menú
Más de 340 personas mayores ampliaron sus competencias digitales en Enredando tour R

Máis de 340 persoas maiores ampliaron as súas competencias dixitais en Enredando tour R

23/11/2021
Blog R

Que bos alumnos tivemos en Enredando tour R! As 346 persoas maiores que participaron nos talleres formativos da Cruz Vermella e máis R superaron con nota o reto de achegarse ao mundo dixital.

Non houbo smartphone, tablet ou portátil que se lles resistise, grazas ao persoal especializado e voluntariado que lles acompañou en todo momento para que lles perdesen un pouco o medo ás novas tecnoloxías.

Unha capacidade de superación para seren máis autónomos coas videochamadas, o WhatsApp ou as xestións co Sergas, que se repetiu en cada unha das 11 localidades que percorreu a aula móbil entre setembro e outubro.

Grazas a este formato, puidemos chegar a máis pobos e contornas rurais para reducir a fenda dixital.

E o resultado non puido ser mellor, tanto que o 68,4% das persoas maiores, dunha media de 73 anos, asistiu a varios dos 8 talleres que se impartiron en cada localidade.

Trinidad de Lorenzo, responsable do proxecto Enredando tour R, cóntanos como foi a experiencia e algunha anécdota.

Que balance fas de Enredando tour R?

Non podo menos que realizar un balance moi positivo. Chegamos a máis de 300 persoas maiores nas actividades realizadas en 11 localidades de Galicia. Gustaríame destacar que o 68,4% das persoas rexistradas nos talleres participaron en máis dun.

Enredando tour R A Coruña
Esperabas esa resposta de participación?

Sabía que a resposta podería ser boa porque a iniciativa aborda unhas accións necesarias para reducir a fenda dixital, pero non pensei que sería tan boa. As persoas que participaron demostraron moito interese e ganas de aprender. Ademais, contamos co apoio das voluntarios e voluntarias de Cruz Vermella nos talleres, que transmitiron moita proximidade e empatía coas persoas maiores. Si que é certo que ao comezo tiña as miñas preocupacións polo clima, por se facía mal tempo, etc. Pero que va, a resposta foi excepcional, e mesmo chovendo puidemos gozar da súa compañía e axudarlles coas súas dúbidas tecnolóxicas ou iniciarlles nestes temas.


Quen adoita participar máis?

Xeralmente, por experiencias pasadas, adoitan ser as mulleres as que máis participan neste tipo de actividades. Das persoas atendidas neste circuíto, o 81,9% foron mulleres. Sobre a idade… a media de idade foi de 73 anos e tivemos mesmo persoas de 85 a 90 anos, e cun manexo envexable da tableta.

Enredando tour R Viveiro
Como se involucraron as localidades no tour?

A actividade Enredando tour R tivo moi boa aceptación en todas as localidades (A Coruña, Cedeira, Viveiro, Sarria, Monforte, O Carballiño, Verín, O Barco de Valdeorras, Lalín, Ponteareas e A Guarda). Foi unha grande experiencia e un traballo conxunto entre Cruz Vermella e máis R, e co apoio da Xunta de Galicia, para poder achegar o mundo da tecnoloxía a persoas que viven en pobos ou contornas rurais.

Como foi a experiencia para as persoas maiores?

Tanto o resto do equipo de traballo coma min cremos que foi unha experiencia interesante e gratificante, non só porque a poboación obxectivo puidese aprender coñecementos novos sobre WhatsApp ou a pedir cita en Atención Primaria por internet a través do seu móbil, senón porque dunha forma lúdica e amena moitas persoas lle perderon o medo (e así nolo fixeron saber) aos dispositivos electrónicos. É importante destacar que a avaliación de contidos formativos tivo moi boa aceptación. O 42% opinou que o que aprenderon lles resultou moi adecuado, seguido dun 39% que o consideraron adecuado.

Enredando tour R Monforte de Lemos
Que actividade lles gustou máis?

O bo dos nosos menús formativos é que se puideron adaptar ás preferencias de cada participante. E así chegamos a un total de 414 formacións, que son 310,5 horas de capacitación en competencias dixitais básicas. Un éxito! A aplicación do Sergas para solicitar cita ou obter o certificado COVID tivo moito éxito tamén. É o menú formativo chamado “Dixitalízate, ho!” e nel participaron o 32% das persoas. Pero ao tempo, o ser quen de facer fotos e saber onde poder velas posteriormente de forma autónoma. Ou achegar un arquivo ao correo electrónico, ou facerse un selfie. Cada persoa maior ten os seus gustos e necesidades neste sentido.

Cal crees que foi a maior dificultade para eles/as?

Quizais o temor a “romper algo” ou a non lembrar na casa o aprendido nos talleres. Pero para iso sempre lles aconsellamos practicar, probar, enredar! coa tableta ou o móbil. Ademais, se teñen dúbidas, ofrecémoslles asesoramento a través de enredando.gal.

Seguro que tedes unhas cantas anécdotas. Cóntanos algunha?

Temos moitas, a verdade. Pero quedaríame coa ilusión das persoas cando fan a súa primeira videoconferencia e ven á súa irmá ou a un neto en pantalla. Chamoume a atención unha persoa no Carballiño que me dixo que quería facer a videochamada ela mesma, sen depender sempre de que a chamasen. Esa capacidade de superación e de querer ser autónomas reflectiuse en moitas das conversacións coas persoas participantes.

Enredando tour R A Coruña
Despois deste primeiro contacto coas novas tecnoloxías, como poden seguir as persoas maiores mellorando as súas competencias dixitais?

Practicando… enredando. Ademais, Cruz Vermella ten programas de capacitación dixital adaptados ao nivel de cada persoa. Este tour foi unha actividade máis dentro da formación en competencias dixitais que realiza a nosa Organización. É unha actividade máis pero tamén esencial, porque nos permitiu chegar máis lonxe e con maior flexibilidade… como unha seda.

Algún consello para as familias?

Ás familias diríalles que animen ás persoas maiores da súa contorna para seguir usando os dispositivos e a tecnoloxía e que lles deixen ir ao seu ritmo para desenvolverse neste mundo hiperconectado. Non todas as persoas necesitan de apoio familiar, algunhas son dabondo capaces, aínda que seica necesiten máis tempo porque non son nativas/os tecnolóxicas/os ou porque o medo ás veces paralízaas. Pero son quen de facelo, teñen a capacidade de aprender e o interese por iso.

Repetiredes a xira de talleres?

Os talleres do tour caracterízanse por ser personalizados e cubrir necesidades e cuestións máis individuais, ao mesmo tempo que sensibilizan ás persoas maiores para lle perder o medo á tecnoloxía. Na súa propia localidade, e cun ambiente lúdico. Espero que si se repitan, porque creo que é un labor necesario e que se aliña perfectamente cos retos de Cruz Vermella. Aínda que existen talleres relacionados coa capacitación dixital, que se realizan de forma periódica nas asembleas da rede territorial de Cruz Vermella en Galicia, este proxecto supón unha alternativa ás explicacións, consultas, etc. que lles realizan as persoas maiores aos seus familiares. Nun contexto onde poden ter maior liberdade para preguntar e cacharrear cos dispositivos.

Que é o que máis che enche do teu traballo en Cruz Vermella e neste proxecto?

Traballar en Cruz Vermella é de seu moi gratificante, polos principios da Institución que se poñen en práctica cada día, e porque “nunca paramos”. Sempre hai moito por facer para estar cada vez máis preto das persoas. O proxecto Enredando e en concreto Enredando tour R son un exemplo de como podemos colaborar e estar presentes na sociedade, precisamente en temas novos e problemáticas sociais que van xurdindo dun día para outro. O cambio social rápido que caracteriza ás sociedades occidentais modernas é para Cruz Vermella un reto.

Moitas grazas, Trinidad, por compartir estas impresións e moitas grazas a todos os participantes do tour.

Tanto eles/as, como todos/as os/as que queiran achegarse ao mundo dixital e contar con asesoramento, poden visitar a páxina enredando.gal.

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novidades e a información dos teus servizos R
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

0 comentarios

R Cable y Telecable Telecomunicaciones, S.A.U. é o responsable do tratamento dos datos persoais que nos facilites e trataraos para a xestión da túa solicitude de facer comentarios neste blog en base a unha relación contractual. Non cederemos os teus datos persoais a ningún terceiro, salvo que exista unha obriga legal. E só os compartiremos cos nosos provedores que deban ter acceso para prestarnos un servizo. Tes, entre outros, dereito a acceder, rectificar e suprimir os teus datos, como se explica na información adicional da política de privacidade da nosa web.
Ao facer clic no botón publicar comentario declaras coñecer e entender a política de privacidade da Sociedade.