menú

Caso de éxito: porto de Burela

10/10/2018
Blog R

Burela conta cun dos portos máis importantes do Cantábrico. Cada día move ao redor de 100 toneladas de peixe branco, cantidade que se pode duplicar durante os momentos nos que se pode pescar xarda ou bocarte. Aínda que a priori a actividade pesqueira pode parecer sinxela, require todo un traballo e un fluxo de información constante, como sabe moi ben Tito Sixto, presidente de Adexmar e xerente da empresa Descaexport. De aí a necesidade de ter un servizo de telecomunicacións non só áxil, senón sobre todo fiable.

“Nós impulsamos a chegada da fibra ao porto de Burela. Partiu dos almacenistas, desde a lonxa apoiáronnos e dende o principio pensamos en R, porque era a empresa que queriamos ter aquí”, explica Sixto.

Moitas empresas e información

Adexmar, que preside Sixto, é unha asociación de almacenistas e exportadores de peixe que ten asociados desde Asturias ata Cedeira, e que operan no porto de Burela. Trátase dunhas 25 empresas, ás que habería que sumar outras tantas que traballan no lugar. A súa xornada comeza normalmente ás 5 ou 6 da mañá, realizando a compra de forma tradicional, cunha poxa á baixa, tras contactar cos clientes. Despois empácase ou transfórmase o produto en cada almacén e envíase por transporte.

“Un día normal, onde hai unhas 4.000 caixas, dende as lonxas mándannos os datos da compra coa súa trazabilidade. Toda esa información envíasenos ás empresas que operamos e, coa rede que tiñamos, o fluxo de datos estaba colapsado”, explica Tito Sixto. Grazas á chegada da rede de fibra de R ao porto, “unha vez finalizada a venda ás 8, xa temos os datos ás 8.15. Antes estabamos media mañá esperando”, conclúe.

Evolución

Sixto, como xerente de Descaexport e máis de tres décadas anos de experiencia, coñece perfectamente como variaron as comunicacións no sector. “Hai 35 anos tiñamos unhas cabinas telefónicas na lonxa, onde faciamos cola para comunicarnos cos clientes”, lembra. De aí pasaron no ano 1988 a traballar con enormes teléfonos sen fíos, que provocaban interferencias. Empezouse a xerar unha relación de confianza cos clientes, que se afianzaría a partir de 1991 coa chegada dos móbiles. “Agora, coa evolución da tecnoloxía, é difícil que un cliente te chame 15 ou 20 veces como hai unha década, con chamadas moi curtas”, indica o tamén presidente de Adexmar. De feito, adoitan falar cos clientes á primeira hora e continúan comunicándose mediante whatsapps.

Pero algo que marca sobre todo o seu traballo é a lexislación en materia de peixe fresco e o transporte. Hai anos a etiquetaxe indicaba o nome de cada peixe, a súa data de captura, cando se había empacado e a súa caducidade. Hoxe en día hai que enviar moitos máis datos, para garantir a trazabilidade, dende que o produto se pesca ata que chega ao consumidor.

Fiabilidade

Por esa razón os almacenistas de Burela necesitan contar cunha conexión da internet fiable. “Todos eses datos ocupan espazo e tempo e teñen que ser precisos, non te podes equivocar. As lonxas envíannos eses datos e tiñamos un problema co ADSL que había de 10 megas (que en ocasións era de 2 megas), nunha zona gañada ao mar onde o par de cobre se vía afectado con bastante asiduidade, con problemas nas centrais e sen suficientes pares para todas as empresas”, sinala Tito Sixto.

De feito, en ocasións estaban toda a mañá sen internet fixo e debían usar a conexión de datos do móbil para poder traballar. Coa fibra de R “non hai problemas de avarías, que é ao que máis medo lle tiñamos”, de forma que están “contentos” e “satisfeitos”, en palabras do presidente da Asociación de Exportadores Almacenistas de peixes e mariscos A Mariña.

Axilidade

Outra cousa na que Tito Sixto asegura que melloraron foi na xestión dos programas informáticos. No caso da súa empresa, Descaexport, teñen varias básculas interconectadas, traballando e empacando peixe. “Eses datos repórtanse ao programa central para poder sacar os albarás de transporte. Sen iso non podes sacar a mercadoría”, salienta. Por iso, se tes un problema cun programa e é necesario que un técnico se conecte de forma remota ou descargue un parche ou unha actualización, agora faino en minutos cando “antes che levaba unha hora”.

Incluso varios asociados que teñen as oficinas fóra do porto puideron crear unha rede wifi, que está en fase de implantación, pero que “funciona moi ben” á hora de traballar e interconectarse cos seus centros de traballo.

Todo para que desde Burela se poida servir con axilidade e calidade, como sempre, a calquera punto da Península e mesmo a Baleares e Canarias. Unha vez realizado o traballo e reunida toda a información sobre o produto e xerados os albarás para o transportista, realizan o primeiro envío ás 11 da mañá a Sevilla e Barcelona (os puntos máis afastados), e despois saen o resto de rutas, como Madrid, Bilbao, Burgos ou León. Toda unha engrenaxe que agora se viu beneficiado grazas á chegada da fibra de R ao porto.

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo toda a información para o éxito do teu negocio
* This field is required