menú
primer-movil-ninos

Primeiro móbil para nenos/as: a que idade e cales son os mellores modelos

07/12/2022
Blog R

Cando debe ter o seu primeiro teléfono móbil un/a neno/a? Non hai resposta fácil nin universal pero si existen unha serie de pautas que che axudarán a decidir cal é o mellor momento para dar ao neno/a un móbil, recomendacións de uso e cales son os modelos máis apropiados.

Idade do primeiro móbil para nenos/as

Segundo UNICEF, a idade media na que os nenos dispoñen do seu primeiro móbil é antes de cumprir os 11 anos.

Aínda que os expertos apuntan a que a idade recomendada para ter o primeiro teléfono móbil oscila entre os 12 e os 14 anos, o certo é que o 25% dos/as nenos/as de 10 anos e un 70% dos que teñen 12 anos xa usan un móbil de forma habitual.

Cando dar un teléfono móbil ao neno/a

O/A neno/nena necesita realmente un teléfono móbil? Esta é a primeira pregunta que debes facer, xa que o teléfono non é unha ferramenta indispensable en todo momento.

Polo outro lado, hai factores, esencialmente sociais, que inclinan a balanza. Para algúns, non ter móbil pode ser un motivo de exclusión social ou illamento e carrexar dificultades para o desenvolvemento interpersoal dos/as pequenos/as. Para outros, darlle un teléfono a un neno sería darlle un dispositivo que vai limitar a súa atención e o vai introducir en dinámicas non demasiado positivas.

Pola nosa banda, recomendámosche este vídeo de Raúl Ordóñez, experto pedagogo en educación dixital:

Darlle o móbil ao neno de forma gradual

Unha forma gradual e moi efectiva de afacer ao neno/a a usar os teléfonos móbiles é crear un perfil propio no móbil da nai ou o pai. Así irá descubrindo as súas funcionalidades e usos, ao mesmo tempo que o adulto sabe como está a interactuar co dispositivo. Ten en conta que inicialmente seguirá as túas pautas e recomendacións e mesmo imitará usos maternos/paternos pero co tempo irá adquirindo hábitos propios.

Para tomar a decisión sobre o mellor momento para darlle un teléfono móbil, pensa nas circunstancias familiares e tamén no carácter e madurez do neno/a.

Malia a súa idade, debe ter capacidade suficiente para facer un emprego responsable do móbil e evitar caer en usos inadecuados. E esta madurez debe trasladarse tamén a como trata o seu teléfono, que ten un custo e un posible deterioro, polo que hai que coidalo e mantelo en bo estado.

Regras e normas de uso do teléfono móbil para os/as nenos/as

Unha vez tomes a decisión de facilitar un teléfono móbil ao neno/a, o primeiro é establecer, ou máis ben pactar, unhas regras e normas de uso.

Marca pautas claras de horarios, tempos e espazos de uso. Por exemplo, só cando está fóra de casa ou nunca durante as comidas e especialmente a partir de certa hora pola noite. Existe unha síndrome chamada “vamping tecnolóxico” que se refire á diminución da calidade do soño por estar fronte a unha pantalla pouco tempo antes de durmir.

En todos os casos, o obxectivo é evitar un uso continuado e mesmo aditivo.

Non está de máis unha supervisión diaria da súa actividade a través do móbil. Mellor enfocalo máis cara a compartir que vixiar. É dicir, pode servir para que aproveitedes para contar que fixo ao longo dese día. Chamoute alguén? Coñeces algún xogo novo?

Os perigos da tecnoloxía

Non evites falarlle dos perigos e riscos que entraña un uso abusivo dos teléfonos móbiles. Non se trata de asustalo, senón de facelo consciente destes, porque tarde ou cedo entrará en contacto con eles e así estará mellor preparado para reaccionar.

Mesmo podes explicarlle en que consisten certos ciberdelitos habituais como o ciberbulliyng, grooming (adultos que se fan pasar por menores para enganalos) ou a difusión de imaxes sen o seu consentimento.

É importante insistir na importancia de que nunca envíe fotos comprometidas.

Recomendacións para o teléfono móbil dos nenos/as

A nai ou o pai debe ser quen configure o terminal e instale as aplicacións necesarias, incluíndo xogos.

Supervisa contactos e chamadas, por exemplo, de números descoñecidos. E se ten contas en redes sociais, asegura a súa privacidade.

De entrada, podes utilizar aplicacións de control parental. A maioría dos teléfonos tráenas de serie e achegaranche tranquilidade. Tamén hai aplicacións de xeolocalización que permiten coñecer onde se atopa o neno/a en cada momento e que, ademais, serven para localizar o teléfono se se extravía, algo bastante habitual no caso dos nenos/as.

Unha das maiores inquietudes de pais e nais é que páxinas pode visitar en internet o neno/a. Para evitar isto podes filtrar contidos e bloquear certas webs, como aquelas que teñen contido para adultos ou xogo en liña. Agora ben, as posibilidades da Rede son infinitas e ademais reinvéntanse cada día, co cal che vai resultar moi difícil acoutar as páxinas ás que acceda co seu móbil.

Que debe ter un teléfono móbil para nenos/as?

É obvio que os/as pequenos/as non necesitan un terminal con gran capacidade de almacenamento nin multitude de cámaras.

En termos xerais, un móbil adecuado para eles/as sería:

  • Sinxelo, con funcionalidades básicas e de uso fácil e intuitivo.
  • Resistente, xa que os nenos/as non están quietos e seguramente estará sometido a golpes, riscadas e inclemencias de todo tipo.
  • Gran pantalla. Aos/as nenos/as gústanlles os elementos visuais e coloridos que atrapen a súa atención facilmente e cos que poidan interactuar, o cal é máis factible nunha pantalla de considerable tamaño na que tamén poidan gozar xogando.
  • Taxa de refresco da pantalla. Máis que a nitidez, o neno/a valora a sensación de fluidez na navegación.
  • Duración da batería e carga rápida. A paciencia e a capacidade de esperar non adoitan caracterizar os máis pequenos/as. Rapidamente se aburren ou se queixan, así que opta por un teléfono cuxa batería dure bastante e se recargue en pouco tempo.
  • Cámara para selfies. Non necesitan cámaras de profundidade ou con atención ao detalle; a que máis van usar serán, moi probablemente, as cámaras selfie para facer fotos eles mesmos, cos seus amigos ou coa familia.
  • Con capacidade de almacenamento básica. Raramente van ter arquivos nin contidos que queiran almacenar no teléfono, e moito menos na nube. Habitualmente os seus usos son inmediatos e pasan ao esquecemento.
  • Como usa o/a neno/a o teléfono móbil

    Aos poucos, o/a neno/a irá gañando confianza e responsabilidade respecto ao seu teléfono móbil e poderá ir adquirindo maior independencia dixital de forma progresiva.

    En calquera caso, o móbil é unha forma idónea de contactar co neno/a sempre que o necesites, tanto de forma individual como familiar, creando, por exemplo, un grupo privado no que participe toda a familia.

    E para el/ela é unha forma de socializar e de falar cos seus amigos/as ou compañeiros/as do colexio de forma rápida e segura.

    Non hai unha idade exacta nin regras universais en canto ao uso dos teléfonos móbiles por parte de nenos e nenas. Cada pequeno/a e cada familia son diferentes e contan coas súas propias necesidades, pero esperamos axudarvos con estas pautas de uso xenéricas que poden aplicarse na maioría dos casos.

    subscríbete ao boletín
    recibe cada mes no teu correo todas as novidades e a información dos teus servizos R
    * This field is required