menú
Apps_Fotos

10 aplicacións para sacar as mellores fotos co teu móbil

19/08/2022
Blog R

Dende a chegada dos smartphones cada momento que vivimos é inmortalizado e arquivado nos nosos móbiles. Convertémonos en expertos/as en capturar cada momento da nosa vida con fotografías. As redes sociais están cheas de imaxes de cada movemento do noso día a día. Así que imos axudarche para que as fotos que saques sexan as mellores. Seleccionamos 10 aplicacións gratuítas para o teu móbil coas que poder perfeccionalas.

Temos que ser conscientes de que os móbiles non son cámaras fotográficas nin teñen todas as súas funcionalidades. Teñen as súas limitacións. Pero hai algunhas apps que permiten correccións de exposición, alteracións de cor ou montaxes máis complexas. Así que as 10 aplicacións que seleccionamos ofreceranche máis liberdade para crear contidos máis atractivos e que chamen a atención. E, de paso, que todos saiamos máis guapos/as nelas.

1. Open Camera

Esta aplicación aumenta considerablemente as funcionalidades das cámaras do teu smartphone, ofrecendo axustes manuais para sacar boas fotos. Open Camera é gratuíta e está dispoñible para iOS e Android.

As súas principais vantaxes son o enfoque manual, os modos de escena, a estabilización de imaxe, a gravación de vídeo HD, a xeolocalización de fotos, o soporte para micrófonos externos, o contraste dinámico e os controis configurables para destros e zurdos, entre outras.

2. Snapseed

Unha das aplicacións de fotos máis famosas e versátiles é Snapseed. Foi adquirida recentemente por Google e é unha das opcións máis completas do mercado, dispoñible para iOS e Android.

Esta aplicación permíteche controlar o contraste, o brillo, as curvas, a saturación, a nitidez e o balance de brancos da imaxe. Ademais, tamén podes aplicar filtros artísticos, corrixir manchas, alterar cores e mesmo incluír texto na imaxe. E o mellor é que é totalmente gratuíta e non hai compras nin servizos de subscrición dentro dela.

3. Focos

Para os/as que usen iPhone esta é a súa aplicación. Focos ten varios controis de captura manual de imaxes, coma o axuste da apertura do diafragma, a velocidade de obturación, ISO ou o balance de brancos. Permite que o usuario altere o foco das imaxes e cambiar a apertura do diafragma tras o clic, simular efectos de lentes ou introducir fontes de luz nun espazo 3D, entre outros efectos.

Focos é gratuíta para descargar e usar, pero para algunhas das súas funcións máis avanzadas é necesario adquirir unha licenza mensual de pago.

4. Photoshop Express

Dispoñible para Android e iOS, Photoshop Express é a app oficial de Adobe que adapta a súa famosa aplicación de edición de imaxes, pero para o teu móbil. Con ela poderás facer correccións rápidas nas fotos, ademais de aplicar uns 70 filtros predeterminados.

Entre as súas funcionalidades máis destacadas e básicas están as ferramentas para recortar e rotar imaxes, contraste, brillo, saturación, corrección de cor, balance de brancos e mesmo eliminación de manchas. E para quen queira destacar nas redes sociais, tamén deixa crear colaxes artísticos e compartir os contidos en varios formatos. Arrasarás co teu Instagram!

5. VSCO

Quizais xa a coñezas, porque é unha das ferramentas máis famosas e empregadas polos/as amantes da fotografía. As súas funcionalidades son bastante amplas: ten unha enorme biblioteca de filtros, opcións de afinación en funcións como brillo, contraste, saturación, ton, balance de brancos, nitidez ou curvas. Ten versións para Android e iOS,e para este último, tamén tes a opción de acceder a unha cámara avanzada no propio VSCO con dereito a facer axustes manuais de exposición, enfoque, ISO e velocidade de captura.

Por se fose pouco, ademais de servir de editor de imaxes, VSCO tamén funciona como rede social. Con ela podes compartir as túas imaxes, crear coleccións de fotos e ver o contido doutros usuarios.

6. Pixlr

É posiblemente a aplicación máis sinxela e de manexo fácil de toda a lista. Con Pixlr podes facer correccións rápidas nas imaxes. Presenta axustes básicos, como brillo, contraste, saturación e balance de brancos, ademais de contar con ferramentas de corte, corrección de manchas e algúns filtros predefinidos.

Pixlr é totalmente gratuíta e hai versións para Android e iOS, así coma unha versión para navegadores.

7. Darkroom

Se eres dos/as que dominan o Photoshop no teu día a día, tes a aplicación perfecta para iPhone: Darkroom. Esta app de fotos logra o equilibrio perfecto entre a facilidade de uso e os axustes profundos de calidade da imaxe.

Darkroom ten ferramentas en común con outras aplicacións, como modificar o brillo, a saturación, o contraste, os niveis ou o equilibrio de cores e curvas, pero ten un plus, xa que conta con recursos máis avanzados como soporte para ficheiros RAW e a posibilidade de crear presets personalizados.

8. Fotor

Con Fotor é moi sinxelo crear colaxes con montaxes creativas que combinen varias fotos con textos de impacto, ademais de ofrecer acceso a diversas ferramentas de edición de imaxes.

Con esta aplicación de fotos podes axustar a exposición e as cores da imaxe e aplicar filtros e efectos de manipulación. Fotor está dispoñible para Android e iOS e ten unha versión gratuíta. Non obstante, para acceder ás funcións máis avanzadas e sen anuncios, cómpre mercar unha licenza.

9. After Focus

Con esta aplicación dispoñible para iOS y Android,poderás facer fotos de acabado A1, que simulan a cámara réflex, xa que é especialista en axustes de enfoque. Usando After Focus podes xogar con fondos e formas, trazando co dedo as áreas nas que queres enfocar, mentres que a ferramenta as detectará automaticamente e fará o seu.

Tamén ten filtros fotográficos e se compras a versión Premium, de pagamento, podes atopar máis opcións. Unha delas é a alta resolución de ata 3.264 MPX, do mesmo xeito que podes utilizar varios filtros nunha mesma foto.

10. Cámara FV-5 Lite

Con Cámara FV-5 podes ter, como con After Focus, as ferramentas dunha cámara réflex profesional no teu smartphone para Android. Paga a pena usalo polo seu control sobre a velocidade de obturación, a configuración ISO, a distancia focal, o balance de brancos, a exposición, a medición de luz, o enfoque macro, o zoom dixital e outras opcións.

Por outra banda, dispón de GPS, permite facer fotos en formato RAW, utilizar o temporizador, guías de composición, imaxe con son, entre outros. Todos estes elementos de configuración permanecen na mesma pantalla da aplicación, mentres a utilizas, sen necesidade de entrar noutros menús, mesmo creando unha configuración para utilizalos coas teclas físicas do móbil.

Agora que xa che explicamos todas as funcionalidades e características das 10 aplicacións, só queda que as probes e saques o máximo proveito do teu móbil e da túa cámara. Non dubides en dicirnos cal cres que é á que máis se lle pode sacar partido e, sobre todo, que cambios sufriron as túas fotos.

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novidades e a información dos teus servizos R
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

*

0 comentarios

R Cable y Telecable Telecomunicaciones, S.A.U. é o responsable do tratamento dos datos persoais que nos facilites e trataraos para a xestión da túa solicitude de facer comentarios neste blog en base a unha relación contractual. Non cederemos os teus datos persoais a ningún terceiro, salvo que exista unha obriga legal. E só os compartiremos cos nosos provedores que deban ter acceso para prestarnos un servizo. Tes, entre outros, dereito a acceder, rectificar e suprimir os teus datos, como se explica na información adicional da política de privacidade da nosa web.
Ao facer clic no botón publicar comentario declaras coñecer e entender a política de privacidade da Sociedade.