menú

Evolución dos xogos de mesa

05/07/2014
Blog R

A Oca, o Parchís, o Trivial, o Monopoly, o Cluedo… Quen non pasou grandes momentos arredor dunha mesa xogando con algún destes clásicos?

Iso si, o que pense que os xogos de mesa tradicionais non evolucionaron non ten máis que botarlle un ollo a webs como BoardGameGeek, a maior plataforma mundial de xogos de mesa, que agrupa nada menos que 10.000 títulos para todos os públicos: temáticos, familiares, de estratexia, de rol… Precisamente nesta clasificación, e por debaixo do posto 3.000, atopamos Huida de Silver City, un xogo de supervivencia zombie creado en Galicia por “Peká”, unha nova editorial nacida ao abeiro deste tipo de ocio.

emprendendo dende Vigo
Durante moito tempo, Adrián Ferreiro foi presidente dunha asociación xuvenil adicada aos xogos de rol, cartas e estratexia. Froito desa experiencia, a cotío vía “como autores con grandes ideas para desenvolver novos xogos non atopaba apoio nas editoriais, máis centradas ás veces en importar produtos estranxeiros”. Así que un día decidiu emprender cunha filosofía clara: “apostar por xogos de mesa de autor e potenciar o produto nacional e galego”. Converteuse así nun dos escasos editores españois de xogos de taboleiro modernos. Quen dixo medo?

E é que, aínda que en España non é unha industria moi desenvolvida, o mercado dos xogos de mesa e de taboleiro segue medrando cada ano cunha oferta moi diversificada e move millóns en EEUU e en Europa, onde Alemaña se configura como o mercado máis potente.

Este ano Peká Editorial estreouse por todo o alto facendo as delicias do público máis friki. Con Huida de Silver City, en apenas dous meses cubriron as expectativas de vendas de dous anos. “É un xogo de zombies creado por un autor galego, Diego Lobariños, coa novidade de que achega unha visión distinta e innovadora desta temática”, di Adrián. A dinámica é sinxela. Hai catro xogadores, cada un coa súa personalidade, atrapados en Silver City durante un holocausto zombi. O obxectivo é saír da cidade e, para facelo, só hai tres opcións: o heliporto, a ponte ou o embarcadoiro. E todo en tempo marca: unha conta atrás marca o fin da cidade, que será destruída por unha bomba nuclear.

o proceso editorial dun xogo de taboeiro
Detrás de Huida de Silver City e do resto de xogos que teñen en preparación en Peká Editorial hai meses e meses de traballo. “O primeiro paso é investigar o mercado para valorar que temática pode encaixar mellor e encargarlle o xogo a un autor”, comenta Adrián. Outras veces a iniciativa xorde de entre as propostas que lles achegan os novos autores ou froito do seu paso por feiras especializadas. Coa primeira versión do xogo na man chega a fase de axeitalo ao mercado (normas, tempo de duración…) e crear o contorno gráfico: taboleiro, fichas, miniaturas de xogadores… Finalmente, cos grupos de testeo, vanse facendo probas e introducindo cambios.

Con toda a ilusión, Peká afronta agora a expansión internacional de Huida de Silver City e a saída ao mercado de dous novos xogos, ben diferentes en temática ao primeiro. “Para o Nadal comercializaremos un xogo baseado no libro 10 negritos, de Agatha Christie”, afirma. Ademais, o propio Adrián está traballando en Tears of Jerusalem, un xogo histórico de autoría propia que trasladará aos xogadores ao apaixonante mundo das cruzadas.

Sen dúbida, unha opción de ocio de calidade que merece probar e descubrir. Podedes atopar os xogos de Peká na súa web ou en tendas especializadas.

http://pekaeditorial.com

http://boardgamegeek.com/boardgame/138166/huida-de-silver-city

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novidades e a información dos teus servizos R
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

0 comentarios