menú
Featured Video Play Icon
Featured Video Play Icon

O mellor blues que se ve por Galicia, en marzo en Tolemias

03/03/2016
Blog R

Marzo soa a blues en Tolemias.

The Lakazans: banda formada no 2012. As súas influencias van dende o blues mais clásico de artistas como Howlin Wolf, Muddy waters ou Hound Dog Taylor ata o soul de Aretha Franklin, Etta James ou Sam Cooke, pasando polo country de Johnny Cash. Sen esquecer os grandes clásicos e os novos talentos do rockabilly e o rock & roll, como Imelda May e os tres irmáns que forman Kitty, Daisy & Lewis. Teñen unha formación un tanto peculiar con harmónica, percusión que inclúe darbuka, culleres e washboard, entres outros elementos, ademais de batería, baixo, guitarra (acústica/ eléctrica/ slide) e dúas grandes voces femininas, Sabela e Almudena. Todo isto xunto dálle á banda un carácter moi particular e pouco habitual neste lado do continente.

Carlos Childe: É o músico grazas a quen o blues está na Rede Galega de Música ao Vivo. Vive en A Coruña, cidade na que este ritmo cobra vital importancia xa que é xermolo dalgúns dos grandes do blues en Galicia. Trátase dunha mestura de blues de Chicago con toques do de Memphis o cal, xunto coa voz de Carlos, fai que a súa interpretación teña uns rasgos moi persoais.

Víctor Aneiros: Presenta nos estudos de Casa de Tolos o seu último traballo ‘A soidade pide copas nos bares’. Son versións acústicas tiradas de tres discos anteriores, ‘O blues do amencer’ (2004), ‘Heroe secreto’ (2008) e ‘Brétemas da memoria’ (2010). Xuntas, as pezas compoñen un sublime fresco arredor da melancolía. As versións de ‘Miña bala perdida’, ‘Vida bohemia’, ‘Un tute á morte’ e ‘Autor de westerns’ cobran novos significados nos solos da guitarra clara, limpa, espida de Aneiros. E medran tamén en intensidade, coa incorporación afortunada dun vello coñecido do guitarrista, o pianista Fran Rey, con quen manten fermosos diálogos. É un do amistoso, parolado con profunda sinxeleza, fronte á guitarra de Aneiros.

Guadalupe Plata: É un grupo español de blues xurdido na cidade de Úbeda, caracterizado por titular todos os seus discos co mesmo nome do grupo e pola súa proxección internacional. O trío de blues-rock debe o seu nome á virxe da súa localidade xienense de Úbeda e baséase na forza e sinxeleza das súas guitarras, a ausencia de electrónica e no surrealismo e escuridade da súa lírica. A banda é ademais fiel aos seus instrumentos, como guitarras caseiras ou un curioso baixo construído cun barreño de cinc. Os grandes éxitos de crítica e os importantes premios outorgados grazas ao disco homónimo de 2013 leváronos a realizar multitude de concertos por distintas salas e festivais, mesmo viraron por parte de Europa e América. O tamén homónimo disco de 2015 foi gravado nos estudos Toerag de Londres baixo a produción de Liam Watson.

Bakin Blues Band: É un quinteto de blues. En 2015 presenta o seu segundo traballo co título ‘It’s always party time at home’. Aglutina os paus do blues que máis influíron nos case nove anos de vida da banda e a partir dos cales compuxeron unha manchea de cancións. Dende que en 2012 iniciaran a colaboración coa sección de metais da Magnifique Bande dos Homes sen Medo para acompañar á famosa intérprete de soul Barbara Lynn, o entendemento foi tan inmediato e natural que a Bakin non dubidou en contar con eles para construír un octeto que fai soar con contundencia todo o repertorio de Chicago blues, soul e boogie-woogie que a banda ven defendendo por toda a península.

Miki Nervio: A veterana banda de blues Miki Nervio and The Blues Makers toca en Culleredo no Fórum Celticum os temas que os están levando por todos os lugares da xeografía galega. O seu directo ten unha imprenta propia que os leva a estar entre os grupos de blues que máis xente levan aos seus concertos. O grupo recorda ás míticas bandas do Missisipi pola súa forma de tocar e transmitir o blues que se fai nesa zona de Estados Unidos.

Subscríbete a Tolemias por 1,10€/mes (IVE incluído).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

0 comentarios