menú
reyes magos

Reis Magos de Verdade e Elfos e calcetíns

02/12/2016
Blog R

Achégase a época máis máxica do ano, o Nadal, e con el chega a noite máis ilusionante para nenos e maiores, a dos Reis Magos. Hai moitas persoas que non teñen familia, están lonxe dela ou simplemente non teñen recursos e non poden vivir a ledicia dese día. Pero os Reis Magos non se esquecen deles e fanlles chegar o regalo que pediron na súa carta.

Para que se cumpran os desexos que expresan nas súas cartas, certos paxes reais traballan arreo por moitas cidades de España procurando que todos os regalos cheguen a tempo. Estes paxes máxicos forman parte da iniciativa “Reyes Magos de Verdad” e “Elfos y calcetines”.

O primeiros, naceron en Madrid hai sete anos foronse estendendo por todo o país. En Galicia lévase a cabo dende hai cinco anos e desenvólvese nas cidades da Coruña, Ferrol e Lugo. As axudantes dos Reis que fan posible en Galicia que todos os regalos cheguen ao seus destinos, son Emma Martínez, Teresa Castro e Ana María Nieves.

O procedemento desta iniciativa é moi sinxelo: Todos podemos participar para converternos en Reis Magos e facer feliz a alguén con moi pouco; aí está a maxia deste proxecto . Para colaborar é preciso rexistrar os teus datos na sección de rexistro da web onde tes que indicar o teu enderezo electrónico, nome e apelidos, cidade, provincia, escoller coordinadora (Emma, Teresa ou María Nieves) ou zona onde queres entregar o agasallo e a quen lle queres regalar. Escolles un neno(a), de cero a 18 anos, ou un ancián(á) que estean vivindo nalgúns centros que forman parte do proxecto. Pasados uns días recibirás unha carta indicando o que lle piden aos Reis Magos. Ti, con esa petición, tes que ir “encargar os regalos” sen superar un orzamento entre 30 – 35 euros. É moi importante non sobrepasar este importe para que non haxa diferenzas entre eles. Unha vez que teñas o agasallo debes dirixirte ao punto de entrega que se che indicará cando recibas a carta e deixalo aí ou entregarllo á coordinadora que escolliches. Os paxes reais encargaranse de entregar os regalos nos centros que participan nesta iniciativa.

reyes magos

Cando comezou este proxecto en Galicia chegaron regalos a 100 nenos(as), e este ano está previsto que cheguen a máis de 680 cativos(as) e anciáns(ás) xa que cada vez aumenta a lista de centros colaboradores. Na bisbarra da Coruña participan varios centros de menores, a Casa de Acollida de Mulleres Maltratadas da cidade da Coruña, os centros de Cáritas de Bergondo, Sada e Santa Cruz, a ONG Equus Zebra ou o Centro Pai Menni de Betanzos, entre outros moitos.

Elfos e calcetíns
Unha iniciativa solidaria é a que tamén realizan dende “Elfos y calcetines” e que curiosamente naceu de “Reyes Magos de Verdad”. Indican que “delas é a idea orixinal e as que merecen todo o recoñecemento”. Defínense como un grupo de 23 tolos que durante dous meses ao ano dedican o seu tempo libre a facer algo no que cren, “manter a maxia do Nadal”. Contan con puntos en 20 concellos da provincia de Pontevedra (incluíndo as cidades de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía), en catro localidades de Ourense, seis municipios da Coruña y catro concello de Lugo.

O seu obxectivo é que ningún neno de cero a 17 anos e que vive nun centro de acollida quede sen regalo. Estes nenos, ou calcetíns, escribirán unha carta a un elfo que a recibirá e se encargará de adquirir, sen superar un orzamento de 30 euros, o regalo que lle piden e entrégalo posteriormente no “punto elfo” que se lle indica. Desta forma a mañá de Nadal ou a de Reis os nenos recibirán o que pediron nas súas cartas.

Calquera pode convertirse en elfo ou en “punto elfo”. É moi fácil: solamente tes que rexistrarte na súa web e poder facer chegar o teu regalo a calquera provincia de Galicia.

Xa ves que doado é participar e exercer de “regalador”, así os denominan os paxes reais. E que pouco custa facer a alguén feliz o día máis ilusionante do ano, a alguén que sempre che estará agradecido. Así que bule e participa, que aínda has quedar sen recibir unha carta e difunde todo o que poidas esta iniciativa entre regaladores e centros colaboradores para que o vindeiro ano poida abranguer toda Galicia.

Bo Nadal!

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novidades e a información dos teus servizos R
acepto os termos e condicións*

0 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*