
Feira Franca de Pontevedra: orixe, curiosidades e protagonistas
Pontevedra trasládase ao medievo a primeira fin de semana de setembro coa súa popular Feira Franca. Tras dezanove edicións despois e recoñecida como Festa de Interese Turístico en 2013, a cidade do Lérez pon o traxe de época para unha das festas temáticas máis multitudinarias das Rías Baixas. Queres saber máis sobre a súa orixe e curiosidades? Sigue lendo…
Por que celebra Pontevedra unha Feira Franca medieval? Orixe e historia
A historia lévanos ao ano 1467, en tempos de Henrique IV. Foi este monarca quen autorizou á cidade a celebrar un mercado libre de impostos durante un mes, quince días antes e quince días despois da celebración de San Bartolomé, o 24 de agosto.
Pontevedra era por aquel entón a vila máis poboada de Galicia e contaba cunha puxante actividade económica, centrada especialmente na pesca e no comercio. Ademais desa herdanza histórica, que se reflexa na feria, do pasado da cidade son destacables tamén pegadas patrimoniais como a Basílica de Santa María, construída no século XVI.
Feira Franca: do medievo á actualidade
No ano 2000, o departamento de Festas do Concello de Pontevedra decidiu rememorar aquel privilexio real e aqueles bos tempos organizando un mercado medieval na Praza da Ferraría.
Queríase, ademais, que os/as veciños/as se implicasen, pois tratábase dunha grande oportunidade para dinamizar o centro histórico, que a maiores era o lugar perfecto para recrear a mellor época da historia pontevedresa.
E así arrinca a historia moderna da Feira Franca de Pontevedra. Unha celebración repleta de historia que agora atrae a milleiros de visitantes e que vive intensamente toda a cidade.
A xente, protagonista da festa
Porque a Feira Franca é unha festa na que participa toda a poboación, que se asolaga de mestres/as artesáns/as, tecedores/as de liño, canteiros/as, xograres, trobadores/as, ferreiros/as, palilleiros/as, cesteiros/as, oleiros/as, redeiros/as e carpinteiros/as.
Unha nutrida representación de oficios tradicionais que conviven nas rúas do centro histórico de Pontevedra por uns días con músicos/as, comerciantes, damas e cabaleiros medievais.
Respíranse aires da Idade Media por toda Pontevedra, cos/as veciños/as compostos/as cos seus traxes de época sentándose á mesa para gozar de suculentas lupandas medievais. Mesas que son montadas e decoradas polos propios participantes utilizando só materiais existentes na segunda metade do século XV, seguindo as normas estéticas establecidas pola organización.
Por certo, se queres montar a túa mesa na rúa, cómpre que o solicites na oficina da Feira Franca, situada no edificio do antigo conservatorio da rúa Alfonso XIII.
Axenda e actividades da Feira Franca de Pontevedra
O venres pola tarde, ás 18:30 h, os pregoeiros anuncian dacabalo por todo o centro histórico de Pontevedra o inicio dunha nova edición da Feira Franca.
Tras eles, pasarrúas de malabaristas, bufóns, trobadores… E, a partir dese momento, unha chea de actividades variadas. Espectáculos de cetraría, tiro con arco, torneos de esgrima, exhibicións de música e danza, xustas medievais, mostras dos oficios da época, degustación de alimentos medievais.
As rúas e prazas decoradas con bandeiras e escudos son percorridas tamén por carros, cabalos, condenados á forca e unha infinidade de personaxes que nos trasladan a tempos pasados.
Pero hai dúas cousas que acaparan boa parte das miradas: a representación do transporte do viño, aquel que chegaba dende O Ribeiro, en Ourense; e o Torneo Medieval, un espectáculo ideal para gózalo con toda a familia.
Oficios tradicionais e gastronomía na Feira Franca
O comercio invade as rúas da cidade cos mercados de alimentación e de artesanía.
A Praza da Ferraría convértese no centro neurálxico da festa, no que se representan os oficios tradicionais; a artesanía apodérase da Avenida e da Praza de Santa María; e os postos de alimentación concéntranse na contorna da Alameda e na Praza de Curros Enríquez.
Noutras prazas, como a Praza da Verdura, podes atopar, por exemplo, torneos de esgrima ou espectáculos de danza.
Todo perfectamente organizado e distribuído en base a catro eixos temáticos: Mercado, Hostelaría, “Xantares” e Ceas.
Protagonistas especiais para cada ano
En cada edición, a Feira Franca outorga especial protagonismo a un tema; a algún evento, lugar ou persoa que sexan especialmente relevantes para a cidade de Pontevedra.
Así, 2006 foi o ano dos Irmandiños; a agricultura centrou a edición do 2008; as Cantigas de Amor, Escarnio e Maldicir a de 2009; e a última edición celebrada, a do 2018, fixouse nas lendas.
Este ano 2022, os grandes protagonistas son o río Lérez e a ponte do Burgo.
Convidámosche a revivir a Pontevedra de 1467 coa Feira Franca. E non esquezas contárnolo 😉
Imaxes de: Feira Franca.
0 comentarios
Ao facer clic no botón publicar comentario declaras coñecer e entender a política de privacidade da Sociedade.