menú
electrolineras-galicia

Electrolineiras en Galicia: cantas hai e como localizalas

11/10/2022
Blog R

Galicia é unha das zonas onde máis se incrementaron as vendas de vehículos eléctricos e híbridos enchufables. Así que a nosa rede de electrolineiras tamén medra e se renova a gran velocidade. Contámosvos como localizalas, que tipos hai e cal é a que necesitades para recargar o voso coche.

Da unión das palabras eléctrica e gasolina saíu electrolineira. A que sería, para entendernos, a gasolineira da mobilidade sostible: son estacións de carga nas que pagas pola enerxía eléctrica coa que recargas as baterías do teu coche eléctrico ou híbrido enchufable.

Cantas electrolineiras hai en Galicia?

A primeira electrolineira de Galicia púxose en funcionamento no aparcamento subterráneo de Pintor Colmeiro, na cidade de Vigo, no 2010.

Hoxe, existen ao redor de 500 puntos de recarga pública no conxunto da comunidade.

Así que aínda queda moito traballo por facer para cumprir coas previsións do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima elaborado polo Ministerio de Transición Ecolóxica que cifraría os puntos de recarga necesarios para o 2030 nuns 16.400, só en Galicia.

Onde hai electrolineiras en Galicia?

En Galicia, a maioría están en aparcadoiros, estacións de servizo, concesionarios, polígonos empresariais, centros comerciais, hoteis e balnearios.

Tamén hai puntos de recarga en universidades ou en lugares de especial interese turístico, como, por exemplo, no aparcamento da Torre de Hércules da Coruña.

E iniciativas máis particulares como as dalgunhas cooperativas que queren ofrecer este servizo aos seus socios, tal é o caso da Cooperativa de Vilaboa, que puxo en marcha recentemente en Valdoviño a que é a primeira electrolineira da localidade.

Destaca tamén a firme aposta de Tesla, líder na fabricación de vehículos eléctricos, por reforzar a rede en Galicia. Xa conta cunha vintena de puntos de recarga, destacando especialmente o “Supercargador” de Tesla, situado no centro comercial de As Termas, en Lugo.

Electrolineiras en portos e solares

Especialmente interesantes son acordos como o de Portos de Galicia e a empresa Instalacións Fotovoltaicas Voltfer para avaliar a posibilidade de instalar electrolineiras nos peiraos. Serían ata 35 electrolineiras en 32 portos autonómicos repartidos por toda a costa galega, entre eles Ribadeo, Burela, Sada, Corme, Muros, Noia, Santa Uxía de Ribeira, Rianxo, Vilagarcía, Cambados, O Grove, Sanxenxo, Pontevedra, Combarro, Bueu, Cangas, Moaña, Panxón ou Baiona.

Sabías que existen en Galicia electrolineiras solares? Son puntos de carga para coches eléctricos que funcionan parcialmente con enerxía solar e cuxo tempo de carga estimado para un vehículo eléctrico é de tres horas. Atópanse en Santiago de Compostela, Brión, Santa Comba, Ames, o polígono de Costa Vella e O Pino e unha na Avenida das Mariñas de Oleiros (A Coruña).

Axudas e obxectivos para electrolineiras en Galicia

A Xunta de Galicia activou o plan Moves do Goberno, con axudas directas para a implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos.

As axudas están dirixidas tanto a empresas como autónomos, particulares, comunidades de propietarios e sector público. Este incentivo suscitou gran interese, ata o punto de ampliarse o prazo pola alta demanda, así que se espera que a rede vexa incrementada a súa oferta en, polo menos, 300 instalacións novas.

Como saber a localización das electrolineiras en Galicia

A mellor maneira de localizar puntos de recarga é usar algunha das apps que xa existen no mercado.

Para atopar as estacións de recarga máis próximas e reservar un sitio, podes usar Plugshare.

Moi cómoda resulta Plugsurfing, que che facilita un chaveiro de recarga RFID co que podes recargar e pagar en calquera punto e que vai acumulando o teu gasto nunha mesma factura que recibes a final de mes.

Por suposto, sempre podes contar con Google Maps, seguramente a máis popular das aplicacións, e con outras tamén moi utilizadas nas que os/as propios/as usuarios/as poden introducir comentarios e opinións, como son Chargemap ou Nextcharge.

Información práctica na web do INEGA

Pola súa banda, o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) publica na súa web información completa e actualizada sobre os puntos de recarga eléctricos existentes en Galicia, e no conxunto de España, mediante unha ligazón a Electromaps.

Pódese buscar a partir dunha localización concreta ou directamente no mapa e a app permíteche tamén calcular a ruta para ir dende onde te atopas ata o lugar de recarga.

Ademais, ofrece datos sobre cantos cargadores hai nese punto e que tipo de conectores ten. E vas ver que esta información é especialmente útil.

Tipos de conectores para a recarga de vehículos eléctricos

Debes fixarte nas indicacións da electrolineira sobre os tipos de conectores que ten dispoñibles, xa que non todos os modelos de coche e cargador son compatibles en ambos os extremos.

Os conectores máis habituais son: conector Schuko ou enchufe tradicional; conector SAE J1772 (tipo 1), seguramente o máis versátil; Mennekes (ou tipo 2), o máis habitual e o actual estándar europeo; e CHAdeMo, pensado para as cargas ultrarrápidas.

Para facilitarnos a todos/as un pouco a vida, xa está estandarizado un conector único combinado CCS para todos os vehículos europeos.

Modos de carga dos coches eléctricos

Ademais de saber que existen diferentes tipos de conectores, ten en conta que tamén existen varios modos de carga (lenta, rápida ou ultrarrápida) e diso dependerá o tempo que tardes en recargar a batería do teu coche.

A máis básica é a carga lenta, coa que podes tardar entre 7 ou 8 horas en cargar o teu coche. Trátase dunha carga xenérica con moitos usos e sen especialización nin seguridade específicas, aínda que nalgúns casos xa inclúe un cable equipado cun sistema de protección.

Carga rápida: fronte á potencia máxima da carga lenta, que roldaba os 3,7 KW, a rápida xa está entre 22 e 43 kW en corrente alterna e pode chegar ata o 50 kW con corrente continua. É a máis estendida, tanto en gasolineiras como en lugares de traballo ou establecementos hostaleiros de pequeno tamaño. Falámosche da velocidade de carga estimada, porque a velocidade final vai depender da potencia eléctrica contratada.

A carga ultrarrápida sempre é de corrente continua e debería estar por encima de 50 kW. En pouco máis de 20 minutos terás a batería recargada, aínda que tanta velocidade pode pasarlle factura e provocar que se deteriore antes. Tamén adoita ser máis elevado o custo de recarga.

Os coches eléctricos e híbridos enchufables son xa unha realidade nas nosas cidades e vilas. Como che dicimos, a rede de electrolineiras está en pleno crecemento e cada día vas ter máis opcións. Para evitar sorpresas, infórmate sobre onde podes recargar con comodidade o teu coche eléctrico en Galicia.

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novidades e a información dos teus servizos R
* This field is required