menú

Buxaina

04/07/2014
Blog R

O Senet, orixinario do Antigo Exipto, é un xogo de mesa milenario. Os siareiros da serie Perdidos probablemente o recorden por ser un dos pasatempos favoritos de Jacob.

Non é preciso que viaxedes ao Museo de Brooklyn en Nova York para apreciar unha destas pezas. Grazas a Buxaina, unha iniciativa galega orientada a recuperar e fabricar artesanalmente xogos de mesa, podedes desfrutar na casa dun entretemento que no seu día conquistou a nobres e faraóns exipcios.

Os artífices? Ana Teijeiro e Suso López. Un bo día, este matrimonio de Fene decidiu deixar atrás a súa labor no mundo da carpintaría para adicarse á investigación e á recuperación de xogos tradicionais.

Abriron a tenda online en 2011, “coincidindo co Día da Buxaina de Fene”, recorda Ana. Detrás do catálogo, centos de horas de traballo nas que a historia e a pericia artesá van da man para crear o xa mencionado Senet; o Carrom, nacido na antiga India “é un dos máis entretidos”; ou o Molino TQ, orixinario do Imperio Romano. Tampouco faltan os de toda a vida: o xadrez, a oca ou o parchís, coidadas edicións limitadas realizadas en madeira.

Os xogos de Buxaina, auténticas pezas de coleccionista que se venden a todo o mundo, serven tamén para decorar. “Estabamos fartos de que os xogos estivesen sempre amontoados nunha esquina”, comenta Ana. Na súa teima de que ocupasen un lugar privilexiado, ocorréuselles crear cadros con eles. “Pódense colgar na parede e detrás contan cun caixón para gardar as fichas”, explica relembrando as decenas de probas erradas que quedaron polo camiño ata dar co prototipo. “Queimei moita leña aquel inverno”, bromea. Sen dúbida, un xeito estupendo de revalorizar o papel do xogo na sociedade e na familia. Quen se anima a unha partida?

http://www.buxaina.com

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novidades e a información dos teus servizos R
acepto os termos e condicións*

0 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*