menú
pan_de_galicia

Pan de Galicia

04/11/2016
Blog R

O pan de Galicia é un dos tesouros da Península Ibérica. Porque, que mellor acompañamento para un manxar que un bo cacho de pan?

Pero en Galicia non hai un só tipo de pan, hai motísimos e varían en forma e cor en función da lugar onde se elaboran. Temos o pan de Carral (A Coruña), o de Cea (Ourense), o de Carballo (A Coruña), o de Neda (A Coruña), o de Lugo, o de Vimianzo (A Coruña), o de O Porriño (Pontevedra), o de Ousá (Lugo), e seguro que deixamos algún no tinteiro.

Pan de Carral

Antigamente o trigo que se empregaba para elaborar o pan nesta localidade coruñesa era cultivado no Val de Barcia debido á súa óptima fertilidade. Á hora de moer o cereal empregábanse pedras moi pulidas para que a fariña tamén fose moi fina. E isto, xunto coa cocción do pan, que antes se facía en fornos de leña, logrou que o pan de Carral se distinguise doutros. Hoxe en día os avances tecnolóxicos están a provocar que moitos procesos tradicionais desaparezan, pero as panadarías de Carral aínda conservan algúns segredos para manter a esencia do seu pan, que teñen como forma máis coñecida o “molete”.

No mes de maio os carraleses exaltan o seu produto gastronómico principal coa festa do pan, que vai xa pola décimocuarta edición.

Pan de Cea

É o único pan de Galicia que conta cunha Identidade Xeográfica Protexida. Ten dúas variantes, a “peza” ou “poia” e a “media peza” ou “molete”. A “poia” pesa arredor dun quilo e un quilo douscentos gramos, e o “molete” entre cincocentos e seiscentos gramos. Estas pezas de pan destacan por ser alongadas nos seus extremos cunha fenda transversal no centro da súa parte superior. O 50% da fariña que se emprega para a súa elaboración provén das variedades autóctonas de Galicia á que acompañan auga, sal e masa nai dunha elaboración anterior. O amasado faise seguindo as técnicas tradicionais de San Cristovo de Cea (O Carballiño)e a masa cócese en fornos circulares de pedra de granito.

Todos os meses de xullo celébrase a Festa de Exaltación do Pan de Cea considerada Festa de Galicia de Interese Turístico. Esta iniciativa está organizada pola Identidade Xeográfica Protexida do pan de Cea, onde sea grupan todos os fornos e as panaderías que elaboran este tipo de pan.

Pan de Neda

A orixe do pan de Neda sitúase na Idade Media xa que no “salto da fervenza” do río Belelle había moitos muíños de trigo. Aínda que hoxe en día xa non se segue moendo nos muíños de auga e se incorporaron as novas tecnoloxías no proceso de elaboración do pan, en Neda seguen amasando á man e empregando trigo galego, maioritariamente procedente de Ourense. Os panadeiros do norte de Galicia fabrican todo tipo de pan, bolos, bolas e barras do país, entre outros. A súa festa de exaltación, que se celebra no mes de setembro, tamén está declarada de Interese Turístico.

Pan de Ousá

A parroquia de Ousá, no concello de Friol, tamén destaca polo seu pan, que se elabora con trigo autóctono e con pouco fermento. A súa forma parécese á do pan de Cea, aínda que este é menos alongado e ten unha miga máis compacta e suave. A súa festa de exaltación celébrase xunto coa do queixo da zona; e se combinamos ambos os dous – pan e queixo- podemos xantar un verdadeiro manxar de rei de reis .

Pan de Carballo

O sonado pan de Carballo é orixinario de A Brea. Elabórase con trigo, millo ou centeo moídos nos muíños da zona e que logo se mesturan coa auga do río Anllóns. Non destaca ninguna forma concreta xa que son diversas e distribúense por toda a Costa da Morte e a comarca de Bergantiños.

Son moitos máis os pans que se elaboran en Galicia e todos boísimos, pero desta volta con estes é dabondo . Non vaia ser que empachemos.

E mira ti se en Galicia somos fans do pan que este ano se creou unha cátedra do pan e do cereal no Campus de Lugo. Esta iniciativa é froito da colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Panadaría Da Cunha con sede en Carral.

E cal é o teu pan preferido? Se aínda non os probaches todos podes aproveitar e facer unha ruta por Galicia parando en cada unha das localidades: “a ruta do pan” poderiámola chamar.

Ata a próxima!

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novidades e a información dos teus servizos R
acepto os termos e condicións*

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

0 comentarios