menú
Featured Video Play Icon
Featured Video Play Icon

Comeza o verán coa mellor música en Tolemias

12/06/2017
Blog R

Coa chegada do verán, desfruta da mellor música en Tolemias. Non hai xénero musical que se lle resista.

Sexy Zebras

Cando un grupo cunha traxectoria curta, rodeado de xigantes, sobe ao escenario dun festival e se autoproclama o mellor grupo do evento, faiche dubidar. Os Sexy Zebras foron e son o maior e máis fresco aire que respiramos no panorama musical nacional dos últimos anos. Irreverencia e unha forza desmesurada con calidade musical á hora de interpretar, esa era a caracterización dun músico antes do 2000, e estes mozos recollen ese espírito para destacar nun mar con moita máis calma da esperada nos últimos anos na industria musical.

Varry Brava

Brillan por si sós. Non polas cores e as roupas, nin polas gafas. Pola súa música. O nivel de movemento xerado entre o público de Vilalba case provoca un terremoto en Lugo cando os oriolanos subiron ó escenario. Os ritmos pegadizos van da man de letras que te invitan, sen ningún tipo de vergoña, a saltar, bailar, cantar, saír… xusto o que precisa un festival. A evolución de Varry Brava é imparable nos seus 8 anos de vida e desexamos que non pare nunca, e así, nós non pararemos de bailar con eles.

Villanueva

O cantautor vigués deu unha volta ás súas composicións para profundar nas súas raíces musicais e facer un traballo realmente chamativo. Imaxes mentais son evocadas constantemente coas letras de cada un dos temas, que, ademais de estar caracterizados transversalmente por ese estilo indie tan marcado, están adornados con motivos e efectos moito máis arriscados. Pero, sen dúbida, dese risco sae o maior acerto posible para un músico: a satisfacción de facer o que quere e que soe así de ben.

The Lákazans

Teñen unha formación un tanto peculiar que inclúe harmónica, percusión con darbuka, culleres e washboard, entre outros elementos, ademais de batería, baixo, guitarra (acústica/ eléctrica/ slide) e dúas grandes voces femininas, Sabela e Almudena. Todo isto dálle á banda un carácter moi particular e pouco habitual neste lado do continente. Ese son de Chicago en Memphis, pero cargado de afouteza ou morriña, segundo conveña, é o que mellor define a estes ‘lákazans’.

Bakin Blues Band

É un quinteto de blues. No 2015, presenta o seu segundo traballo baixo o título ‘It’s always party time at home’. Nel aglutina ese blues que máis os influíu nos case nove anos de vida da banda e a partir dos cales compuxeron un puño de cancións. Dende que no 2012 iniciaran a colaboración coa sección de metais da Magnifique Bande dos Homes sen Medo para acompañar á famosa intérprete de soul Barbara Lynn, o entendemento foi tan inmediato e natural, que a Bakin montou con eles un octeto que fai soar con contundencia todo o repertorio de Chicago blues, soul e boogie-woogie que a banda vén defendendo por toda a península.

Xavi Ferreiro

Xavi Ferreiro volve editar un novo traballo despois de 15 anos afastado dos estudos de gravación. O cantautor, asturiano de nacemento pero galego de alma, regresa á súa terra dende o seu exilio laboral en Suíza con 11 potentes temas debaixo do brazo. ‘Mudan’, que conta coa produción e arranxos de Segundo Grandío, é a representación absoluta da vontade de avanzar. As letras das cancións teñen unha riqueza de significado e profundidade que fan que atopes unha nova mensaxe cada vez que as escoitas.

Subscríbete a Tolemias por 1,10€/mes (IVE incluído).

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novas da programación e da tele
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

0 comentarios