Galicia é terra de paisaxes espectaculares e as montañas son un dos seus trazos máis característicos. Queres saber cales son as montañas máis altas de Galicia, que montes hai preto do mar ou descubrir algunhas das rutas de montaña máis populares? Contámoscho neste post.

No interior e na costa, os sistemas montañosos de Galicia son lugares que, dende o máis alto, dan identidade propia á nosa paisaxe e marcan a nosa historia e tradición. E mesmo inspiran algunhas lendas.

Cal é a montaña máis alta de Galicia?

Esta honra corresponde a Pena Trevinca. Situada no límite entre Ourense e Castela e León, é a montaña máis alta de Galicia e tamén de Zamora.

Trátase dun espazo natural protexido que ocupa case 25.000 hectáreas e que ten tres cumes que superan os 2.000 metros de altitude: Pena Trevinca, Pena Negra e Pena Survia.

Zonas de alta montaña que tamén esconden auténticos tesouros naturais e animais. O Teixadal de Casaio conta con máis de trescentos texos centenarios e dende el podes contemplar, por exemplo, aguias reais.

Ademais, no máis alto destes montes, fórmanse lagos glaciares de gran beleza, como a Lagoa da Serpe.

Se che apetece visitar Pena Trevinca, o máis cómodo é achegarte ao encoro de Prada, na localidade ourensá da Veiga e tomar a estrada de montaña que percorre as aldeas da zona.

Para ir cara á zona do Teixadal de Casaio, podes dirixirte á estación da Fonte da Cova, en Carballeda de Valdeorras, e seguir a pé, aínda que terás que dar un bo paseo para chegar.

Polo lado zamorano, Pena Trevinca está flanqueada polo Parque Natural do Lago de Sanabria.

Montañas máis altas de Galicia

A Pena Trevinca séguenlle de preto outras montañas galegas cuxa altura é tamén importante e que non podes deixar de visitar.

Estas son as montañas máis altas de Galicia:

  • Pena Trevinca: 2.127 metros
  • Pena Negra: 2.123 metros
  • Pena Survia: 2.122 metros
  • Cima do Cuiña: 1.992 metros
  • Pico Mustallar: 1.934 metros
  • Cabeza Grande: 1.778 metros
  • Formigueiros: 1.643 metros
  • Pía Paxaro: 1.610 metros
  • Fonte do Santo: 1.618 metros
  • Montouto: 1.541 metros
  • Alto da Nevosa: 1.522 metros
  • Altar dos Cabrós: 1.489 metros

Cabeza de Manzaneda, na Serra de Queixa

É a segunda na clasificación de altitude de Galicia.

Atópase no Macizo Central ourensán, no concello da Pobra de Trives, e a altura do seu pico máis alto, Cabeza Grande, é de 1.778 metros.

Está catalogada como Zona de Especial Protección de Aves e nela podes ver aguias e bufos reais ou “pechiazules”.

De especial interese son o Val do Navea e o Souto de Rozavales, no que sobresae o milenario Castiñeiro de Pumbariños, declarado Monumento Natural de Galicia.

Doutra banda, Cabeza de Manzaneda acolle a única estación de esquí de Galicia e a máis occidental de España. É unha zona moi visitada, así que conta cun bo número de establecementos hostaleiros e de restauración.

Os Ancares

A Serra dos Ancares foi declarada Reserva da Biosfera pola Unesco.

Os seus puntos máis altos son a cima do Cuiña, de 1.992 metros, e o Pico Mustallar, cunha altura de 1.934 metros. O primeiro pertence á provincia de León e o segundo á de Lugo.

É unha zona de bosque autóctono e vales entre pequenos ríos.

Un lugar ao que os numerosos restos de castros romanos e a arquitectura popular (coas "pallozas" como elemento máis coñecido) converten nun tesouro patrimonial da tradición e da historia galega.

Podes chegar aos Ancares dende O Piornedo (Lugo) ou dende Burbia (León).

O Courel

Dende O Cebreiro ata o Sil esténdese O Courel, outra das cimas galegas, e onde podes chegar mediante as diferentes estradas que comunican a zona este de Lugo e a veciña comarca do Bierzo.

Unha zona de grande importancia xeolóxica na que está o pregamento de Campodola, considerado "Monumento Xeolóxico de Europa".

Ademais, covas vivas convertidas en refuxios para lobos, raposos e teixugos; os vales do río Lor; unha mestura de bosque mediterráneo e atlántico con haxas, castiñeiros, freixos, abeleiras ou acivros; e as devesas, a formación boscosa característica da zona, entre as que destaca a Devesa de Rogueira.

Entre tanto verde, resultan especialmente visibles os característicos tellados de lousa das vivendas da zona.

O seu pico máis alto é Formigueiros, a 1643 metros, seguido de Pía Paxaro, a 1610 metros, e Montouto, a 1541 metros de altitude.

Fonte do Santo, na Serra de San Mamede

montañas de galicia serra san mamede
Fuente: Turismo de Galicia

A 1618 metros de altitude está o pico Fonte do Santo, o punto máis alto da Serra de San Mamede, pertencente tamén ao denominado Gran Macizo Central ourensán.

No alto, unha capela homónima recibe aos visitantes que se achegan ata a cima e, ademais, acolle unha popular romaría no mes de agosto.

Unha paisaxe típica da rexión eurosiberiana galega, con bosques caducifolios de carballos e moito arbusto, o cal tamén se nota nas aves que poboan a zona, principalmente o aguilucho pálido.

Serra do Xurés

En Ourense, facendo fronteira con Portugal, temos a Serra do Xurés.

Forma parte do Parque Natural Baixa Limia-Xurés que, coas súas máis de 29.300 hectáreas, constitúe o espazo natural protexido máis extenso de toda Galicia.

Do lado galego, os puntos máis altos da Serra do Xurés son Altar de Cabrós e Alto de Nevosa.

Nesta serra son características as curiosas formas dos seus picos e nela hai marabillas naturais como a fervenza da Fecha.

Non é raro atopar corzos ou cabalos salvaxes.

Por certo, estes montes son especialmente ricos en wolframio e din as lendas que neles escondían o ouro os lexionarios romanos que cruzaban pola Vía Nova, camiño de Astorga ou Portugal.

Montañas galegas preto do mar

Aínda que non son tan altas como as do interior, a peculiar localización dalgunhas montañas galegas, encaixadas entre o mar e a terra, convérteas en lugares especiais.

Monte Pindo

O "Olimpo Celta" de Galicia é o Monte Pindo, na Costa da Morte.

Xunto coas veciñas praia de Carnota e a fervenza do Ézaro, forma un espazo natural incluído na Rede Natura 2000.

O Monte Pindo é protagonista de lendas e mitos sobre deuses, monstros e xigantes, lugar de protección fronte a piratas e asentamento de castelos (non conservados a día de hoxe).

Así que nel podes ver dende fervenzas e regatos ata murallas de pedra. E todo iso cun vixiante de excepción: O Xigante de Pedra.

Para chegar, o mellor é tomar a estrada comarcal que comunica as localidades de Cee e Carnota e te leva ata O Pindo.

Monte Louro

Dúas chepas de granito e unha altura de 240 metros son a carta de presentación do Monte Louro, situado na contorna da ría de Muros e Noia.

É un monte-illa solitario, que parece illado porque non hai serra ao seu redor, senón que o rodean mar e areais. Ao lado, a praia de Area Maior e a lagoa das Xarfas, con ampla poboación de reptís, anfibios e garzas.

O Monte Louro figura como "Lugar de Interese polo Instituto Xeolóxico e Mineiro de España".

Rutas de montaña en Galicia

Un bo plan para desconectar da rutina e gozar da natureza en estado puro é realizar algunha das rutas de montaña que temos en Galicia.

Ruta Tres Bispos (Os Ancares)

montañas de galicia os ancares
Fuente: Turismo de Galicia

Ruta clásica e sinxela con 7 quilómetros de ida (e outros tantos de volta) que transcorre fundamentalmente pola fronteira entre Galicia e León.

O punto inicial é o Albergue Club Ancares.

Percorrerás frondosos bosques autóctonos e non perderás de vista durante o traxecto os ríos Brego e Vara.

Ruta Reboleiras do Navea

Unha senda de fácil percorrido pola zona de Pena Trevinca que cruza a fraga de San Xoán de Río.

É circular e non chega aos 7 quilómetros de percorrido. Aínda que o terreo ten certa pendente, non implica gran dificultade.

O roteiro arrinca na aldea de Mouruás, pertencente ao concello de San Xoán de Río.

Ruta Serra de San Mamede

A ruta máis coñecida da Serra de San Mamede é a que vai de Montederramo a Abedular.

Son 11 quilómetros de percorrido (só ida), aínda que podes realizar en coche algún dos seus tramos.

De dificultade baixa, atravesa A Mogaínza, Montederramos e Gabín e é un percorrido perfecto tanto para gozar do bosque como para observar aves.

Ruta Subida Monte Pindo

Sae dende diante da igrexa de O Pindo (Carnota), onde poderás aparcar.

É unha ruta circular duns 17 quilómetros e dificultade media.

Permíteche chegar á cima do monte, A Moa. Non te arrepentirás, xa que as vistas dende o alto son espectaculares.

Ruta Monte Aloia

Ata a aldea de Circos, en Tui, debes chegar para realizar a Ruta do Monte Aloia.

Case 15 quilómetros de ruta circular nos que terás regatos, muíños, castros e miradoiros de excepción dende os que contemplar a paisaxe do Parque Natural Monte Aloia, o monte de Santa Tegra e mesmo as illas Cíes.

Descubre e goza das nosas montañas de Galicia.

Fonte imaxe de cabeceira: Turismo de Galicia.