menú
A Industriosa

A Industriosa, unha asociación para axudar a emprendedores e empresas tecnolóxicas

14/05/2019
Blog R

Hoxe imos coñecer o labor da asociación A Industriosa, coa que colaboramos dende R. Situada en Vigo, ten como obxectivo promover diferentes actividades tecnolóxicas e apoiar as empresas do sector que non teñen recursos suficientes para acadar os seus obxectivos.

Tivemos a oportunidade de conversar con algúns dos membros desta entidade. Detalláronnos as actividades que desenvolven e os proxectos que lanzaron dende o taller e laboratorio tecnolóxico da Industriosa.

– En que consiste o labor da Industriosa?
A Industriosa nace coa intención de conectar aos entusiastas da tecnoloxía e de dotar a comunidade tecnolóxica de Vigo dun lugar común onde reunirse, intercambiar ideas, e dispoñer de ferramentas cun custo que só poderían asumir de maneira colectiva.

Un dos xeitos de conseguir isto buscámolo coa organización e promoción de diversas actividades para coordinar os coñecementos e os intereses dos profesionais e dos estudantes, coas necesidades das empresas.

– Quen compón esta asociación?
A asociación foi fundada por 10 profesionais das novas tecnoloxías con inquietudes e ganas de crear comunidade, aprender e compartir os seus coñecementos.

Somos un grupo de amantes da tecnoloxía que cremos que é necesario que a comunidade tecnolóxica local dispoña dun taller onde poder levar a cabo proxectos ambiciosos, onde reunirse e onde o coñecemento e as ideas flúan constantemente.

Actualmente contamos con máis de 60 socios e a Directiva está formada por Luis Miranda, Bruno Lema, Ignacio González, Hernán Serrano, Xabi Crespo, Sabela Muñiz e Jorge Muñoz.

“Somos amantes da tecnoloxía que cremos necesario que a comunidade tecnolóxica local dispoña dun taller onde levar a cabo proxectos ambiciosos, reunirse e o coñecemento e as ideas flúan.”

– Como fomentades as novas tecnoloxías, entre makers, emprendedores, startups e empresas?
Mediante varios tipos de actividades:

  • Charlas temáticas: comezamos co obxectivo de organizar, como mínimo, unha charla por mes. O ano pasado cumprímolo con creces e este ano estamos tendo un ritmo incluso maior que o ano pasado. Empregamos a plataforma Meetup, para poder anotarse, se alguén se anima pode facelo aquí.
  • Convocatorias de proxectos: en 2018 organizamos unha convocatoria de proxectos entre os socios, tamén había a posibilidade de que participasen os que non eran socios, co obxectivo de crear grupos de traballo interdisciplinarios e fomentar o traballo en equipo entre makers con diferentes habilidades.
  • Obradoiros: en 2018 tamén organizamos máis de 12 obradoiros de multitude de temáticas para que expertos en determinadas materias compartisen os seus coñecementos dunha forma práctica e a xente puidese acceder a estes de forma sinxela, así como relacionarse con outras persoas con similares inquietudes. Tamén usamos Meetup para anotarse a estes obradoiros.

– Gustaríanos saber como se pode acceder á vosa asociación?
Todas as charlas que organizamos son de acceso libre, calquera pode asistir a elas e, de paso, coñecer as nosas instalacións.

Igualmente, calquera se pode achegar dentro dos días nos que estamos abertos de forma sistemática: martes e mércores pola tarde e sábados pola mañá. Aínda que por mor da cantidade de proxectos e actividades que hai en marcha, o local está aberto moitos máis días.

Para ser socio, unicamente é preciso ter ganas de compartir coñecementos de tecnoloxía, estar de acordo cos nosos estatutos e ir á nosa páxina web que fixemos para inscribirse.

– En que podedes axudar ás empresas e como as empresas ou emprendedores poden contribuír positivamente ao desenvolvemento da vosa asociación?
As empresas do ámbito tecnolóxico transmítennos a dificultade que teñen para atopar traballadores de determinados perfiles e ven na asociación un caldo de cultivo moi atractivo á hora de captar talento e ideas.

A principal achega destas empresas e emprendedores consiste en apoiar as actividades da asociación, xa sexa aportando coñecemento en forma de charlas, obradoiros ou mentorización de proxectos, ou de forma económica permitíndonos desenvolver estas actividades e sufragar os gastos que temos ao contar cun local en aluguer.

Aínda así, actualmente estamos chegando a un punto que, grazas á cantidade de socios e á súa contribución en forma de cota, case somos capaces de facer fronte aos gastos fixos pola nosa conta. Iso non significa que non sigamos precisando achegas de empresas para poder mellorar as nosas instalacións e equipamento e para poder levar a cabo proxectos máis ambiciosos.

“As empresas tecnolóxicas transmítennos a dificultade para atopar traballadores de determinados perfís e ven na asociación un caldo de cultivo moi atractivo á hora de captar talento e ideas.”/em>

 

 

– Poderíamos coñecer algún exemplo dalgúns dos traballos que se levan a cabo na vosa asociación?

Este ano, os socios traballaron, entre outros, nos seguintes proxectos:

  • mClon: é un robot educativo de baixo custo que imita ao mBot e que se pode programar co software de mBlock coma se se tratase dun mBot. Está baseado en Arduino, así que tamén se pode programar co IDE de Arduino. Polo tanto, é un robot suficientemente versátil como para poder adaptalo a múltiples niveis educativos, e está especialmente indicado para traballar en Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato.
  • Segueliñas (Drakkar): trátase dun robot segue liñas open source e open hardware con chasis impreso en 3D. O ano pasado quedou segundo na competición de robótica da OSHWDem na Coruña.
  • Fanequiña: este proxecto trata de deseñar e botar a navegar un barco autónomo, usando GPS e visión artificial. O barco é pequeniño, coma os da regata solar que se comenta a continuación, pero a idea é que poida cruzar só a Ría de Vigo.
  • Regata Solar: a Industriosa participou tanto na pasada edición como na de este ano da Regata Solar que organiza Marine Instruments tanto como coorganizadores prestando apoio técnico e titorizando ós equipos de escolas e institutos que participan, como participando con varios equipos na categoría Open. Na pasada edición de 2018 un equipo da Industriosa acadou o primeiro posto en dita categoría.

Lembra que podes seguir a nosas novidades en Twitter, Facebook, Instagram e na nosa canle de Telegram.

Ata a próxima!

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo toda a información para o éxito do teu negocio
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

0 comentarios

R Cable y Telecomunicaciones Galicia, S.A.U. é o responsable do tratamento dos datos persoais que nos facilites e trataraos para a xestión da túa solicitude de facer comentarios neste blog en base a unha relación contractual. Non cederemos os teus datos persoais a ningún terceiro, salvo que exista unha obriga legal. E só os compartiremos cos nosos provedores que deban ter acceso para prestarnos un servizo. Tes, entre outros, dereito a acceder, rectificar e suprimir os teus datos, como se explica na información adicional da política de privacidade da nosa web.
Ao facer clic no botón publicar comentario declaras coñecer e entender a política de privacidade da Sociedade.