menú
fariña

Fariña, de best seller a serie de televisión

24/05/2016
Blog R

Fariña é un dos libros máis lidos en Galicia dende o seu lanzamento o 21 de setembro de 2015. Este libro repasa detalladamente a historia do narcotráfico en Galicia, dende a época do estraperlo ata a actualidade. Toda a historia está documentada con testemuños directos, xuíces, policías, xornalistas, nais de toxicómanos e narcos arrepentidos.

O xornalista Nacho Carretero (A Coruña, 1981) é o autor deste libro, o primeiro no seu currículo, pero xa conta cunha ampla traxectoria xornalística ás súas costas. Colaborou como reporteiro autónomo en diversos medios de comunicación, como XL Semanal, Jot Down, Gatopardo, Orsai, El Mundo ou El País sobre diversos temas como o xenocidio de Ruanda, o ébola ou o conflito Sirio. Actualmente traballa como reporteiro no xornal El Español, e entre reportaxe e reportaxe conseguimos que nos contase algúns aspectos sobre a redacción de Fariña.

– Despois de escribir crónicas e reportaxes sobre diferentes temas e en diferentes publicacións, lin que este era un tema que sempre tiveches en mente. Por que cres que estaba mal abordado ou sen abordar con todo o impacto que tivo en Galicia?

Non estaba mal abordado. Os xornalistas galegos fixeron unha grande e moi valente laboura durante moitos anos. Xente coma Elisa Lois, Benito Leiro ou Xulio Fariñas xogáronse a vida por informar e miraron cara a cara aos narcos. Si creo que faltaba un proxecto que sacase todo ese traballo das páxinas de sucesos dos xornais e as convertise en algo distinto, algo se cadra un pouco más literario ou atractivo. Fariña, ao final, non é senón un encaixar de pezas do que resulta un retrato xeral da historia do narcotráfico galego.

– Un dos aspectos que máis destaca de Fariña é o ben documentado que está. Foi doado que as diferentes fontes che transmitisen toda esa información?

Non foi doado. E, de feito, foi unha das cousas que máis me chamou a atención. Aínda existe moito medo e desconfianza, especialmente entre os veciños de Arousa. A xente segue preferindo non falar e mirar para outro lado, como que non vai con eles o asunto. Ocorreume tamén coas fontes oficiais, que me pedían non dar o nome. En cambio agora, despois do éxito do libro, todo o mundo quere falar e contarme cousas. Xa poderían ter aparecido antes.

“Existe medo e desconfianza, pero tras o éxito do libro, todo o mundo quere contarme cousas”

– Un dos puntos interesantes é ver a evolución que houbo, como analizas a evolución histórica de Galicia, como nos tempos da posguerra se crea unha rede de contrabando de produtos básicos con Portugal, como despois chega o tabaco… Cres que a pobreza, a falta de educación, de recursos e de oportunidades son un bo caldo de cultivo para as organizacións criminais?

Está claro que se hai carencias, a xente vaise buscar o caldo por onde poida. Algo así ocorreu en Galicia. Os veciños vían coma os seus iguais portugueses doutro lado da raia tiñan menciñas e luz eléctrica, mentres que os galegos apenas tiñas que xantar. Con esa paisaxe é doado entender que os contrabandistas foran xente respectada e admirada. E esa cultura transmitiuse ata chegar ao narcotráfico.


– Segue habendo medo a falar do narcotráfico en Galicia?

Coma dicía antes, creo que si. Aínda existe un desinterese ou temor por referirse ao asunto.

– Segundo narra o libro “…la operación “Nécora” acabó con la ostentación, pero el narcotráfico sigue…”, cres que segue estando presente hoxe en día? Se é así, cres que as bandas de aquí seguen estando en contacto con cárteles de América do Sur?

O narcotráfico galego segue presente e Galicia segue a ser unha das portas principais de entrada de cocaína en Europa. O asunto é que agora os clans galegos son moito más discretos, polo que o tema da ostentación xa non existe. Se antes viamos a Sito Miñanco en descapotable por Cambados ou a Laureano Oubiña vivindo no pazo de Baión, hoxe non sabemos nada dos capos galegos actuais. E, por suposto, seguen traballando para os grupos colombianos. Son os seus transportistas.

“En Galicia segue presente o narcotráfico aínda que os clans galegos son moito máis discretos, non hai tanta ostentación”

– Sen dúbida, no teu libro hai moitas e sorprendentes anécdotas. O mellor é mercalo , pero cal foi a que máis che sorprendeu ou impactou?

Chamoume a atención un feito que ocorreu no 2013, hai só tres anos. A testemuña clave que ía participar no xuízo contra “el Pastelero” desapareceu o día anterior da sesión. Tamén outra testemuña, un mariñeiro venezolano, aparece morto preto de Vigo. Son cousas que nos lembran que o narcotráfico en Galicia segue presente.


– Foron moitos os axentes sociais que loitaron contra o narcotráfico en Galicia pero houbo un que fixo especialmente unha loita moi intensa: as nais da fundación Érguete. Como valoras o seu papel ao longo destes anos?

O papel das nais e pais que ergueron a voz contra os narcos nos anos 80 e 90 é fundamental. Galicia debería estar sempre agradecida a este puñado de bravos. Grazas a estas nais e pais que se xogaron a vida o Estado reaccionou e atacou por fin as organizacións.

“Galicia debería estar sempre agradecida a eses pais e nais que ergueron a voz contra o narcotráfico nos anos 80 e 90”

– Nestes momentos están de moda as series sobre o narcotráfico como “Narcos”, “Pablo Escobar: el patrón del mal” e proximamente vaille tocar o turno a “Fariña” da man de Bambú Producciones. Como recibiches a nova?

Unha ledicia, claro. Non podía imaxinar que a historia que se conta no libro puidese rematar sendo una serie de televisión. Esperemos que quede xenial. Seguro que así será.

Nacho Carretero

– Creo que, ademais, vas colaborar cos guionistas na adaptación. Entendo que non é o mesmo elaborar un libro así que intentar facer unha serie. Como afrontas este reto?

É moi diferente. Sería incapaz de escribir un guión dunha serie. O meu papel é de asesor de guión e axúdolles en todo o que podo aos guionistas, con documentación, investigación, contactos, etc.


– Teño entendido que na actualidade vives en Madrid, que foi o que te levou a emigrar para a capital?

Tiña ganas de saír un pouco da miña cidade, pero sobre sobre todo foi a necesidade profesional de medrar e afrontar novos retos.

– Aínda que te deixas ver de vez en cando por Riazor para animar o Dépor, para cando unha volta definitiva a Coruña?

De momento estou contento en Madrid. Ademais, queda mellor situada para poder desprazarme co Dépor e animar o equipo cando xoga fóra da casa. Iso si, a terra tira.

 

Un saúdo!

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novidades e a información dos teus servizos R
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

0 comentarios