A tradición manda e máis nestas datas. Pero recoñéceo, durante o Nadal afixécheste a ir a patinar á pista de xeo, a brindar cos amigos antes da cea, a ir ver o aceso do Nadal de Vigo... Costumes que xa se converteron nas outras tradicións que durante estes días vas facer si ou si. Cal delas vas apuntar na túa lista?

Pistas de patinaxe sobre xeo

Facelo como o campión Javier Fernández vai ser difícil, pero ano tras ano téntalo para botar unhas risas. Ir patinar converteuse nunha tradición máis do Nadal. Xa non hai cidade ou recuncho que non instale unha pista e vexa como se enche durante as festas. Non tes escusa para calzar os patíns.

Ir de "mercadillos"

Se o combinas con patinar, tes o plan perfecto para unha tarde tipicamente do Nadal. Do mesmo xeito que as pistas, instalar casetas en lugares céntricos é outra das grandes apostas dos concellos para animar a turistas e oriúndos. Só por dar unha volta cun bo cornete de castañas, por comprar algunha figuriña para a árbore ou o Belén... pagan a pena.

Inaugurar o Nadal

O aceso das luces do Nadal deu un xiro nos últimos anos en Galicia. Agora celébranse auténticos espectáculos para lle dar o "pistoletazo" de saída ás festas. E nisto leva a palma Vigo, que este ano vai máis aló con canóns de neve artificial. A Coruña triunfou cun vídeo mapping en María Pita e en Santiago optaron por fogos artificiais no Obradoiro. En Galicia, ao grande.

San Silvestre

Se falamos de deporte, aínda que ten moito de festa, non pode faltar a xa típica carreira San Silvestre. Estas probas populares coáronse en todas as axendas do Nadal e viñeron para quedar: A Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra, Lugo, Ourense, Cambados... Ademais de despedir o ano dunha maneira diferente, a xente participa disfrazada e logo vai a tomar uns viños antes de ir cear. Soa divertido, verdade?

Saír

Non todo vai ser deporte, a quedada con amigos é outro clásico do Nadal. Pero ollo, xa non o facemos só en Noite Vella despois de tomar as uvas na casa ou na praza do concello cos colegas; saír en Noite Boa está de moda. E máis aínda ir de viños con amigos ou curmás e curmáns na previa ás grandes farturas de xantar, así, de paso, librámonos de poñer a mesa. Si, agora gústanos o "tardeo".

Marca Galicia

Celebracións atípicas hai repartidas por cada recuncho e pobo, pero non queremos deixar pasar por alto dúas delas. En Vilagarcía levan máis de 20 anos tomando as uvas e brindando polo Ano Novo pola mañá. Si, ás 12 do mediodía, e repiten de noite. Outro costume que xa se asentou entre os máis novos é acabar a festa de Fin de Ano na Feira de Betanzos. Un bodegón que combina esmoquin, tacóns e etiqueta cos postos de grelos e chourizos.

E falando de comida, que sería do Nadal sen ir a por marisco ás prazas de abastos, cetarias ou lonxas; ou a por unha boa carne á Feira do Capón de Vilalba ou á Feira do Galo de Curral en Vila de Cruces.

Tradicións

E aínda que todos estes costumes están a converterse en clásicos do Nadal, as tradicións de sempre non nolas perdemos: ir ver os Beléns, cantar panxoliñas, esperar a chegada do Apalpador, facer cola para comprar a lotería e a rosca de Reis, coller caramelos coma se non houbese un mañá nas cabalgatas...

E ti, es máis de tradición ou vangarda? Cóntanos que costumes non faltan na túa casa este Nadal. Felices festas!