menú

Setembro, un mes de retratos en Play-Doc TV

28/08/2017
Blog R

En setembro, Play-Doc TV presenta unha selección arriscada de títulos que tiveron un exitoso percorrido por festivais de todo o mundo e que teñen a idea do retrato como denominador común, ben sexa de personaxes anónimos ou personaxes soados, marxinados ou populares, individuos ou parellas.

Cinco historias que retratan personaxes dunha liberdade extraordinaria e que desbordan inspiración, forza e sensibilidade:

‘Il Solengo’, ‘Oleg y las raras artes’ e ‘Chantal Akerman, desde aquí’ céntranse en personaxes transgresores que habitan nas marxes da sociedade e a cultura. É o caso do ermitán Mario de Marcella, personaxe misterioso elevado a mito, que viviu illado durante toda a súa vida na campiña italiana; ou o recentemente falecido Oleg Karavaichuk, extravagante xenio da música, neno prodixio e personaxe singular; ou a realizadora belga Chantal Akerman, figura emblemática da xeración post-Nouvelle Vague, cineasta de culto radical e símbolo feminista.

Doutra banda, en ‘Omar y Gloria’ e en ‘E agora? Lembra-me’, a idea de retrato esténdese a relacións máis complexas nas que os personaxes se vinculan á realidade a través dunha necesidade de rexistrar o mundo, filmando a cotidianidade e a intimidade da súa vida familiar.

‘Il Solengo’

Un grupo de vellos amigos reúnese nunha pequena cabana para lembrar a Mario de Marcella, un ermitán que vivía no bosque preto de Roma. Chamábano ‘Il Solengo’, que no dialecto toscano fai referencia a un xabaril illado da manda.

‘Oleg y las raras artes’

Incursión no universo persoal, mental e creativo dun artista único que foi unha figura enigmática para a cultura de todo o mundo, non só a rusa.

‘Chantal Akerman, desde aquí’

Este documental presenta unha entrevista en inglés, sen cortes, realizada á prestixiosa realizadora belga. Durante 60 minutos, escoitamos as reflexións de Akerman sobre a súa propia obra e métodos de traballo.

‘Omar y Gloria’

Gloria, aos seus 80 anos, está chea de luz. Dende hai máis de 15 anos, Omar é o seu acompañante e parella de baile. Tras gravarse en vídeo como parte da súa cotidianidade, Omar e Gloria rexistran cada instante da súa vida como cineastas afeccionados e funcionan como espectadores de si mesmos.

‘E agora? Lembra-me’

Este documental narra a loita do propio director Joaquim Pinto contra o virus da SIDA, enfermidade que o realizador portugués combate dende hai case 20 anos. O filme é a crónica dun ano de estudos clínicos con drogas e toxinas aínda non aprobadas. Unha reflexión aberta e ecléctica sobre o tempo e as memorias, sobre as pandemias e a globalización e sobre como sobrevivir ás expectativas.

Subscríbete a Play-Doc TV por 2,30€/mes (IVE incluído).

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novas da programación e da tele
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

0 comentarios