menú
Manuel María

Manuel María, o poeta de Outeiro de Rei

12/05/2016
Blog R

Achégase o día das Letras Galegas e non queriamos deixar escapar esta ocasión para facer a nosa particular homenaxe á nosa lingua e aos nosos escritores.

Manuel María Fernández Teixeiro (Outeiro de Rei 1929 – A Coruña 2004) é o escritor homenaxeado este ano nas Letras Galegas. A súa obra engloba distintos xéneros: narrativa, poesía, ensaio e teatro nos que sempre está presente o seu compromiso social con Galicia e o noso idioma.

A súa vida

Manuel María naceu no seo dunha familia labrega, aínda que acomodada. Foi á escola en Outeiro de Rei e ao instituto a Lugo. A morte do seu pai marcouno moito e, a partir dese momento, o seu tío, que é crego e profesor de Filosofía, encargouse da súa educación. Na súa época de adolescente era habitual que lera A Biblia, a obra de Rubén Darío, os clásicos españois e da Xeración do 27.

Cando remata o servizo militar comeza os seus estudos e prácticas como procurador de tribunais. No ano 1956 coñece a quen será a súa muller e musa, Saleta Goi, unha vez casados instálanse en Monforte de Lemos onde o poeta exercerá como procurador ata a súa xubilación. Durante esa época Manuel María está en contacto con varios intelectuais galegos como Vicente Risco, Otero Pedrayo ou Florentino Cuevillas, entre outros. O seu indeleble compromiso social e cultural con Galicia quedou acuñado en abondosos acontecementos trascendentais para a cultura galega nos que participou Manuel María ao longo da súa vida.

No ano 1988 Saleta e Manuel múdanse a vivir a A Coruña, concretamente ao barrio de Monte Alto, onde pasará os seus últimos anos o escritor ata que falece o 8 de setembro de 2004.

A súa obra

No ano 1949 Manuel María convértese no editor da revista Xistral, onde publicou os seus primeiros versos en galego e a partir de aí comezou a súa carreira literaria. O seu primeiro libro publicado foi o poemario Muiñeiro de brétemas polo que recibiu moitos eloxios por parte doutros escritores como Otero Pedrayo. Con esta obra Manuel María sacou á luz unha nova corrente na lírica galega, A Escola da Tebra.

A finais da década dos cincuenta comeza a súa actividade como narrador e como dramaturgo, xa non só como poeta. Desa época son os libros Documentos persoaes (1958) e Mar Maior (19653). Coa chegada da transición á democracia en España escribe sobre o amor en Poemas de Outono onde se percibe un cambio na súa poesía que, a partir dese momento, vai ser máis humanista e intimista.

Aquí podedes consultar a ampla obra de Manuel María cunha gran diversidade de xéneros, un dos principais motivos de estar considerado un referente obrigado da literatura galega de mediados do século XX.

Aproveitamos esta ocasión para recordar o poema A Fala que se engloba dentro do poemario infantil As rúas do vento ceibe.

O idioma é a chave
con que abrimos o mundo,
o salouco máis feble,
o pensar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós,
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
máis grande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
Se perdemos a fala
non seremos ninguén!

O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte de que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
Precisamos a lingua
se queremos vencer!

As rúas do vento ceibe (1979)

Dende aquí o noso agradecemento á Casa-Museo Manuel María que nos facilitou  a imaxe do poeta e o poema orixinal de A Fala.

Un saúdo!

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novidades e a información dos teus servizos R
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

0 comentarios