menú
eventos_primavera

Próximos eventos que non debes perder esta primavera

28/03/2018
Blog R

A primavera chega cargadiña de citas obrigatorias para estar á última en tecnoloxías de información e marketing online.

Desta volta as citas son na nosa comunidade, co Galicia TIC 2018 e co Carballo InterPlay, en Barcelona, co eShow Barcelona e Bizbarcelona e en Madrid co Digital Business World Congress.

Galicia TIC 2018

O primeiro dos eventos será en Galicia o vindeiro 24 de maio. A cidade da Cultura celebrará unha nova edición do Galicia TIC na que a evolución tecnolóxica será o tema principal durante a xornada.

Esta cita non está dirixida exclusivamente a profesionais TIC. Poden acudir negocios e empresas de calquera sector que estean interesados en traballar máis a fondo na súa transformación dixital. Ademais, neste evento os emprendedores poden participar nas Startup Battles para acadar como premio a creación dun proxecto de startup.

O programa de conferencias adoita ser do máis completo, conta con profesionais de diferentes empresas do sector TIC e organismos públicos que achegan ao público a realidade sobre o sector tecnolóxico en Galicia.

Aínda non está publicado o programa deste ano pero na súa web están actualizando a información periodicamente, así que non perdas detalle http://www.galiciatic.com/.

Día Internacional das Rapazas nas TIC

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) acolle unha nova edición deste evento que se celebrará o vindeiro 26 de abril.

O Día Internacional das Rapazas, ou o #GirlsInICT18, ten como obxectivo promover o sector das TIC entre as mozas das novas xeracións.

Un dos pratos fortes será o coloquio virtual, que se celebrará durante a mañá, no que participarán varias mulleres do sector TIC e no que os alumnos de secundaria poderán preguntar a estas profesionais todo o que se lles ocorra vía streaming.

Nesta edición participarán: María José Durán, enxeñeira en informática e fundadora da tenda en liña Potingues Verdes, Ana Cidre, experta en desenvolvemento de tecnoloxía, organizadora de GDG Vigo e fundadora do grupo GalsTech, Cecilia Grela, enxeñeira en informática e formadora en TI e a nosa compañeira Susana Rey, enxeñeira en telecomunicacións e responsable de ciberseguridade en R.

Ademais, durante a tarde os rapaces de entre 10 e 14 anos poderán visitar o CESGA para participar en demostracións e en diferentes obradoiros relacionados co sector TIC e visitar as instalacións do Centro de Supercomputación de Galicia.

Xa sabes, se es profe e queres que os teus pupilos comecen a dar os seus primeiros pasos nas TIC, aquí tes unha boa proposta.

ICC Week

O ICC Week, ou Semana das Industrias Culturais de Ourense, é un evento que se vén desenvolvendo dende 2015 na cidade das termas.

O seu obxectivo é poñer en valor os seguintes sectores: audiovisual, industria musical, radio, novas tendencias tecnolóxicas, apps e videoxogos.

Se queres estar á última en tendencias creativas e culturais non dubides en asistir entre o 2 e o 5 de maio a Ourense.

Poderás desfrutar das conferencias e charlas de profesionais de diferentes sectores culturais como Javier Mariscal, Nacho García Vega, Raquel Córcoles, Juan Ramón Bonet e Gracia Querejeta, entre outros moitos. Consulta o programa para que vexas de todo o que vas poder desfrutar.

eShow Barcelona

Na outra punta da península ibérica celebrarase os días 11 e 12 de abril unha nova edición do eShow, no pavillón 8 da Fira de Barcelona.

Nesta cita vanse presentar todas as novidades sobre comercio electrónico e marketing online que ti poderás aplicar ao teu negocio. Tamén contará cun panel de relatores procedentes das empresas máis punteiras en marketing e de diferentes axencias de comunicación dixital.

O seu programa inclúe obradoiros e tamén haberá oco para algunha sesión de networking para conseguir contactos de novos provedores e futuros socios.

Digital Business World Congress

Madrid acolle entre o 22 e 24 de maio a terceira edición dun dos maiores encontros sobre transformación e innovación dixital, o Digital Business World Congress.

Os asistentes poderán coñecer nos expositores as últimas solucións tecnolóxicas que están no mercado e asistir a conferencias nas que se desenvolverán casos prácticos de aplicacións de novas tecnoloxías nas empresas.

Podes consultar o seu programa na súa web e xa verás que completiño. Se che convence, aínda estás a tempo de inscribirte.

Bizbarcelona

Este evento está dirixido a emprendedores e pemes que traballan arreo para ir sincronizados coa transformación dixital. Celébrase o 30 e 31 de maio no recinto de Montjuïc da Fira de Barcelona.

Bizbarcelona estrutúrase en catro eixos temáticos: transformación tecnolóxica, social, económica e empresarial, e as novas tendencias. Dentro de cada bloque desenvolveranse conferencias, mesas redondas, obradoiros e sesións de networking.

Así que xa sabes, se estás comezando a túa aventura profesional, non dubides en pasar pola cidade Condal a ver que é o que se coce neste mundo dixital que avanza á velocidade do raio.

Carballo Interplay

Este ano celébrase a quinta edición do festival de contidos dixitais Carballo Interplay entre o 4 e 6 de abril no Pazo da Cultura de Carballo.

Ademais das proxeccións das diferentes webseries nacionais e internacionais que participan no festival haberá obradoiros e conferencias que de seguro que che van interesar moito. Entre os temas que se tratarán destacan a narrativa de vídeo en redes sociais, tendencias en multimedia e xornalismo, entre outros.

Todas as actividades do festival son de acceso gratuíto e ata completar aforo, así que se che apetece pasarte por Carballo para coñecer o máis innovador do mundo dos contidos dixitais aquí tes o programa completiño.

Xa tes claro a cal vas asistir?

Lembra que podes seguir a nosas novidades en Twitter, Facebook, Instagram e na nosa canle de Telegram.

Ata a próxima!

Imaxe de unsplash.com/@anete_lusina

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo toda a información para o éxito do teu negocio
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

0 comentarios

R Cable y Telecable Telecomunicaciones, S.A.U. é o responsable do tratamento dos datos persoais que nos facilites e trataraos para a xestión da túa solicitude de facer comentarios neste blog en base a unha relación contractual. Non cederemos os teus datos persoais a ningún terceiro, salvo que exista unha obriga legal. E só os compartiremos cos nosos provedores que deban ter acceso para prestarnos un servizo. Tes, entre outros, dereito a acceder, rectificar e suprimir os teus datos, como se explica na información adicional da política de privacidade da nosa web.
Ao facer clic no botón publicar comentario declaras coñecer e entender a política de privacidade da Sociedade.