menú
entroido

Xa está aquí, xa chegou… o Entroido

04/02/2016
Blog R

Xa non queda nada para que cheguen os días grandes do entroido. Desta volta, queremos repasar con vós os personaxes máis destacados do carnaval de Ourense. Porque alguén sabe diferenciar un peliqueiro, dun cigarrón, unha pantalla ou un felo? Pois a partir de agora, si 

Comezamos por Laza onde os peliqueiros son os principais protagonistas o domingo e martes de entroido. Estes personaxes levan unha máscara cuberta pola parte posterior cunha pelica e un traxe composto por chaqueta, pantalón, zamarra e chocas, ademais doutros accesorios. Os peliqueiros corren dun lado a outro da vila impoñendo a súa autoridade. A súa orixe non está clara, o que si se coñece é que o seu nome vén da pelica que levan detrás da careta.

En Verín os cigarróns xa empezan a percorrer as rúas o domingo antes do entroido. Destacan por levar unha máscara feita con madeira e pintada na que resaltan as cellas, as meixelas, o bigote e o máis importante un descarado sorriso. Prendido á máscara levan unha mitra na que aparece representado un animal ou algún motivo vexetal e pola parte posterior tamén vai tapada cunha pelica. O seu traxe está composto por unha camisa branca con gravata vermella, unha chaqueta curta con galóns e cubrindo os ombreiros charretas de militar con flocos. Na cintura levan unha faixa e por riba un cinto de coiro do que penduran por atrás seis grandes chocas. Segunda a lenda, esta figura era un cobrador de impostos dos Condes de Monterrei e doutros señores da provincia, aínda que non hai nada demostrado xa que moitos investigadores remontan a súa orixe ao nacemento do ser humano.

En Xinzo os protagonistas son as pantallas que aparecen polas rúas o domingo previo ao entroido, o denominado “Domingo Corredoiro”, golpeando dúas vexigas de vaca. A súa máscara ou pantalla contén a imaxe da cara do demo con cornos e decorada con motivos astrais. O seu traxe está composto por camisa e calzóns longos brancos, capa vermella ou negra, pañoleta, polainas negras, zapatos negros e faixa vermella da que colgan as chocas.

En Maceda destacan os felos, que se remontan ás festas pagás da Protohistoria ou ás festas hedonistas da antiga Roma. Pero non hai nada seguro segundo as investigacións. O seu nome é sinónimo de máscara que neste caso representa unha cara con xesto autoritario e sorriso socarrón, e na parte de arriba leva a ilustración dun animal ou dunha ave rapaz representativa da serra de San Mamede. O seu traxe é semellante ao dos peliqueiros de Laza e aos cigarróns de Verín. Ao longo dos días de entroido os felos percorren as aldeas da serra e as rúas do centro da vila.

Xa sabemos que nos quedan moitos “entroidos” dos que falar, pero por hoxe xa non temos máis oco. Para a próxima, máis

Un saúdo!

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novidades e a información dos teus servizos R
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

0 comentarios