menú
samain

Festa do Samaín

25/10/2016
Blog R

Achégase o final de outubro e, con el, a festa do Samaín. Unha celebración que moitas aldeas e vilas de Galicia celebran a noite do 31 de outubro, co gallo do remate da colleita e da chegada do inverno. O Samaín tamén coincidía co momento no que as ánimas dos defuntos visitaban os seus fogares e familiares ao longo da noite.

Tradición
De seguro que ao ler a palabra Samaín moitas persoas pensan que se trata dunha adaptación do Halloween anglosaxón ás nosas tradicións. Pero non é así, xa que o Samaín se celebrou en Galicia ata hai trinta anos, época na que se pasou a celebrar o Día de Defuntos o 1 de novembro. Trátase dunha celebración errónea porque o Día de Defuntos é o día 2 de novembro e o día 1 é o Día de Todos os Santos, pero pode que se celebre aí debido a que é unha xornada festiva. Dende hai uns anos estase a recuperar esta tradición celta grazas, entre outras cousas, á tarefa do profesor Rafael López Loureiro que documentou a galeguidade do Samaín e promoveu o rescate desta festa por toda Galicia.

Son moitos os costumes que se levan a cabo durante esta celebración na nosa comunidade. O máis destacado é a elaboración de cabazas “terroríficas”, decorándoas con caras que meten medo, colocándolles pequenos paus a modo de dentes e poñendo unha candea dentro da cabaza para escorrentar os malos espíritos ao longo desa noite.

Cabazas
En diferentes localidades danlle un uso concreto ás cabazas. Así, en Quiroga, despois de decorar a cabaza, consérvase para empregala como máscara no entroido e en Catoira esa noite sae a percorrer as rúas da localidade a “procesión de caveiras” na que participan nenos e adultos cos seus disfraces aterradores e levan as súas cabazas iluminadas con candeas. Na zona das Rías Baixas á cabazas chámanlles “calacús”, en Pontevedra celébrase a “A noite dos calacús” na que maiores e pequenos decoran as súas cabazas ou “calacús” nun obradorio e logo colócanas nas xanelas e portas dos edificios da zona vella da cidade para que iluminen a noite.

Disfraces
Outra das tradicións desta noite é disfrazarse, pero non se fai por imitar ao Halloween. Antigamente en Galicia vestíanse con peles e cabezas de animais para escorrentar as meigas e os espíritos malignos. Hoxe en día faise con outro tipo de vestimentas que se relacionan con situacións terroríficas pero sempre mantendo o bo humor e alegría.

É que dá gusto saber que aínda que pasase a época das festas por excelencia, o verán, aínda quedan celebracións que nos fan levar mellor o outono e o inverno que se achega. E se queres saber onde se celebra o Samaín podes consultar esta axenda, ao mellor ata podes ir a máis dunha celebración.

Ata a próxima!

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novidades e a información dos teus servizos R
acepto os termos e condicións*

0 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*