menú
festas-san-froilan-lugo

Festas de San Froilán de Lugo: orixe, actividades e concertos

03/10/2022
Blog R

O San Froilán é unha das festas máis populares do outono galego. Declarada Festa de Interese Turístico Galego e Festa de Interese Turístico Nacional, as súas casetas de polbo, a boa música e citas tan soadas como o Domingo das Mozas atraen cada ano a miles de visitantes á “Cidade da Muralla” do 4 ao 12 de outubro. Queres saber máis sobre a orixe e as actividades do San Froilán de Lugo? Segue lendo.

Xa o dicía Álvaro Cunqueiro: As festas do San Froilán son “as máis belas do outono galego”. Porque entre o martes 4 e o mércores 12 de outubro, Lugo é unha auténtica festa repleta de música, fogos artificiais, charangas, desfiles de cabezudos, tómbolas, espectáculos de maxia e unha infinidade de actividades para todos os gustos e públicos.

Tampouco faltan os postos de venda de artigos artesanais e gastronómicos e, por suposto, as famosas casetas de polbo nas que degustar o tradicional “polbo á feira”, un dos grandes atractivos do San Froilán.

A tradición das casetas do polbo no San Froilán de Lugo

Cando chegaron as casetas do polbo ao San Froilán? Xa existen testemuños de veciños pedindo casetas con teitos de palla para servir polbo no ano 1846. Con todo, as que poderiamos chamar primeiras casetas son dos anos 60 e popularizáronse especialmente nos 80.

Trátase de casetas de madeira, tamén coñecidas como “garigolos”, nas que as/os pulpeiras/os preparan polbo en caldeiras de cobre. É o propio concello de Lugo quen xestiona este servizo de casetas a través dun sistema de adxudicación cunha duración de cinco anos.

Así que, se che apetece gozar dun dos grandes manxares da cociña galega, achégate ás costas do parque de Rosalía de Castro. A mellor carta de presentación para unhas Festas de San Froilán que se celebran dende 1754 e que honran a figura do patrón da cidade.

Quen era San Froilán, patrón de Lugo?

San Froilán naceu en Lugo no ano 832. Fillo dos condes de Lugo, dende moi novo inclínase pola formación relixiosa e a vida ermitá, o cal o leva a retirarse e vivir en soidade nas montañas do Cebreiro e do Bierzo.

Precisamente nun dos seus solitarios paseos por eses montes e grutas vive, segundo a tradición, un dos episodios máis importantes da súa vida. Mentres se atopaba rezando, un lobo achégase a el e ao seu asno e devora ao animal. Pero San Froilán mírao con tal tenrura e comprensión que o lobo inclina a cabeza e dende ese momento convértese no fiel compañeiro que levará polo mundo as súas alforxas. Esta imaxe é a que se mantén como a representación máis recoñecible e habitual de San Froilán.

Decisiva foi tamén a súa amizade con San Atilano, monxe como el, e que o acompañaría na seu labor de predicación e fundación de dous mosteiros a beiras do río Douro: Tábara e Moreruela de Tábara. Porque a fama de San Froilán chegou a oídos do mismísimo Alfonso III, que vía nel un personaxe fundamental para a súa ansiada Reconquista, e estendeuse por Galicia e León, cidade da que foi bispo e en cuxa catedral está enterrado.

Por entón xa era obxecto de devoción entre os veciños de Lugo e León e, anos despois, o Papa Urbano II convérteo en santo.

San Froilán: de santo a patrón da cidade de Lugo

En 1600, a diócese de Lugo establece o San Froilán como festa eclesiástica que se celebra o 5 de outubro, coincidindo co aniversario da súa morte. Cinco anos despois, San Froilán convértese no patrón da cidade.

Inicialmente, as festas de San Froilán asociábanse fundamentalmente a unha feira e mercado de gando, por aqueles tempos a máis importante de Galicia. Unha cita para os vendedores de froitas, mel ou apeiros de labranza. Co paso dos anos, impúxose o espírito lúdico e festivo; as festas gañaron popularidade e a axenda de actividades diversificouse e multiplicouse.

Actividades e axenda do San Froilán

As festas de San Froilán comezan o día 4 de outubro co aceso das luces, sesión de fogos artificiais e pregón na Praza Maior. A pregoeira deste ano 2022 será a xornalista galega Esther Eiros, unha voz radiofónica moi recoñecible grazas ao programa “Gente Viajera”, de Onda Cero, ademais de gañadora de dúas Antenas de Ouro e do Micrófono de Ouro nos anos 2004 e 2006.

O día 5 de outubro, festividade de San Froilán, é o día grande das festas. Xornada de eventos solemnes, como a misa na Catedral, e de ambiente festivo nas rúas, repletas de música e actividades.

O broche final ás Festas do San Froilán pono cada ano, o día 12 de outubro, unha gran Feira Medieval situada na praza da Catedral e nos arredores da muralla romana, con cabaleiros, damas, xograres, oficios tradicionais e exhibicións de cetraría. Que mellor enclave que un Patrimonio da Humanidade para trasladarnos ao pasado e para pechar máis dunha semana de festa.

E hai dúas citas especialmente destacadas na axenda festiva do San Froilán: o Domingo das Mozas e o San Froilanciño.

O “Domingo das Mozas”

Rivalizando en popularidade coas casetas de polbo está o “Domingo das Mozas”. Celébrase un domingo das Festas do San Froilán, habitualmente o segundo.

Por que “Domingo das Mozas”? Crese que se debe á gran cantidade de mozos dos arredores que ese día se achegaban a Lugo para buscar noiva. Na actualidade, sexa ese ou outro o motivo, o certo é que ese día as rúas atópanse a rebordar de visitantes 🙂

Ademais, é tradicional que veciños/as e visitantes saian á rúa ataviados/as co traxe tradicional galego dispostos a homenaxear como se merece o folclore galego e realízase tamén unha ofrenda a Rosalía de Castro. Este ano, a encargada será a recoñecida poetisa de Pobra de Brollón Olga Novo.

Nos últimos anos, o día previo ao “Domingo das Mozas”, dedícase o día a Ferrol, cidade coa que Lugo está hermanada, con intercambio de visitas oficiais incluído. Os/as ferroláns/as “devólvenlle” a honra nas súas Festas do San Xiao.

“San Froilanciño”

Os/as máis pequenos/as da casa teñen o seu espazo propio no San Froilán. Trátase do “San Froilanciño”, con xogos populares, competicións deportivas, teatro ou monicreques.

Mención especial merece o Festival Internacional de Marionetas, xa que conta con algunhas das figuras máis antigas de Europa.

Concertos nas Festas de San Froilán de Lugo 2022

Outro dos grandes atractivos das Festas do San Froilán é a súa ampla axenda de concertos e actuacións musicais. Ás bandas de música e gaitas habituais dos primeiros anos, súmanse agora grupos e artistas de múltiples estilos.

Para que vaias tomando nota, aquí che deixamos a axenda musical deste ano.

  • Martes, 4 de outubro: Seun Kuti & Egypt 80
  • Mércores, 5 de outubro: Zahara
  • Xoves, 6 de outubro: Ana Bacalhau e YĪN YĪN
  • Venres, 7 de outubro: Muchachito Bombo Infierno, Espazo HIP HOP, Andrea Motis e Dakidarría
  • Sábado, 8 de outubro: Sanfroidance, Anni B Sweet e Los Estanques, Joe Crepusculo: Trovador Tecno e DVICIO
  • Domingo, 9 de outubro: Amparanoia e SonDeSeu
  • Luns, 10 de outubro: Xoan Curiel
  • Martes, 11 de outubro: No Reply, Rocío Márquez e Bronquio; Ariel Roth e Kiko Veneno co espectáculo “Un país para escucharlo”
  • Mércores, 12 de octubre: Treixadura e Joan Miquel Oliver

Pelúdez, o mellor cronista do San Froilán máis auténtico

Con permiso do propio San Froilán, estas festas contan con outro gran nome propio: Pelúdez.

Un personaxe de ficción xurdido nas páxinas do diario El Progreso que se converte no mellor cronista e narrador das Festas de San Froilán.

Coa súa gabardina marrón e o seu inseparable paraugas, el é o vivo exemplo dese San Froilán máis tradicional de outrora, personificando ao veciño do rural que cada ano se achegaba ás Festas do San Froilán para gozar dos fogos artificiais, da música e do polbo.

Xa ves que o San Froilán é unha festa con moita historia e tradición que se consolidou como unha das festas máis populares de Galicia.

Non deixes pasar a ocasión de probar o polbo das súas casetas, gozar da boa música e do bo ambiente dunha cidade que respira festa alí por onde vaias do 4 ao 12 de outubro. E, por suposto, de contárnolo neste blogue 😉

Imaxe: Turgalicia.

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novidades e a información dos teus servizos R
* This field is required