
Todo o que necesitas saber para pagar co teu móbil
A tecnoloxía que usamos no día a día avanza a pasos de xigante. E se pagar nun comercio directamente co móbil e co smartwatch ou pulseiras intelixentes era algo que facían só os modernos, agora parécenos o máis normal. O sistema é o mesmo que o da túa tarxeta do banco contactless, o NFC. Pero co móbil e o reloxo, aforras sacar a carteira, buscar a tarxeta e facer o pago.
Explicámosche que é, como funciona e que apps necesitas para pagar co móbil, smartwatch e pulseiras intelixentes.
Que significa e como funciona o pago co móbil
Pagar co móbil ou smartwatch significa basicamente levar unha carteira electrónica ou wallet no teu dispositivo. É dicir, que o teu dispositivo faga as veces de tarxeta de crédito. E quen o fai posible é o NFC.
Que é o NFC e como funciona
O NFC é unha tecnoloxía sen fíos que transmite datos ao instante entre dispositivos situados a moi pouca distancia. O teu móbil e o TPV do comercio deben ter ese chip NFC para que se comuniquen.
Entón, para empezar a pagar co teu móbil ou reloxo intelixente debes seguir estes pasos:
- Comprobar que o teu móbil ten NFC.
- Descargar e configurar unha app de pagos compatible coas tarxetas do teu banco.
- Asegurarte de que o comercio onde compras dispón de TPV contactless.
- Realizar o pago achegando o teu móbil ou smartwatch ao datafono.
Vamos por partes.
Como saber se o teu teléfono móbil ten NFC
Como che diciamos, o primeiro que debes facer para pagar co teu móbil é saber se ten NFC. Para comprobalo:
- Dispositivos Android: vai ao menú de “axustes”, busca as opcións de conectividade (o nome pode variar segundo o fabricante, pero deberías ver algo como “conexión e compartir”) e dentro sairache un botón NFC para activalo. Se non che aparece é que o teu móbil non ten NFC.
- Dispositivos iPhone: dende o iPhone 6, todos os móbiles Apple incorporan a tecnoloxía NFC.
Seguinte paso? Descargar unha aplicación para engadir as túas tarxetas.
Apps para pagar co teu móbil ou smartwatch
O seguinte paso é vincular a túa tarxeta bancaria a unha aplicación de pagos, engadindo o número de tarxeta á app. Comproba que o teu banco é compatible coas aplicacións máis comúns:
- Google Wallet: antes chamábase Google Pay, se xa a tiñas instalada non tes que facer nada. Cando a abras, poida que xa che apareza como Google Wallet ou che pida actualizala dende o Play Store. Google Wallet está dispoñible para todos os teléfonos Android e os dispositivos con Wear OS (Lollipop 5.0 ou versións posteriores).
- Apple Pay: para pagar dende o teu iPhone ou Apple Watch.
- Samsung Wallet: tamén cambiou de nome, se xa a tiñas descargada coñecerala como Samsung Pay.
- Fitbit Pay: para smartwatch e pulseiras intelixentes Fitbit.
- Apps propias da túa entidade bancaria: se o teu banco non é compatible con ningunha das aplicacións anteriores, consulta se ten unha app propia para pagar co móbil.
Unha vez que descargaras a aplicación, terás que engadir a túa tarxeta bancaria para poder empezar a pagar co móbil ou smartwatch. Explicámosche como facelo no seguinte paso.
Configura a túa tarxeta na app de pagos co móbil
Cando teñas a túa app instalada no móbil ou smartwatch, só terás que engadir as túas tarxetas do banco. O procedemento varía dependendo do fabricante e modelo, pero é case sempre igual:
Abre a aplicación e dálle ao botón + que che aparecerá e selecciona a opción de nova tarxeta. Para engadila, utiliza a cámara para escanear a tarxeta ou introduce os datos manualmente.
Por motivos de seguridade, debes ter habilitado no teu teléfono ou reloxo intelixente un bloqueo de pantalla.
E con isto xa estás listo para pagar co teu móbil. Revisa que tes activado o NFC, desbloquea a pantalla do teu móbil e achega o teu smartphone ao TPV.
É seguro pagar co móbil?
Iso si, é importante que sigas estas recomendacións de seguridade:
- Activa o NFC só cando vaias realizar un pago.
- Utiliza un sistema de bloqueo de pantalla.
- Ten sempre actualizado o sistema operativo do teu teléfono.
Con todo isto, xa estás listo para pagar directamente co teu móbil coma se fora unha tarxeta.
4 comentarios
Ao facer clic no botón publicar comentario declaras coñecer e entender a política de privacidade da Sociedade.
A tecnoloxía avanza, vostedes NON.
Se continúan deste xeito, R en pouco tempo desaparece.
Ola, Javier.
O certo é que estamos continuamente implantando melloras nos servizos prestados e, dende logo, non imos deixar de facelo.
Con calquera dúbida xa me comentas.
Un saúdo.
Iso non é certo, e vostedes o saben.
As súas redes de fibra están obsoletas, os servicios cada vez peores, e a súa rede de telefonía móvil de Orange él absolutamente insuficiente.
Este cliente de R dende fai máis de 15 anos non lle queda máis remedio que irse, pero non me deixan porque teño permanencia.
Ola, Javier.
Se algo non che funciona ben podes abrir unha incidencia desde aquí: http://i.r.gal/58z para que os compañeiros de soporte técnico o podan revisar.
Un saúdo.