Javi Vega chegou hai dúas tempadas ao Básquet Coruña e o recibimento non puido ser mellor en #OFornodeRiazor. Unha cancha que volverá lucir o noso R, despois de renovar o patrocinio co club laranxa.

O á-pivote madrileño confesounos que ten o galego controlado e que se adaptou á perfección á cidade. Ademais, falamos dos seus obxectivos para este ano, da afección ou da súa paixón polo baloncesto 3x3.

Aquí tes a entrevista completa.

Que balance fas desta primeira parte da tempada?

Eu creo que hai dúas fases. Os dous primeiros partidos nos que, sen que sirva de escusa, aínda se pode considerar pretemporada, debido a que non estivemos todo o equipo ata a primeira semana de outubro, e faltábanos moito ritmo. E logo os outros seis partidos consecutivos que levamos gañados nos que, independentemente das vitorias, a sensación foi moito mellor, de melloría constante a nivel físico e a nivel de entendemento de xogo.

Básquet Coruña

Estades nos primeiros postos da clasificación. Cal é o obxectivo do club este ano?

Eu penso que estar neses postos de privilexio, de poder loitar polo ascenso. Pero o obxectivo sempre é que cada ano sexa algo mellor: que sexamos sempre un equipo competitivo e que fagamos o mellor baloncesto posible. Entón, a nivel de resultados é estar aí arriba e ter a opción de chegar a subir. Daquela, unha lotería; non é nada fácil.

E o teu reto persoal?

A nivel persoal e neste momento da miña carreira, o meu obxectivo é levar o equipo o máis arriba posible. Que siga crecendo como club, como conxunto… E a nivel deportivo estar aí para conseguir un ascenso. Ese é o meu reto: ser quen de poñer A Coruña na ACB xunto aos meus compañeiros.

“Ese é o meu reto, ser quen de poñer A Coruña na ACB xunto aos meus compañeiros”

Chegaches hai dúas tempadas ao Básquet Coruña, procedente da liga ACB. Que che está achegando a competición LEB Oro?

Aínda que coñecía xa a LEB, o que máis estou a notar é -imos chamalo- a diversión. A diferenza entre ACB e LEB, polo menos no meu caso, era o rol; e cambia moito, estar a loitar por tentar non descender, se cadra, a pasar a un equipo que quere estar arriba, e por enriba con protagonismo a nivel de minutos, e ter un rol importante. Divírteste moito máis nunha situación coma a de agora que na outra.

Básquet Coruña

Como te adaptaches á cidade? Como te acolleu A Coruña?

Xa a coñecía de pequeno, pero non me custou nada. Tamén é certo que a nosa vida é así, terminas aprendendo e adáptaste rápido. É ben certo que o vir con ganas a un sitio, querer sempre vir aquí, por exemplo, facilítache moito a adaptación que se vas a un sitio só polo equipo. Axuda unha chea. Non teño problemas nin co galego, nin con nada. Coñezo todo ben, así que iso adiantou moito a miña adaptación.

E a afección? Como é xogar en #OFornodeRiazor?

A base que temos é moi boa: é xente á que lle gusta o baloncesto, que goza e que entende. Entón iso nótase á hora de animar, da presión que exercen sobre nós. Nótase unha chea porque xogamos, nunca mellor dito, como na casa, e as sensacións son moi boas, porque ao entender o deporte e gozar co baloncesto, non se crea mal ambiente en ningún momento.

Ademais do Básquet Coruña, formas parte da Selección Española do 3x3. Que fai especial esta modalidade?

É unha modalidade nova. Empezou para min como unha desconexión do 5x5 e que me serve de adestramento nos veráns. E relaciónoo con iso, cos veráns, con entretemento, con facer algo diferente. E agora que se considera xa mesmo un deporte olímpico, pois está a coller outra magnitude, é moito máis competitivo. É baloncesto, pero é diferente. Para desconectar vénme xenial, e eu creo que ten moito percorrido, malia que está aínda nunha fase inicial.

Moita sorte, Javi, e moitos éxitos esta tempada.

Dende R estaremos aí animando ao equipo un ano máis.