menú
Featured Video Play Icon
Featured Video Play Icon

Da ‘música galega’ de Tiruleque á infantil de Gramola Gominola

12/07/2016
Blog R

Folk, clásica e, ademais, música infantil. Música para todos os públicos en xullo en Tolemias.

Tiruleque: Na primavera de 2002 nace como proxecto Tiruleque, consecuencia das inquedanzas musicais de cinco rapaces, todos eles chegados do mundo da música tradicional. Bebe nas fontes da tradición musical galega recollida, por exemplo, nos cancioneiros e identifícase co termo ‘música galega’. Mostra unha maior predilección polas composicións propias. En setembro de 2009, o grupo publica o seu primeiro traballo discográfico, autoproducido polo propio grupo, co que participa en festivais de recoñecido prestixio, como o Festival de Pardiñas, Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira ou o Festival Intercéltico de Lorient na súa 41ªedición, entre outros. En setembro de 2013, e escollendo de novo a autoprodución, sae á luz o seu segundo disco, baixo o título ‘Mu!!’.

Cuarteto Caramuxo: É un dos máximos expoñentes das novas tendencias na música folk galega, cunha longa e premiada traxectoria nos escenarios, aínda que cun só traballo discográfico ata o momento (‘Tiruriru’). Os sinais de identidade do Cuarteto Caramuxo residen na singularidade da súa instrumentación, composta por catro clarinetes, acordeón e percusión; os arranxos e as composicións sobre melodías tradicionais; e unha coidada posta en escena. No concerto do Festival de Ortigueira, interpretan principalmente as máis recentes composicións que forman parte do seu segundo disco.

Kan: Brian Finnegan e Aidan O’Rourke, os homes á fronte das dúas bandas probablemente máis reverenciadas na escena folk, Flook e Lau, uniron as súas forzas con dous dos máis brillantes artistas do mundo do ritmo e o acompañamento para realizar un innovador proxecto musical. Os dous son compositores e agora dan vida ás súas novas composicións cun chispeante estilo, acompañados do novo guitarrista Ian Stephenson e do experto batería de Manchester Jim Goodwin. Os catro teñen un equilibrio perfecto entre graza e enerxía, luces e sombras, nunha unión única que resulta hipnótica. ‘Sleeper’ é o álbum de estrea de Kan.

Treacherous Orchestra (a Orquestra dos Traidores): É unha de moitas pezas, un conto contado que abrangue o longo e ancho de Escocia. Unha forza colectiva non definible fusionando persoas, conceptos, estilos e influencias, dando forma a un supergrupo musical que desafía a descrición. A esencia da banda son as historias dos propios membros; todos saen do seu propio hábitat musical e engaden a súa propia identidade distintiva. A banda está composta por músicos experimentados que xa están a percorrer camiños notables e alcanzan o recoñecemento internacional con outras bandas como intérpretes, arranxistas e compositores.

Gramola Gominola: Grupo de música infantil que fai un repaso da música do último século a través dos diferentes estilos, sempre tomando o rock como eixe principal no seu espectáculo. O rock and roll, funk, ska, reggae ou o folk están presentes neste espectáculo para nenos (e non tan nenos).

Real Filharmonía de Galicia con Cristina Pato: ‘Widows of the Living and of the Dead (Viúvas de Vivos e Mortos)’, concerto para Gaita e Orquestra. Cristina Pato gañou un Grammy polo traballo ‘Yo-Yo Ma and Friends: Songs of Joy and Peace’, é membro do Silk Road Ensemble, ten pezas escritas para ela por compositores como Olvaldo Golijov e Emilio Solla e levou a gaita aos territorios até entón inexplorados do jazz e da bossa brasileira. Foi Cristina quen encomendou esta obra, como parte do seu ‘Gaita and Orchestra Commissioning Project’, con axuda do New Music USA. O concerto ten tres movementos, cunha duración total aproximada de dezaoito minutos, e require o emprego de dúas gaitas.

Subscríbete a Tolemias por 1,10€/mes (IVE incluído).

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novas da programación e da tele
acepto os termos e condicións*

0 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*