menú
Lobos Sucios

‘Lobos Sucios’, unha historia de guerra e maxia

28/04/2016
Blog R

‘Lobos Sucios’ é unha das películas “made in Galicia” que se estrearon ultimamente nos cinemas. Trátase dun thriller baseado en feitos, historias e personaxes reais que transcorre nos anos corenta nunha mina de Wolframio nunha aldea de Ourense. Un tema que parecía esquecido por moitos que volve estar en primeira liña grazas a este filme.

Dende o 8 de abril, data da estrea, a acollida por parte do público e festivais foi moi boa. Aquí deixámosvos o tráiler para abrir boca por se non a vistes xa

 

 


 

 

Simón Casal é o novo director coruñés de 31 anos encargado de sacar á luz esta historia. Conta cunha ampla experiencia nos campos da publicidade e a fotografía, ademais do audiovisual. A continuación cóntanos como xurdiu e se desenvolveu esta aventura cinematográfica.

– Como coñeciches a historia das minas de wolframio en Galicia e como se che deu por levar ao cinema esta historia que parecía que estaba esquecida?

A historia chegoume a través de Paula Cons, produtora executiva de Agallas Films e co-guionista da película. Con ela xa traballara dirixindo unha tv-movie baseada na vida do emprendedor galego Eduardo Barreiros, película que nos foi moi ben e coa que gañamos o Gran Premio do Xurado no Festival de Houston e o Mestre Mateo na categoría de tv-movies. Ela propúxome dirixir ‘Lobos Sucios’ e aí foi cando entrei na produción.

– Felipe Rodríguez, autor de documental ‘Lobos sucios’, participa na película como guionista. Ten moito que ver este documental coa posta en marcha da película?

Felipe contactou con Paula para levar a cabo o proxecto. Escribiron algunhas versións de guión entre el, Paula e Noelia del Río. Logo incorporouse unha cuarta guionista, Carmen Abarca, que foi quen deu forma final ao guión. O documental de Felipe céntrase na figura de Miguel Cárdeñas, un preso político andaluz, destacado combatente na batalla de Andújar, e que cumpría unha pena de 30 anos de cárcere na mina de Casaio, que era un destacamento penal ao mesmo tempo, onde os presos redimían a súa pena con días e anos de traballo. Sobreviviu e cando saíu quedou na zona e casou cunha muller de alí.

– O tema principal da peli é a explotación das minas de wolframio nunha aldea de Ourense pero tamén están presentes a historia das irmás Touza que lles axudaban a fuxir aos xudeus, e situacións de esoterismo e ocultismo. Que é o que pretendes transmistir con estas tres tramas principais?

O tema que as une a todas é o sacrificio polos demais. Todos os personaxes nun momento ou outro da película móstranse dispostos a sacrificarse por algo máis grande que a súa propia vida ou a súa individualidade, por un ben común. E todos comezan a película marcados polo pasado, algúns como Manuela e Miguel, metidos cara a dentro, insensibilizados ou a piques de lanzarse a un abismo. Eran tempos de fame, sufrimento e desesperación e, con todo, xurdía a solidariedade ou a empatía entre descoñecidos, e producíanse acontecementos dunha gran heroicidade. A viaxe dos personaxes, o máis bonito e humano da película, reside en mostrar ese proceso no que se van abrindo, transformando, dunha desconfianza inicial a estar dispostos a loitar e arriscar a súa vida polos demais.

“Eran tempos de fame e sufrimento, pero xurdía a solidariedade entre descoñecidos, e producíanse acontecementos heroicos”

 

– Foi moi difícil que dúas das actrices “de moda” do momento, como Marián Álvarez (Goya á mellor actriz en 2013) e Manuela Vellés aceptasen os papeis que lles propuxeches?

O guión e os seus personaxes atraéronlles ao momento. Logo falei con elas por teléfono, preguntáronme que quería contar, como quería contalo etc. E tras unha longa conversación dixeron que si. No caso de Manuela (Marian Álvarez), o personaxe ten unha gran coraza ao principio da película, unha coiraza que lle impide sentir o sufrimento alleo, a conexión ou a empatía cos demais. Está bloqueada emocionalmente, e sentir amor ou atracción sexual son cousas moi enterradas dentro de si mesma. Na película ela vaise quitando capas aos poucos, vai disolvendo esa coiraza que a rodea, vai abríndose cara aos demais, redescubríndose e gañando confianza. Faino grazas á súa interacción cos espías aliados, con Miguel, cunha muller xudía, co enxeñeiro nazi, pero sobre todo grazas ao enorme exemplo da súa propia irmá. Esta viaxe central da película creo que resultou para Marian moi atractiva.

Simón Casal

– Antes de estrearse ‘Lobos sucios’ percorreu varios festivais nacionais e internacionais, como foi a acollida?

Comezamos en San Francisco, no Mill Valley Filme Festival, un dos mellores festivais cinematográficos de EEUU, e a reacción do público marcou a tónica que logo vimos noutros festivais de EEUU, e en diferentes cidades de Europa e Asia. A xente mostrábase emocionada coa película, sorprendida pola historia baseada en feitos reais que conta e impresionados por diferentes elementos, a humanidade dos personaxes, as interpretacións, o realismo máxico galego (como o chaman eles) e a beleza da película. Demostráronnos que a película conecta co público e emocionáo. E iso, a pesar de todas as nosas limitacións, fíxonos sentirnos moi satisfeitos dese primeiro contacto co público.

“A xente emocionouse coa historia baseada en feitos reais, os personaxes e a beleza da película”

 

– E como está a responder o público galego agora nas salas?

Arrincamos moi ben e estámonos mantendo. En Galicia a película foi fenomenal, en España estamos satisfeitos. Non tiñamos case cartos para publicidade e todo o que fixemos foi comunicación en medios e redes sociais. Tamén TVG e TVE1 axudáronnos a comunicar a película. Pero as salas comerciais son moi complicadas, enfróntaste a orzamentos de publicidade de 500.000€ cara arriba, ou a campañas publicitarias de grandes canles privadas, e se a túa película non conta con eses apoios, entón os cinemas tampouco teñen interese en colocar a túa película nas súas pantallas ou mantela durante varias semanas.
Incluso as películas brillantes, que gañan grandes festivais de cinema, teñen moi poucas posibilidades de competir en salas comerciais se non van acompañadas de grandes presupostos de publicidade.

“É complicado competir en salas comerciais contra orzamentos de publicidade de 500.000€, pero arrincamos moi ben”

 

– A túa paixón polo audiovisual veu influenciada pola profesión do teu pai, Pancho Casal?

Si, sen dúbida, empecei traballando na produtora que fundaron tanto o meu pai como a miña nai. Grazas a eles tiven a oportunidade de comezar a traballar en departamentos de produción e cámara, de facer a tv-movie que dirixín para FORTA, “Eduardo Barreiros”, e de coñecer a Paula Cons e Juan de Deus, guionista/produtora e produtor con quen fixen ‘Lobos Sucios’.

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novidades e a información dos teus servizos R
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

2 comentarios

  1. Isabel L.M. di:

    La he visto y me ha encantado. La recomiendo.