como curiosidade, dicir que o seu nome se debe a que era o lugar escollido polas mulleres para ver marchar os seus maridos emigrantes, moitos deles barquilleiros que ían ás verbenas de Madrid.
Miradoiro A Columna
Castiñeiros e carballos típicos da zona rodean A Columna. Un dos mellores miradoiros para gozar en todo o seu esplendor da impresionante vista dos Canóns do Sil.
Cóntanos como te sentes diante dun cantil que alcanza os 500 metros de desnivel.
Miradoiro Pé de Home
Con banco incluído, “O mellor banco da Ribeira Sacra”, o Miradoiro Pé de Home presume de fabulosas vistas ao Sil pouco antes da súa chegada a Santo Estevo.
Lugar idóneo para descubrir a vexetación e a fauna típicas da zona. De feito, á beira do miradoiro hai unha alvariza, unha antiga construción que protexía dos osos as colmeas.
Miradoiro de Soutochao
Se che gusta o viño, o Miradoiro de Soutochao, en Sober, ofréceche un panorama excepcional. A gran desnivel verás unha infinidade de viñedos situados a ambos os dous lados do río Sil.
A homenaxe ao viño e a quen o fai posible reflíctese na xigantesca estatua de granito levantada no miradoiro en honra aos Vendimiadores, chamada Escultura do Carreteiro.
Miradoiros dos Cotarros
Así se lles chama ao Miradoiro O Boqueiriño e ao Miradoiro A Cividade.
Unha espectacular pasarela de aceiro de 30 metros de longo por 7 de ancho que se eleva a 691 metros sobre o baleiro, non apta para os que sufran vertixe, debuxa un escenario de viñedos, fervenzas, regatos, rochas e ladeiras escarpadas.
Un lugar dende o que observar tamén aves rapaces e unha excepcional posta de sol.
Miradoiro de Vilouxe
Fronte ao meandro de Coto das Boedas e alí “onde o río dá a volta”, atópase un dos miradoiros naturais con máis altura da Ribeira Sacra. Nada menos que 800 metros de altura sepárannos do Sil no Miradoiro de Vilouxe.
Dende el obsérvase o embarcadoiro Os Chancís, desembocadura do río Xabrega.
Miradoiro de Cabezoás
De novo mirando ao Coto das Boedas, imos ao Miradoiro de Cabezoás para observar dende a súa pasarela de madeira uno dos puntos nos que o río Sil ten maior profundidade.
Este miradoiro móstranos o último meandro do Sil en Parada de Sil.
Miradoiro As Penas de Matacás
Menos coñecido, aínda que non menos impactante, é o Miradoiro As Penas de Matacás.
Baixo el atópanse os embarcadoiros de Ponte do Sil dende os que parten as rutas fluviais da zona vitivinícola do Canón do Sil. Non en balde dende o miradoiro se pódense ver os viñedos da zona de Amandi, pertencente a Lugo.
Miradoiro extra: Pena do Castelo
Aínda que che prometiamos 10 miradoiros, contámosche un extra. Trátase do miradoiro de Pena do Castelo, situado en Sober (na zona de Doade).
Está situado a máis de 600 metros de altura e, ademais das espectaculares vistas, poderás visitar a ermida de San Amaro. Como curiosidade, arredor deste lugar, no seu día había un poboado castrexo.
De miradoiro en miradoiro, descubrirás os recunchos e paisaxes da Ribeira Sacra. Contamos contigo para que nos contes cales son os teus favoritos 😉
Imaxes de: Consorcio de Turismo Ribeira Sacra
Imaxe de Miradoiro Pena do Castelo: Óscar Reboiras
0 comentarios
Ao facer clic no botón publicar comentario declaras coñecer e entender a política de privacidade da Sociedade.