menú
Featured Video Play Icon
Featured Video Play Icon

Outubro, o mes do San Froilán en Tolemias

11/10/2016
Blog R

As festas patronais de Lugo chegan a Tolemias, que este mes conta cun especial con concertos gravados no San Froilán.

Les Tambours du Bronx: É unha banda francesa de percusión industrial creada en 1987. Conta con 17 músicos no escenario rodeados de sons sintéticos misturados con ritmo potente. Música enérxica, unha mestura de indus, afrobeat, drum’n’bass, hip-hop, rock, metal, hardcore e techno. O que comezou como unha broma entre amigos converteuse en referente internacional da percusión urbana. 20 anos despois, a banda xa pasou polos EE.UU., Brasil, Arabia, Marrocos, Tunes, Grecia, Illa Reunión, Djibouti, Eslovenia e por toda Europa.

Efecto Pasillo: É un grupo musical de rock alternativo e pop rock con elementos latinos e funk. Nacido na illa de Gran Canaria en 2007, debutaron coa canción ‘Chacho’ en 2010 e co lanzamento do seu álbum homónimo ‘Efecto Pasillo’. Grazas a ‘Chacho’ percorreron gran parte do país actuando en directo en varias canles xeneralistas como TVE, Antena 3, a Sexta ou Televisión de Cataluña, entre outros. Antena 3 escolleu o seu sinxelo ‘Pan y mantequilla’ para a canción do verán 2012. Este é o principal tema do seu segundo álbum: ‘El misterioso caso de…’.

Susana Seivane: Naceu en Barcelona no ano 1976 no seo da familia Seivane, un dos apelidos con máis prestixio e sona dentro do mundo dos gaiteiros e artesáns de gaitas de Galicia. Comezou a súa andaina musical ao cumprir tres anos da man do seu pai Álvaro Seivane. Aos 9, trasládase xunto coa súa familia a Cambre (A Coruña). Xa en Galicia, entra en contacto con mestres gaiteiros da talla de Ricardo Portela ou Moxenas que, xunto co seu propio avó, Xosé Manuel Seivane, influenciarían grandemente o seu xeito de entender e interpretar a música tradicional galega. O seu último traballo, ‘Esperando a Fiz’, é posiblemente o disco máis intimista da gaiteira.

The Cornelius: Unha banda con espírito de rock, influenciada por un montón de vellos discos e sons pops contemporáneos, á que lle interesan as boas melodías que saben vestir con elegancia. Durante os seus sete anos de existencia, traballaron coa xente do talle de Mike Glossop (produtor habitual de Van Morrison) ou Tatsuya Sato (Madonna, Rihanna). Entre disco e disco, tiveron tempo de facer xira por todo o país. O seu novo traballo, ‘Walking in Circles’, reafirmará máis, se cabe, a súa personalidade. É un disco cheo de luz, gravado no verán de 2012, o seu traballo máis persoal e coidado.

La Pegatina: Celebra os seus dez primeiros anos de historia con ‘Eureka!’, o seu cuarto álbum de estudo. Coproducido xunto a Marc Parrot, no disco colaboran un bo puñado de amigos: Baciamolemani (Sicilia), Romi Anauel (Angola), Esne Beltza (Euskal Herria), Mario Díaz (Andalucía), o mesmo Marc Parrot e Love of Lesbian (Catalunya).

La Pandilla Voladora: É o grupo de rumba-rock por excelencia. Rescatada de alucinantes naufraxios, a tripulación ao completo da Nave xa está en órbita. Compoñen a banda Muchachito Bombo Infierno, Albert Plà, El Lichis (A Cabra Mecánica), Tomasito e El Canijo de Jerez (Os Delinqüentes) acompañados polos músicos Diego Cortés, Ricardo Moreno e Juan de Dios Martín.

Subscríbete a Tolemias por 1,10€/mes (IVE incluído).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

0 comentarios