
Festa do Queixo de Arzúa: como gozar dun “Produto Galego de Calidade”
“Queixeamos”? Os días 3, 4 e 5 de marzo, Arzúa recibe a miles de visitantes desexosos/as de degustar o seu famoso queixo na Festa do Queixo de Arzúa, unha das festas gastronómicas máis populares de Galicia. Contámosche máis sobre a axenda de actividades, concursos e premios, a música do Festival do Queixo e, por suposto, sobre o gran protagonista: o queixo.
A primeira edición da Festa do Queixo de Arzúa celebrouse no ano 1975 e nunca faltou á súa cita, nin sequera nos anos de pandemia, aínda que si tivo que adaptarse ás circunstancias sanitarias, así que en 2023 chega xa á súa edición número 48.
A Festa do Queixo de Arzúa está declarada de Interese Turístico e é un escaparate de excepción para o máis famoso dos produtos gastronómicos locais. E un gran revulsivo económico, pois poden chegar a venderse ata 100.000 queixos en só unha fin de semana.
Expositores e actividades da Festa do Queixo de Arzúa
O recinto feiral “Terra Do Queixo” acolle quince expositores de queixerías oficiais, na súa maioría produtores pertencentes á Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa.
Nos últimos anos, incrementouse tamén a presenza de produtores locais ou doutras Denominacións de Orixe galegas, como a de “Tetilla”, O Cebreiro e San Simón da Costa, e mesmo de produtores internacionais.
Á venda e degustación de queixo súmanse actividades culturais, musicais e entretemento para todos os gustos e públicos.
A Festa do Queixo goza de gran popularidade e cada ano potencia a súa faceta máis participativa. Hai concursos e premios para os mellores produtos, para elixir cartel ou para coñecer ao “inaugurador” musical da festa.
“Concurso de Tapas e Petiscos”
Que mellor maneira de arrincar unha fin de semana de festa que cunha boa tapa.
O pistoletazo de saída da Festa do Queixo corre a cargo do “Concurso de Tapas e Petiscos”. Organízano conxuntamente a Asociación de Hostaleiros de Arzúa e a Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa e nel participan, ao longo do venres e do sábado, diferentes establecementos hostaleiros da zona.
“Queixugueiras”, a tapa gañadora da edición de 2022 deixou o listón ben alto. O venres 3 saberemos cal será a súa sucesora.
Para non perder nada, consulta todas as novidades e últimas novas na páxina oficial da Festa do Queixo de Arzúa.
Inauguración e pregón da Festa do Queixo de Arzúa
O sábado 4 de marzo ten lugar a inauguración oficial da festa e a lectura do pregón.
Este ano, ás 11:00 h, o actor santiagués Tamar Novas exercerá de pregoeiro da edición número 48 da festa.
Tamar comezou a súa triunfante carreira cinematográfica e televisiva con tan só 11 anos, debutando en “La lengua de las mariposas”. Anos despois, recibiu o premio Goya como Actor Revelación polo seu papel en “Mar adentro” e, dende entón, consolidouse con personaxes en “El desorden que dejas” ou “Fariña”.
Así que motivos non faltan para que exerza de pregoeiro pero é que, ademais, a súa familia paterna é orixinaria de Arzúa; en concreto, da aldea de Figueiroa.
Cartel da Festa do Queixo de Arzúa
Non hai Festa do Queixo sen cartel. Cada ano celébrase un concurso para elixir o cartel da nova edición.
Nesta ocasión, entre as 21 propostas participantes, a elixida foi “Versión Libre, 2023 da queixeira de Arzúa (escultura)”, obra do pintor e deseñador Ramón Rivas.
Unha orixinal reinterpretación da escultura que se atopa na Praza de Galicia e que representa a figura dunha queixeira como unha súper estrela de rock, en pé e portando unha guitarra eléctrica amarela, resaltando deste xeito a importancia da música na Festa do Queixo.
Festival do Queixo
Porque a música é unha das grandes protagonistas da Festa do Queixo e o Festival do Queixo converteuse nun dos eventos musicais de referencia dentro e fóra de Galicia.
Dous días intensos de boa música, variada e de calidade, nos que todos os concertos son gratuítos e teñen lugar na carpa instalada no campo da feira de Arzúa.
Na primeira xornada, o sábado 4 de marzo, o protagonismo recae en bandas de estilo rock, funk, hip-hop ou mestizaxe. O domingo día 5, quenda para sons máis galegos.
E xa sabemos cales serán algúns dos/as artistas que se subirán ao escenario deste ano; en concreto, os que amenizarán a sesión vermú. O sábado, Muchachito Bombo Infierno e We Are Not DJ´s; o domingo, Leilía e a Rondalla Moraima.
Concurso “Queixo Maquetón 2023”
A eles súmase “Apart”, que serán os encargados de inaugurar o Festival do Queixo 2023.
O grupo orixinario da localidade de Carballo é o gañador do concurso “Queixo Maquetón” deste ano. Deste certame, organizado polo concello de Arzúa, sae o grupo ou solista novel que inaugura musicalmente a Festa do Queixo.
Así se fai dende 2009 e é tal o seu éxito de convocatoria que, ao longo destes anos, xa se presentaron máis de 1.000 bandas.
Entre os requisitos para participar, presentar traballos de estilo pop rock ou novas tendencias, como o indie ou a música electrónica; e non contar con ningún álbum publicado, agás se é autoeditado.
Consulta aquí información completa e actualizada sobre os concertos e a oferta musical do Festival do Queixo.
“Pequequeixo”
O sábado 4, a partir das 18:30 h, os/as máis peques da casa teñen cita con “Pequequeixo” na Praza de Galicia.
Alí espéraos “Concertasso na horta”, coa mellor música e humor para toda a familia de Brais Das Hortas.
E ao día seguinte, o domingo 5, toma o relevo “Martiña Sonadora” e as súas animadas cancións e bailes de rock&roll, blues e ritmos brasileiros.
O Queixo de Arzúa, “Produto Galego de Calidade”
Pero, sen dúbida, a Festa do Queixo ten un protagonista esencial.
O queixo con D.O.P. Arzúa-Ulloa é o que máis producimos e consumimos en Galicia e dende 1989 conta coa denominación de “Produto Galego de Calidade”.
Ademais, en 1995 foron recoñecidos como “Denominación de Orixe Protexida” aqueles queixos elaborados seguindo o método estipulado e orixinarios, tanto o leite como a produción, dos concellos da área xeográfica da D.O.P. Arzúa-Ulloa: Arzúa-Ulloa: Arzúa, Boimorto, Curtis, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, O Pino, Santiso, Sobrado, Toques, Touro, Vedra, Vilasantar, Antas de Ulla, Carballedo, Chantada, Friol, Guntín, Monterroso, Palas de Rei, Portomarín, Taboada, Agolada, A Estrada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.
Como é o queixo de Arzúa-Ulloa
Este queixo está elaborado con leite natural e enteiro de vaca e realízase de maneira artesanal.
A súa cortiza é fina e elástica, sen fisuras. O seu sabor, suave, tenro e lixeiramente acedo; conforme vai madurando, tende a facerse máis doce. A súa textura é untuosa e conta cun mínimo dun 45% de materia graxa. A súa forma é xeralmente redonda, de “tetiña” ou “periña”.
Preséntase en bloques lenticulares con bordos redondeados e cada peza adoita pesar entre 0,5 e 3,5 quilos. Acostuma estar cinguido cunha característica cinta de tea.
Conservación do queixo de Arzúa-Ulloa
Para a súa conservación, é aconsellable que estea en lugares con temperaturas que oscilen entre os 8 e os 10 graos.
A orixinal textura branda vai deixando paso, aos poucos, a un queixo máis duro, denominado de nabiza, que é o máis apreciado.
E para apreciar todo o seu sabor, recomendámosche que o deixes a temperatura ambiente durante un par de horas antes de degustalo.
Que ganas de gozar da Festa do Queixo de Arzúa. Unha cita indispensable coa mellor gastronomía de Galicia, a boa música e unha chea de actividades para toda a familia.
Imaxes: Turismo de Galicia.