menú

San Xoán aquí e aló

22/06/2016
Blog R

Como todos sabedes, a noite do 23 ao 24 de xuño celébrase o San Xoán. É unha festividade cristiá pero de orixe pagá, que coincide co solsticio de verán, é dicir, coa noite máis curta do ano e o día máis longo. Como a partir desta data os días serán máis curtos, existe a tradición de acender fogueiras para “darlle máis forza ao sol” que logo desa noite comezará a minguar. Esta festa celébrase por todo o mundo con diferentes ritos e no continente europeo, onde hai máis tradición é en España e Portugal.

Ao longo do territorio español esténdense moitas celebracións , onde destacan as da Comunidade Valenciana e Galicia. Na nosa terra non queda un oco no que esa noite non se faga unha fogueira ou cacharela e se asen unhas sardiñas. Pero son moitas máis as tradicións de cada lugar ao longo da noite meiga. Entre elas, destacan saltar a lumarada tres veces (cando o lume está baixiño e case consumido para non levar sustos) para espantar as meigas mentres se recita o seguinte (aínda que pode variar en cada localidade):

“Salto por riba do lume de San Xoán, para que non me morda
cadela nin can nin bicho vivinte que ande polo chan.”

Outra tradición para espantar as meigas é deixar durante esa noite á xeada un barreño con auga con distintas herbas entre as que destacan o fiúncho, a herba luísa, a ruda, o romeu, o codeso ou a santa maría, entre outras. O día 24 hai que lavar a cara con esa auga. Tamén na noite do 23 existe o rito de que as mulleres que se bañen na praia da Lanzada e reciban o impacto de nove olas aumentarán a súa fertilidade. Hai anos tamén existía o costume de afumar o gando para protexelo das meigas e facer as fogueiras con leña verde para facer moito más fume e afastar os malos espíritos.

Se che apetece celebrar o San Xoán dun xeito tradicional en Galicia hai moitos sitios a onde ir. Entre eles destacan A Illa de Arousa, onde se acenden as fogueiras nas praias que a rodean, e tamén a cidade da Coruña a cuxos areais acoden miles de persoas para participar do espectáculo das cacharelas, queima da falla e fogos de artificio. Este San Xoán está considerado Festa de Interese Turístico Internacional. Pero se se che antolla cambiar de aires, tamén hai oco para outro tipo de celebracións, como a que se leva a cabo no Areal de Berres na Estrada, onde só se acende unha única fogueira e se representa un espectáculo nas barcas que van polo río e logo faise unha coreografía arredor do lume. E, para rematar a festa, hai concertos de soul ou de música clásica.

E se hai ganas de fuxir uns días fóra, é moi recomendable vivir as festas do São João de Porto que ademais queda aí ao lado

Os nosos veciños si que saben de festas, xa que levan celebrando o seu patrón, o São João, dende o 20 de maio e aínda acaban o 26 de xuño. Podedes consultar a súa programación das festas, onde hai actividades para todos os públicos e todos os gustos. O prato forte, igual que en Galicia, tamén é a noite do 23 onde se cean sardiñas, pero nos restaurantes da cidade, e logo hai que ir ver os fogos que se lanzan dende a ponte de D. Luís, que se corta ao tráfico e ao paso peonil, e que se poden ver dende calquera lado da ribeira do Douro. É un espectáculo impresionante que pon a pel de galiña, xa que os fogos se lanzan ao ritmo da música clásica que se oe en toda a ribeira.

 

Hai que rematar a noite bailando nas diferentes verbenas que hai pola cidade e que non lle estrañe a ninguén que alguén lle pete cun “martelinho” de plástico na cabeza. É unha tradición que se leva facendo moitos anos, aínda que anteriormente, no canto de empregar un “marteliño”, utilizábase un porro para golpear a cabeza da persoa que che gustaba.

Como ves, hai festas para todos os gustos así que non hai desculpas para non celebrar o San Xoán.

Un saúdo!

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novidades e a información dos teus servizos R
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

0 comentarios