menú
Entrevistamos a Oriol Reull, director de Too Good To Go en España

Entrevistamos a Oriol Reull, director de Too Good To Go en España

08/09/2020
Blog R

Seguro que estás tan enganchado a Too Good To Go coma nós. A app que loita contra o desperdicio de alimentos celebra o seu segundo aniversario en España superando o millón de comidas salvadas.

É facilísima de usar: descargas a aplicación no móbil (Android e iOS), atopas o establecemento que che gusta, fas o teu pedido pagando a través da app e pasas a recoller o pack sorpresa. Esa maxia forma parte do seu éxito: “á xente divírtelle moito porque ao final tómao como un xogo por ver que é o que lle van dar”, coméntanos Oriol Reull, director de Too Good To Go en España. Pero contounos moitas cousas máis, non perdas a interesante charla que tivemos con el.
Entrevistamos a Oriol Reull, director de Too Good To Go en España
Con que filosofía naceu Too Good To Go?

Pois Too Good To Go naceu co obxectivo de axudar a poñer freo ás miles de toneladas de comida que cada día se tiran en todo o mundo e dar solución a un problema de dimensións globais como este. Sempre dicimos que o noso maior soño é ter un planeta sen desperdicio de alimentos e para conseguilo temos unha misión por diante, que é inspirar e empoderar as persoas á hora de tomar acción ante o refugallo alimentario, que é algo que nos afecta a todos.

A idea xurdiu en 2016 nun buffet cando un grupo de amigos vían como os camareiros estaban a tirar ao lixo todo o que sobrara, cando era comida que estaba en perfecto estado. Deciden entón achegar unha solución e comeza así a andar este movemento que se materializa nunha app a través da cal axudamos os supermercados, restaurantes, froitarías, panadarías, entre outros negocios, para vender o seu excedente de comida a usuarios que están dispostos a comprala a un prezo máis reducido para así evitar que se desperdicie.

Actualmente xa estamos en 15 países loitando contra o desperdicio de comida da man de máis de 22 millóns de usuarios e máis de 47.000 establecementos grazas aos cales superamos xa os 41 millóns de comidas salvadas. O día que Too Good To Go non exista conseguiriamos o noso obxectivo porque iso quererá dicir que xa non haberá desperdicio de alimentos.

Cal é a clave do seu éxito?

Eu creo que esta grande acollida se debe maiormente a que cada vez está máis presente na sociedade esa conciencia ambiental e hai unha maior vontade de facer cousas polo cambio e a favor do planeta. Nese sentido tanto as persoas como os negocios viron en Too Good To Go unha maneira moi sinxela de marcar a diferenza e achegar o seu graniño de area para que cun simple xesto como é salvar comida se poida evitar o impacto que iso tería. Pode parecer que unha soa comida salvada non ten un impacto significativo, pero a maxia prodúcese cando miles de persoas deciden salvar cada día miles de packs de comida a través da aplicación, é aí cando realmente nos damos conta do poder que temos como sociedade á hora de facer o cambio xuntos e xerar un impacto positivo aínda maior. Ademais é un xesto co que todas as partes saen gañando porque gaña o usuario ao adquirir comida de calidade a prezos máis baixos, gaña o establecemento que reduce o seu excedente e as súas perdas económicas, pero sobre todo gaña o planeta ao aproveitar todos os recursos e non ter que lidar coas consecuencias que trae consigo a xeración de máis residuos.

Too Good To Go
O feito de que o cliente reciba un pack sorpresa, atrae a máis xente, movida pola curiosidade?

Como adoitamos dicir, o pack sorpresa é parte desa maxia que ten Too Good To Go e á xente divírtelle moito porque ao final o toma como un xogo por ver que é o que lle van dar, deixarse sorprender dun modo diferente e mesmo para probar alimentos que doutra forma quizais non probaría. Ademais, a quen non lle gustan as sorpresas? Estou seguro de que a todo o mundo lle gustan, sobre todo cando son boas e por enriba están relacionadas coa comida, jejeje. Así mesmo o pack sorpresa é a clave na loita contra o desperdicio de alimentos. Para os establecementos é imposible predicir con antelación cal vai ser o seu excedente, por iso é polo que o contido cada día dos packs sexa sorpresa, pois vai variar en función do que sobrase cada día e o usuario só o vai a saber cando chegue a recoller o seu pack. Pola contra, se o usuario soubese o seu contido, entón non sería desperdicio. Comprobamos que ao final a xente valora moito o feito de que se poida levar comida que sabe que está en perfecto estado por menos diñeiro e con iso estar a contribuír a facer algo bo polo planeta.

“Á xente divírtelle moito porque ao final o toma como un xogo por ver que é o que lle van dar”

Alcanzastes xa a cifra de 1 millón de comidas salvadas en España. Cambiou a mentalidade da xente dende que aterrastes en setembro de 2018? Por certo, feliz aniversario!

Moitas grazas! O certo é que non podemos estar máis contentos de como se está a dar este segundo aniversario ao que chegamos superando o millón de comidas salvadas. Isto é grazas a toda esa comunidade de usuarios e negocios repartidos por toda a xeografía española e que forman parte fundamental desta loita contra o desperdicio de alimentos. Creo que si está a cambiar a mentalidade da xente. É máis, un 22% dos usuarios recoñece que dende que usan a nosa app empezaron a realizar outras accións para reducir o refugallo nas súas casas como conxelar ou comprar de forma máis responsable. Ademais, cada día estamos a superar o récord diario de comidas salvadas e a través das nosas redes sociais a xente comparte connosco receitas de aproveitamento que elaboraron a partir do contido do pack que salvaron. Por tanto, si que está a haber un cambio e non podemos estar máis orgullosos diso porque vemos como este movemento está a crecer cada vez máis e que con cada xesto que se fai para salvar comida, se os sumamos todos, o impacto positivo que se está xerando é enorme. Como dicías, neste tempo xa superamos a barreira do millón e salvamos en total 1,3 millóns de comidas. Isto tradúcese en que evitamos o estrago de máis de 1.300 toneladas de comida que doutra maneira acabaría sendo refugada e á vez aforramos a emisión de máis de 3.250 toneladas de CO2eq.


Como vai o ritmo de descargas da app?

Está a ser brutal porque non pensabamos que en tan pouco tempo fósemos ter tal acollida e isto segue crecendo aínda máis. Xa temos máis de 1 millón de usuarios rexistrados en toda España e xa traballamos con 4.000 establecementos de todo o país aos que estamos a axudar a dar unha segunda oportunidade a ese excedente que teñen cada día e dese xeito ser máis sostibles.

Aumentou moito o número de establecementos adheridos en Galicia nos últimos meses?

O certo é que o crecemento está a ser incrible. En Galicia xa utilizan a app uns 250 negocios e salvamos aquí máis de 28.000 comidas.

“En Galicia xa utilizan a app uns 250 negocios e salvamos aquí máis de 28.000 comidas”


É unha boa axuda para os locais nestes tempos de coronavirus?

Si, totalmente, porque se algo estamos a sacar en claro desta situación é que todo é impredicible. Se xa antes era complicado predicir a demanda e axustar a súa produción, agora o é moito máis aínda. Os negocios non poden prever con antelación cantos clientes van cada día para comprar e iso lles obriga a ter sempre produto que ofrecer nos seus establecementos. Un día poida que teñan máis clientela e vender máis, por tanto, quedar con menos excedente, e outros días poden ter menos clientes e quedar ao final da xornada con máis xénero do que esperaban. Neste sentido nós somos un aliado para os locais pois a través da aplicación axudámoslles a dar saída a ese excedente e dese xeito minimizar o custo económico que pode supoñer para o negocio o desperdicio desa comida, sobre todo en momentos tan difíciles como estes.

Como lles afectou a pandemia aos nosos hábitos de consumo?

Pois afectoulles de moitas formas diferentes, pero quizais a máis rechamante é que dun día para outro nos demos conta do importante e valiosa que é a comida. Ao principio de todo isto fomos testemuñas de como moitos estantes de supermercados quedaban baleiros ou de como escaseaban algúns produtos. Isto fíxonos repensar a nosa maneira de consumir e valorar moito máis a comida e o que temos ao noso alcance. Ademais, compramos moito máis nos comercios do barrio adquirindo así máis produtos de proximidade e de tempada, tamén pasamos moito tempo na casa e isto fíxonos estar máis na cociña, planificar máis as nosas comidas ou, á hora de ir á compra, ser máis creativos nos fogóns, aproveitar todo o que tiñamos pola neveira e, en consecuencia, sermos máis responsables e desperdiciar o menos posible. Espero que todos estes novos hábitos que fomos adquirindo non se perdan e se manteñan para sempre.

Too Good To Go
Colaborades con organizacións benéficas para que calquera poida facer doazóns directamente desde a app a unha asociación da súa zona. Como xurdiu esta iniciativa?

Efectivamente dende o principio estamos a colaborar coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL) e Acción Contra El Hambre. Conxuntamente vimos que a mellor maneira de axudalos nas súas necesidades era apoiándoos a nivel económico para poder seguir desenvolvendo a súa actividade e vimos que unha boa forma era permitir que a través da app se puidesen facer doazóns directas a ambas organizacións. Ademais, tamén levamos a cabo accións para a recadación de fondos e estamos sempre en contacto con eles para buscar novas vías de colaboración. Apoiar o seu traballo é clave e é tamén parte da nosa misión en Too Good To Go.

Tamén creastes O Movemento contra o desperdicio de alimentos para concienciar dende a escola ou os negocios. Quen están máis comprometidos, os mozos ou os maiores?

Creo que todas as xeracións, en maior ou menor medida, están a demostrar cada vez un compromiso máis grande neste tema. Vémolo a través de nosa app onde o perfil medio do usuario é o de persoas de entre 20 e 40 anos cunha gran concienciación ambiental e que combate o desperdicio de alimentos a través da app coa vontade de xerar o cambio, pero sorprenderíache tamén a gran cantidade de xente maior que tamén usa a aplicación. Ademais, os maiores, os nosos pais e avós, son os que por cultura e tradición seguen lembrándonos ás xeracións máis novas iso de que ‘a comida non se tira’. Deles herdamos innumerables receitas de aproveitamento nas que non se desperdicia nada e a través dos seus coñecementos e experiencia están a inculcarnos e ensinando ese amor e respecto pola comida.

“Sorprenderíache tamén a gran cantidade de xente maior que tamén usa a aplicación”

Cales son os vosos próximos retos?

Creo que temos un reto importante por diante que é combater o desperdicio de alimentos e non debemos perder o foco nesa misión porque hai aínda moito por facer. E nese sentido, o noso maior obxectivo é seguir ampliando a rede de establecementos cos que traballamos para que se poida salvar comida en todo o país e non só quedarnos nas grandes cidades senón chegar tamén aos pobos máis pequenos, pois se o noso obxectivo é salvar toda a comida posible temos que chegar a todos os recunchos posibles. Ademais, seguiremos traballando en campañas de concienciación e participando en talleres e charlas educativas en colexios e universidades porque é a clave para sensibilizar aínda máis á sociedade ao redor deste problema. E por suposto o noso gran reto é poder traballar man a man coas administracións públicas porque necesitamos que leven a cabo e se aproben medidas eficaces que axuden a frear as escandalosas cifras do desperdicio alimentario.

Entre nós, todos temos un amigo que atopa chollazos. Algún truco para que non te levanten a reserva 😉?

Lamento dicirche que non hai trucos infalibles neste caso porque ao final todo depende do excedente que cada día teñan os establecementos. Pero un consello que pode axudar á hora de salvar o pack dun local que che guste moito é marcalo como favorito, desta maneira sempre que entres na aplicación será o primeiro que vas ver e se teñen pack dispoñible o poderás reservalo deseguido e antes que ninguén.

Mil grazas por atendernos, foi un auténtico pracer!!

E ti, xa es Waste Warrior? Descarga a app e decláralle a guerra ao desperdicio de alimentos.

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novidades e a información dos teus servizos R
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

0 comentarios

R Cable y Telecable Telecomunicaciones, S.A.U. é o responsable do tratamento dos datos persoais que nos facilites e trataraos para a xestión da túa solicitude de facer comentarios neste blog en base a unha relación contractual. Non cederemos os teus datos persoais a ningún terceiro, salvo que exista unha obriga legal. E só os compartiremos cos nosos provedores que deban ter acceso para prestarnos un servizo. Tes, entre outros, dereito a acceder, rectificar e suprimir os teus datos, como se explica na información adicional da política de privacidade da nosa web.
Ao facer clic no botón publicar comentario declaras coñecer e entender a política de privacidade da Sociedade.